Entrevista | Marián: «A música queda nun recuncho do corazón máis alá do racional, máis alá de calquera desorde mental»

Foi Roshmary e cantaba en inglés; foi publicista ata que o deixou para dedicarse, desde 2019 completamente á música. O soul forma parte da súa banda sonora vital e ben se lle nota ao escoitar os seus temas, que van agromando aos poucos mentres prepara o lanzamento do seu primeiro disco, protagonizado pola «muller salvaxe», segundo ela mesma explica. 

Maríán (Outes, 1994) canta –e compón- porque cantaba a súa avoa e a súa nai, pero elas non se permitiron lanzarse aos escenarios, e elixe moi ben a súa compaña. «Para min é fundamental atopar xente de calidade humana». «Chega un punto, supoño que pasa en todas as profesións, que xa pos por diante que sexan excelentes persoas porque o resto todo se traballa”, asegura. 

Neste universo de apuros e prioridades infinitas, a de Outes deuse o permiso de expresarse en liberdade e sen présas. Iván Ferreiro deulle algúns consellos, que aproveitou para depurar letras e segue un camiño creativo con Iago Pico como produtor e amigo. Marián declara sen titubeos que «a música está moi ben, pero ao final é máis importante que esteamos ben» e salienta o poder da música para curar e conectar as persoas, tal e como está a comprobar nos obradoiros de música que imparte no hospital de Conxo.

O 20 de xullo de 2023 publicaba nas redes sociais: «O vértigo de estar a tres cancións de distancia de rematar de gravar o meu primeiro disco. Como está agora?

Aí estaba terminando de gravar o disco, teoricamente, porque en realidade tardei como medio ano máis (risos) pero creo que estaba rematando de gravar a parte máis importante, toda a banda e todo o que era en directo. Agora mesmo? Pois é unha carreira tan a longo prazo, constantemente, tamén porque eu quero facer todo con súper boa letra, que cando suceden as cousas é cando menos o asimilo, como agora que acabo de sacar un tema. Hai tanto tempo que compuxen “Alas”, que o producín, que levo tanto tempo traballando no vídeo, que cando sae estou aínda asimilando cousas.

Agora cos 30 anos cumpridos, parece o momento perfecto para publicar un disco. 

Si, supoño. O disco sairá, se todo vai ben, a finais do inverno ou na primavera. Agora gustaríame sacar un par de singles máis, se teño a posibilidade con vídeo tamén para seguir contando historias que a min me parecen importantes e que resumen a esencia do disco enteiro e que son para min máis representativos de todo o traballo.

En “Alas” sae a súa avoa cantando unha copla e logo hai outros temas de estilos completamente diferentes. Que imos atopar neste disco?

É un traballo súper completo e súper longo. É un álbum de 20 cancións, onde non todo son cancións, como por exemplo o audio da miña avoa; tamén hai interludios, que dan contexto ao que vai pasando porque todo está fiado dunha maneira conceptual; é unha historia para ser escoitada dunha maneira concreta, aínda que logo poidas, obviamente, gozar dos temas por libre. O concepto do disco é “a muller salvaxe”, que é esta heroína que eu mesma me creei para sobrevivir na vida. A nosa protagonista representa a muller interna, forte que sae adiante. Hai moita enerxía de transformación e de supervivencia neste disco. 

«O concepto do disco é “a muller salvaxe”, que é esta heroína que eu mesma me creei para sobrevivir na vida. A nosa protagonista representa a muller interna, forte que sae adiante. Hai moita enerxía de transformación e de supervivencia neste disco»

A nosa protagonista pasa por cinco enerxías: comeza pola enerxía do cambio, ruptura e transformación; despois vai pasar pola morte, con momentos máis agridoces pero reveladores a nivel vital; logo chega o momento do reencontro e redefinición do que significa ser muller como é “Canto de liberación”, que foi outro tema que saquei este ano; hai tamén unha etapa de como se viven as conexións cos demais e logo hai toda unha enerxía lumínica da inspiración, o talento, o brillo, onde hai cancións como “Faros”, que saíu xa en primavera. Mesmo revisitamos "Born to shine", o primeiro tema que saquei, cunha versión que pecha o disco. 

Imaxe do videoclip feito para o tema "Alas", que vén de publicar Marián. CC-BY-SA Cedida

Luz, escuridade e tamén unha mestura de xéneros musicais.

Si, hai de todo e, o mesmo, a nivel de linguas. Case todo está en galego, pero tamén hai algún tema en castelán, como “Alas”. Hai temas en inglés, hai cancións, hai non cancións, hai xéneros recoñecibles como en “Faros”, que é pop de autor de toda a vida e propostas máis raras creativamente falando que son as que me gustaría sacar este inverno. Eu basicamente deime o permiso de expresarme como o sentía en cada momento e despois xa o público lle irá dando sentido.

