A área de galego do Instituto Español Cañada Blanch de Portobello realiza unha actividade artística na que os alumnos e alumnas imaxinan como serán dentro de 10 anos. Galego en Londres, que é o nome que utilizan nas redes, volve desenvolver outro proxecto admirable.
Levar a arte ás aulas. Esa era a premisa inicial de Eu en 10 anos, un proxecto que é unha colaboración entre a Área de Galego do Instituto Español Cañada Blanch coa iniciativa Experimento Limón, que ofrece obradoiros nos que se incorporan ferramentas da actividade artística no desenvolvemento cotián das clases. A actuación en Londres foi baixo o nome de Making Art Happen.
“A idea era facer unha reflexión sobre a identidade e a pregunta de partida foi ‘Como vou ser eu en 10 anos?’. O achegamento á fotografía poñía o foco non tanto na técnica como na ollada artística”, relata Begoña González Rei, a profesora da Área de Galego. Coa axuda da fotógrafa Cristina Calvo, o alumnado do Cañada Blanch tivo que facer en media hora unha autoimaxe do seu futuro, utilizando simplemente os elementos que podían atopar no instituto. E despois, sen preparación previa, describir como se proxectarían en dez anos e intentar explicar cales serían as súas fortalezas e as súas debilidades para acadar esa meta. Todo en galego, claro.
“Eu como profesora creo moito na interdisciplinariedade, e coido que actividades coma esta fan que os rapaces asocien a lingua galega a todo tipo de disciplinas, ao progreso e á modernidade, e contribúen a desenraizar prexuízos que nos vinculan sempre cunha visión romántica e tradicional de Galicia”, relata Begoña. Neste proxecto ademais os alumnos e alumnas tiñan que facer un produto final en galego que ía ser público. Nesta lista de reprodución están todos os vídeos.
É moi importante salientar o tipo de alumnado que acode ás aulas de galego do Cañada Blanch. Por unha parte hai bastantes rapazas e rapaces que son galegos ou fillos de galegos e que proceden maioritariamente da Costa da Morte. Moitos xa naceron en Londres pero teñen un modelo de galego na casa e acoden a estas clases para manter o vínculo coa súa terra. E por outra parte hai alumnos que non teñen relación ningunha con Galicia e que escollen a materia optativa de galego por ser algo especial e diferente e porque lles gustan os proxectos que se fan.
En “Eu en 10 anos” participou basicamente alumnado sen relación con Galicia, que aprendeu na aula todo o galego que sabe. Vicky, unha madrileña de orixe nixeriana que quere ser doutora; María, unha futura activista de Murcia, ou Kirsi, que quere traballar nunha ONG e que é de familia mixta canaria e finesa son só algúns dos exemplos.
“Estou moi contenta co número de matriculados. Hai que ter en conta que o Cañada Blanch é un instituto pequeno, e que un terzo do alumnado cursa galego. Na ESO, que é a etapa na que se oferta galego dentro do currículo oficial como materia optativa, hai este curso 45 alumnos matriculados. E en primaria non hai galego regrado, pero fago dúas clases extraescolares á semana, ás que acoden outros 30 rapaces de entre 3º e 6º de primaria”, conta Begoña.
Desde hai anos a Área de Galego do Instituto Español Cañada Blanch ven desenvolvendo multitude de actividades de dinamización do noso idioma en Londres. O seu traballo, cada vez máis coñecido, é un exemplo de todo o que se debería facer desde unha institución así: propostas actuais e interesantes, feitas con moito coidado e dedicación, e sobre todo, con paixón. Teñen un nome que o aglutina todo: Galego en Londres. E con este título manteñen un blog moi coidado no que se pode consultar todo o que fan e unha páxina de Facebook que é un referente para todos os galegos da cidade e que xa ten máis de 7000 seguidores.
Unha das súas iniciativas máis interesantes son os Encontros no Cañada, que funcionan como unha ponte entre a escola e o universo galego de fóra dela. Polas clases pasaron londoners galegos altamente cualificados e artistas e profesionais galegos de paso pola cidade que queren colaborar. Nos últimos anos pasaron pola sede do instituto en Portobello Carlos Blanco e Luís Davila, Avelino González, Francisco Castro, Mercedes Peón, Luar na Lubre, Uxía, ou Xabier Díaz, entre outros.
E se todo o relatado non fose suficiente, desde o instituto fan proxectos audiovisuais como unha curta de stop motion ‘O IE Cañada Blanch é moi singular’ para celebrar os 25 anos de ensino do galego na escola, a campaña “Homes con saia” contra os roles e estereotipos de xénero, unha transmisión en directo dunha visita ao Natural History Museum conectados por Instagram co alumnado do IES do Castro de Vigo, ou o proxecto audiovisual ‘Atrévete con Londres’ que xurdiu para recibir en Londres o alumnado do CPI Camiño de Santiago de Arca.
Tal como recoñece Begoña, o traballo de profesora de galego neste instituto é ben distinto a Galicia: “É algo máis. Por unha banda, temos que manter o brillo da ilusión nos ollos do noso alumnado permanentemente. E por outra, temos que ser capaces de dar clase, de programar cultura, de facer carteis, de montar vídeos, de xestionar redes, de facer contactos... Estamos en contacto permanente coa nosa comunidade e tamén temos un papel activo no asociacionismo cultural na cidade: apoiamos e promovemos activamente as actividades que proxectan e divulgan a lingua e a cultura galega por aquí”.
Ademais das razóns propias de dar clase e ensinar galego, Begoña atopa outras moito máis profundas que xustifican a continuidade da Área de Galego do IE Cañada Blanch: "Dignifica a nosa lingua aquí e na propia terra, pois é moi grande o potencial simbólico de que se ensine e aprenda o galego nunha cidade que xera tanta admiración coma Londres, e por outra banda contribúe a crear comunidade e a tecer redes de apoio, nunha cidade tan difícil e esixente como Londres, e a visibilizar e prestixiar as grandes cousas que fai a nosa xente".