EpDLab. Adolescentes que reflexionan sobre a desigualdade usando as narrativas dixitais

O Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento é un proxecto deseñado e implementado por Agareso en centros galegos de Educación Secundaria. O curso escolar 2018-19 acolle a cuarta edición dunha proposta que traballa a cidadanía e a comunicación responsable a través da experimentación con narrativas dixitais.

“A educación sucede en calquera momento, en calquera lugar”. A frase pertence a “La Educación Expandida” (Zemos98, 2012). Este libro é o marco teórico que inspira o proxecto EpDLAB: a frase coa que iniciamos o texto é unha ferramenta transversal a todas as actividades que o integran.

Para que suceda en calquera momento e en calquera lugar, a educación ten que explorar os códigos e as linguaxes, ten que se meter na realidade: que as aprendizaxes gañadas superen os límites das aulas e promovan accións cotiás de cambio, de creatividade, de experimentación algunhas veces e de construción de cidadanía sempre.

E así chegamos á cuarta edición de EpDLAB, ou Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento. Durante 4 cursos escolares, máis de 300 persoas constrúen unha experiencia de aprendizaxe que busca superar fronteiras, físicas ou culturais, para avanzar no fortalecemento da cidadanía futura. Unha cidadanía activa que participa no mundo que habita e defende a xustiza social, a paz e os Dereitos Humanos. Este proxecto está coordinado por Agareso e achégase a este obxectivo mediante unha reflexión sobre a desigualdade social no mundo, sempre dende unha perspectiva mediática. 

CC-BY-NC-SA María Lobo

Ao longo de 9 sesións anuais, o alumnado de 5 centros de Educación Secundaria traballa sobre os contidos e as narrativas dos medios de comunicación e analiza como afectan estes relatos ás relacións socio-económicas, ao imaxinario cultural e á vida cotiá. O itinerario didáctico está pensado como un proceso cara a fóra, que comeza analizando a propia identidade e como afecta ás nosas interaccións sociais: como nos relacionamos con outras persoas, con outros colectivos, con outros xéneros ou identidades sexuais... Falamos de sexismo, obxectividade e subxectividade, ficción e non-ficción, fake-news, etc. Este é o primeiro trimestre; no segundo, traballamos a interculturalidade e falamos de migracións, racismo e xenofobia, convivencia, diálogo. No terceiro, ábrese o cadro e aplicamos o anterior á análise das relacións Norte-Sur: soberanía alimentaria, cambio climático, consumo, voluntariado, cooperación, redes de acción social, etc.

Ao mesmo tempo, pasamos pola fotografía, o cine e as series, as redes, os youtubers, a publicidade, os xornais… Cada mes abordamos unha temática concreta a través da súa representación nos medios e coñecemos as técnicas, os recursos narrativos que fan posible que ese imaxinario mediático se integre no cultural e, polo tanto, na sociedade en si mesma. E, por iso de fortalecer unha cidadanía activa, rematamos cada obradoiro elaborando as nosas propias creacións, o noso contra-relato, o subvertising que lle dea a volta á esa narración e que inspire relacións xustas e igualitarias. 

EpDLAB é tamén unha experiencia galega, na que participan cada ano 5 centros escolares de poboacións moi diferentes entre elas. Un total de 9 institutos pasaron polo proxecto: desde as montañas dos Ancares á fronteira sur na Guarda, desde Boiro ata as terras de Trives, desde o Morrazo e a Arousa ata o interior, en Ames ou en Silleda. A diversidade do territorio é un dos puntos fortes dun proxecto que ofrece unha mirada á realidade galega a través das rapazas e rapaces que cada ano enchen a web coas súas producións e coas súas visións do mundo.

A diversidade do territorio é un dos puntos fortes dun proxecto que ofrece unha mirada á realidade galega a través das rapazas e rapaces, que cada ano enchen a web coas súas producións e coas súas visións do mundo.