Tamén hai soul.

Si, sempre, hai soul porque eu veño diso. Eu crieime cantando soul, gospel, funky, escoitando toda esa música na miña casa. Miña nai sobre todo era o que máis escoitaba, pop internacional, R&B, soul. Entón eu viña de cantar esa música en inglés e de feito o meu xeito de cantar está moi influído por esa música. 

Entón hai antecedentes musicais na familia.

Miña avoa era a artista da familia, cantaba 24 horas, actuaba… pero claro naceu no ano 24, hai cen anos, nunha Galicia moi diferente. Gustaríame saber se algunha vez pensou que era posible para ela dedicarse a iso neses anos pero supoño que xa tiña claro que era algo inalcanzable. Esa paixón herdouna miña nai, pero tamén no seu paradigma social e mesmo mental seguía a ser algo imposible; e logo saín eu con todas estas ganas que teño de facelo si ou si.

Con toda esa paixón pola música, por que estudou Publicidade na Universidade?

Eu estudei de primeiras Publicidade porque de primeiras na miña familia, a pesar de que eu levaba cantando e bailando desde que nacín - era esa nena que estaba todo o tempo facendo performances (risos)- seguían tendo a idea de que iso non é un traballo. Entón, eu era unha nena de moi boas notas e parecía obrigado que fixese unha carreira. Es pequena e se a xente que tes ao lado non che di que existe esa posibilidade… A orientadora nese momento díxome: “a música non existe como saída profesional”, literalmente. Entón, ata que maduras e tomas as túas propias decisións hai un tempo de impasse no que deciden por ti. E e eu, nese tempo, estudei Publicidade, porque de todas as carreiras era a máis creativa, que inclúe algo de psicoloxía que me interesa, e que me ía ben no asunto. Currei diso e incluso fun a Buenos Aires cun convenio bilateral (como unha Erasmus). Foi nese ano que estaba alá cando me preguntei que estaba a facer como a miña vida e decidín parar todo, desde a distancia, e dedicarme á música e desde entón, desde 2019, estou coa música. 

Pero xa estaría a xermolar a carreira musical, dalgún xeito paralelo ao traballo en publicidade. 

Aínda que profesionalmente me dedicara á publi eu saía correndo a ensaiar coas bandas todas que tiña, ía tocar por aí, compoñer. Había unha vida paralela. Estiven en grupos como Meridiano Cero ou Roshmary and the Notes. Na Arxentina estiven en moitas bandas e coros góspel, e aquí tamén. Empecei co meu proxecto en solitario, que antes se chamaba Roshmary, que é o meu apelido (Romero, en inglés) pero xa con composicións propias en 2017. A partir de aí comecei a cantar soa e a cantar os meus propios temas. E iso acabou evolucionando nisto. Entón, si, tiña bandas en paralelo, tiña tamén o meu propio proxecto e tocaba moitísimo. 

Marián, en concerto. CC-BY-SA Cedida

Está moi ben acompañada neste disco, con Guadi Galego nun tema.

Si, Guadi Galego está nun tema súper guai, que é un dos que teño gañas de sacar, porque é un dos máis creativos. Guadi é un amor. Coñecina cando tiven as titorías con Iván Ferreiro que ma presentou porque xusto el lle produciu un disco e fixemos moi boas migas. E todos os que gravaron no disco son musicazos incribles. Torroncho, Alberto Romero… seres humanos marabillosos e músicos de primeira.

«Guadi Galego está nun tema súper guai, que é un dos que teño gañas de sacar, porque é un dos máis creativos. Guadi é un amor. Coñecina cando tiven as titorías con Iván Ferreiro que ma presentou porque xusto el lle produciu un disco e fixemos moi boas migas»

E logo tamén a colaboración con Iván Ferreiro que foi o encargado de titorizar o seu proxecto en preprodución, dentro dás axudas da SGAE. Que achegou Iván Ferreiro ao seu disco?

Vimos de influencias súper diferentes Iván e eu pero é verdade que despois desa semana con el rompín moito a cabeza con cousas que me dixo. Eu son unha persoa moi perfeccionista e hai que ter coidado coas cousas que se me di porque adoito tomarme todo moi en serio e teño que dicir que despois desa semana rompín a cabeza sobre todo coas letras, con volver escribir cousas. Iván, por como é o seu proxecto, ao que máis importancia de todo lle dá é a letra. Entón, volvín escribir moitas cousas, traducín cancións do inglés e houbo outras cousas que desbotas, pero sobre todo diría que me serviu como letrista. 

«Para min é fundamental atopar xente de calidade humana. Que sexa un gran profesional é marabilloso, pero incluso está sobrevalorado. Chega un punto, supoño que pasa en todas as profesións, que xa pos por diante que sexan excelentes persoas porque o resto todo se traballa»

Colabora tamén, de xeito máis transversal no seu proxecto Iago Pico.

Si, Iago Pico fixo todo o disco. Fixémolo xuntos. É o meu produtor. Coñecino en 2021 que era cando iamos sacar “Alas”, que finalmente saíu agora e desde aquela traballamos xuntos. Iago é o mellor que me pasou na vida. É marabilloso. Para min é fundamental atopar xente de calidade humana. Que sexa un gran profesional é marabilloso, pero incluso está sobrevalorado. Chega un punto, supoño que pasa en todas as profesións, que xa pos por diante que sexan excelentes persoas porque o resto todo se traballa. Pero tamén me estou levando grandes chascos. Iago é un profesional tan grande e ao mesmo tempo un persoa tan humilde e curranta, que de verdade, xa somos súper amigos. E os rapaces de Trece Amarillo, que mos presentou el, e fixeron os vídeos, son xeniais. 

Dálle unha importancia grande á esfera do emocional e o benestar mental.

Sempre tiven interese no crecemento interior e en acompañar a xente porque a música está ben pero ao final é máis importante que esteamos ben. Sempre tiven moito interese neste ámbito. Xusto agora a SGAE contratoume para impartir uns talleres de música no psiquiátrico de Conxo, que está sendo un proxecto brutal. Comecei en maio e estou ata decembro. É unha experiencia moi necesaria. Miña avoa tiña unha demencia moi forte e nos últimos anos, esqueceuse de todo, ata de falar. E unha vez chegado a ese punto miña avoa cantaba desde pola mañá ata a noite. Estivo así dous anos, que lle había que mollar a boca. Estivo así ata morrer. Con isto quero dicir que a música queda nun recuncho do corazón máis alá do racional, máis alá de calquera desorde mental. A música conéctanos, cúranos e únenos a todos porque é algo que gardas no teu interior. E estas cousas teñen que visibilizarse e teñen que facerse máis.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Entrevista | Filloas: «A miña música é máis xeracional do que eu pensaba»

    De rapaz Iago Galego (Coruxo – Vigo-, 1996) era punki. Como vigués creceu escoitando a Siniestro e vendo o Xabarín na televisión. A música sempre formou parte da súa vida: estivo na banda de música de Coruxo, estudou no Conservatorio e con 15 anos xa quixo montar o seu grupo de punk, na contorna de Coruxo, con rapaces da zona. Estudou Enxeñería Informática en Santiago, e tras dez anos vivindo alí, considérase xa máis de Compostela ca de Vigo.

    Temas como a saúde mental ou a precariedade laboral que vive a súa xeración marcan unha proposta musical moi recoñecible, pensada para escoitar mais tamén para bailar. Filloas vén de gañar o premio de Novos Talentos do Festigal –onde actuará o 24 de xullo- e este martes tocará no escenario do Atlantic Pride, na Coruña.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Ataque Escampe

    Chega unha nova entrega das Miudiño Sessions con Ataque Escampe, unha das formacións máis senlleiras da escena e pioneiros da necesaria renovación lírica e estilística que ten experimentado a música galega das últimas dúas décadas.

     Nas ruínas do que en tempos foi a maior fábrica de vasoiras da Europa occidental -hoxe transmutada en improvisado museu de arte urbana- o agora sexteto quixo facer un percorrido vital polo seu inabarcable repertorio, enfiando clásicos coma "Noites de agosto" ou "Papá borracho" con novas pezas do seu recente Cabalgata e sorpresas coma a reinvención de "A vitoria" en clave de bachata

    Música
  • Alana mestura muiñeiras e pop en ‘O xeito á cántigha’

    Alana, o proxecto musical das bergantiñás Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, publica este venres, 3 de maio, o seu primeiro disco, O xeito á cántigha, que xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais e en formato físico.

    “Liñares” ó o single deste primeiro traballo, que vén acompañado dun videoclip dirixido por Jorge López.

    Alana naceu en 2023 para poñer en valor a música tradicional galega. Parten das recollidas para mesturar as melodías tradicionais con ritmos de base electrónica e pop.

    Música
  • Familia Caamagno. O milagre económico é safar

    «Non vale parar. Hai que aspirar a máis. É a roda do traballo e do gastar». Os de Sigüeiro volvérono facer, volven cun adianto do seu novo disco, logo da publicación no 2022 de O mundo está derrotado, que ten trazas de converterse en himno

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.