O proxecto desenvólvese como unha experiencia de aprendizaxe colectiva que cada curso escolar pode renovarse, repensarse, reimaxinarse, porque vai acompañada moi de cerca pola comunidade educativa que participa. Esta comunidade impulsou a introdución de actividades como o encontro intercentros, que reúne a todos os grupos participantes nunha mesma xornada de traballo, ou a formación específica para o profesorado, un curso destinado a docentes que queiran achegarse á Educomunicación, ás narrativas dixitais e á educación para o cambio social. As súas visións, xunto con algunhas do alumnado e as do equipo técnico de Agareso, son publicadas cada mes no blog dende o ano 2015. O blog é testemuña desta evolución, do EpDLAB como experiencia dinámica en constante revisión. Por exemplo, o alumnado xa non publica en formato post, senón que comparten as súas impresións nas contas de Instagram e Twitter que xestionan de xeito colectivo en cada aula (IG: @epdlabbueu, @epdlabmilladoiro2, @epdlabsilleda, @epdlabvilagarcia e @epdlabviana | Twitter: @epdlabbueu, @epdlabmilladoir, @epdlabsilleda, @epdlabvilagarci e @epdlabviana)

Un dos traballos do alumnado no obradoiro de memes. CC-BY-NC-SA María Lobo

Na última sesión do curso elaboramos o Mural Común de Coñecementos, unha gran cartolina na que escribimos e debuxamos todas as aprendizaxes que adquirimos (Banco Común de Conocimientos, Platoniq, 2008) Alí pódese ler que os contidos que mellor lembran son: igualdade, cousificación, diversidade, respecto, estereotipos, cooperación, voluntariado, roles de xénero, Stop-Bulos, consumo responsable, as malas prácticas das grandes empresas, persoas refuxiadas, fake-news, migracións, os ODS, participación activa, activismo, asociacionismo e respecto entre as culturas”. Que os coñecementos que sacaron deste meses son “aprender das culturas doutros países, detectar noticias falsas, como colaborar con diferentes ONGD, aprender co móbil e de forma divertida, detectar contidos racistas ou machistas nos medios, ver a realidade, consumir produtos locais e de temporada, coñecer a outros rapaces, aprender a utilizar Instagram e Twitter para algo máis que o persoal, ser críticos coa información que recibimos, desfacerte dos prexuízos…”.

Mural común de coñecementos. CC-BY-NC-SA María Lobo

É unha gozada ler nos murais mensaxes como “Cambiemos! Fóra prexuízos! Yo sí te creo, hermana, #epdforever, Un mundo inclusivo só se consegue loitando xuntos! Coeducación. Podemos cambiar, paso a paso, lo vamos a lograr. Puedes ayudar, influye en las redes sociales. Quiero ser profesora de voluntariado”.

“Aínda que somos pingas no océano, o que facemos importa, e moito. O que facemos respecto do planeta, dos recursos, dos nosos semellantes… Porque se somos moitos e moitas facendo pequenas e grandes cousas, o noso mundo será mellor, sempre.” (Gisela Iglesias no blog) Este proxecto é unha aprendizaxe constante para nós. Esíxenos estar ao día, escoitar, xestionar a participación, motivar e fomentar a creatividade. Pídenos que atravesemos os límites de espazo e tempo das escolas, que busquemos na nosa adolescencia pasada para comprender a quen é adolescente agora. A aprendizaxe para a transformación social ten que estar onde a incidencia é posible e significativa. Porque o futuro estase a construír nas aulas, nas redes, nas rúas. E porque ese futuro, marcado pola igualdade de dereitos e a cultura de paz, vai vir dun cambio que pode suceder en calquera momento, en calquera lugar.

Para quen queira expandir estas actividades máis aló dos nosos grupos, a guía didáctica do proxecto está publicada para libre descarga.

CC-BY-NC-SA María Lobo

 

 

María Lobo e Roi Guitián son parte do equipo de Agareso, unha organización sen ánimo de lucro que usa as ferramentas de comunicación para conseguir a Transformación Social, principalmente a través de proxectos de Cooperación Internacional, Educación para o Cambio e Acción Social.

María Lobo

María Lobo

Xornalista, traballa como educadora en proxectos para o fomento da alfabetización mediática, a cidadanía, o pensamento crítico e a comunicación para o desenvolvemento. Forma parte do equipo de Agareso

Roi Guitián

Roi Guitián

Licenciado en comunicación audiovisual, e traballa co audiovisual e coas TIC como ferramentas para a participación e o cambio social, tanto en centros de ensino como en organizacións sociais ou con colectivos en situación de vulnerabilidade. Forma parte do equipo de Agareso.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.