Iván R. tivo un mes para ilustrar o libro gañador do XXXVI Premio Merlín, O neno de lume, escrito por Ledicia Costas e editado por Xerais. Coñecemos da súa man como se representa unha obra infantil sen caer na redundancia e sen apenas tempo para conversas con editora e autora.
0 10 de decembro, un día antes da entrega dos Premios Xerais 2021, o xurado do Merlín [a categoría de literatura infantil] reuniuse para certificar unha decisión que xa tiñan clara: a da obra gañadora. O que aínda descoñecían era quen a escribira. O neno de lume foi elixido de forma unánime entre quince manuscritos previamente cribados pola editorial. Foi o único que coincidía entre os seus favoritos —en tódolos casos en primeiro ou segundo posto—, que compartiran nun anterior encontro a propósito de decidir as finalistas. Irene Pérez, a máis nova da xurado, abriu a plica ante a emoción e nervio das demais. Así souberon o que xa é público: Ledicia Costas, tras a súa vitoria en 2014 con Escarlatina, a cociñeira defunta, volvía gañar o Merlín. Un dos membros do xurado, Iván R., lonxe de desentenderse do libro desde ese momento, comezaba outra etapa como o seu ilustrador.
«Ponte a traballar xa», avísao entón Anaír Rodríguez, secretaria do Merlín e editora en Xerais.
[Ata este momento eu, como membro do xurado do Merlín, vivín en primeira persoa o proceso. Desde aquí, este é un relato de ilustración editorial co tempo limitado contado polo seu protagonista (Iván R.) e apoiado polas testemuñas de editora (Anaír Rodríguez) e autora (Ledicia Costas)]
Á entrega do Merlín, o 11 de decembro, Iván R. chegou xa cunha primeira versión da portada, que non sería a definitiva, pero tiña a súa esencia: o neno de lume, Morgan, posa xunto á pequena chama que sempre o acompaña, Luminaria, inspirado pola imaxe do paperboy, cunha boina e coa cara sucia. A final é unha versión máis luminosa, cunha aura “dickensiana” e o recendo a conto clásico que Costas destacou no seu discurso como gañadora do premio. O 17 de xaneiro todo o material ilustrado estaba entregado. Hai máis dun mes entre ambas datas, pero foron dúas ou tres semanas reais de traballo, pois Iván R. tivo que compatibilizar este encargo cun cómic de Ramón Domínguez, tamén editado por Xerais. Por iso realizou directamente de xeito dixital as ilustracións de O neno de lume.
Apenas houbo tempo para conversas ilustrador – editora – autora. «Empecei a traballar pola miña conta porque o que me importaba a min era chegar a tempo á entrega. Se non chegas a tempo á entrega, probablemente non te volvan chamar», explica Iván, que agradece a serenidade coa que traballa Anaír Rodríguez. Os prazos do Merlín son máis axustados que de costume. «É especialmente apurado polo condicionante de que ata que se falla o premio, non se coñece a obra», apunta a editora. Aínda máis xustos eran neste caso, onde as datas tamén arrastraban consecuencias da pandemia.
Iván R.: Fixen un storyboard [un bosquexo das escenas e da súa situación nas páxinas]. O que acostuma pasar é ao revés: entréganme a maqueta e déixanme claro cales son os ocos. Neste caso non había maqueta. Traballamos Anaír por un lado e eu polo outro, entón ela adaptouse a min.
Anaír Rodríguez: Como a intención de moitas das ilustracións non é ser totalmente fiel a unha escena concreta, senón máis ben reflectir como ve o ilustrador os personaxes e os escenario da historia, foi bastante doado axustar as imaxes ao texto.
As únicas indicacións que recibiu foron sobre o tipo de ilustración, entre o seu traballo, que máis lle gustaba a autora. Iván R. lembra que sinalou algunhas que fixera para encargos publicitarios. A editora, por outra banda, apunta que as instrucións da autora foron decisivas para a gama de cores, cunha liña colorista que contrasta, sen dúbida, con outras das súas obras. Ledicia Costas non chegou a falar desta cuestión directamente co ilustrador: «Eu cando vin a primeira versión da portada díxenlle a Anaír: “Ten que facer o que considere, ten que arriscar. Malia contar unha historia con ese pouso de pobreza, teñen que ser unhas ilustracións cheas de cor».
A plasticidade da obra foi o aspecto chave que para Iván R. diferenciaba O neno de lume do resto de manuscritos do Premio Merlín: «O que me pareceu diferente do resto de obras [do Merlín] foi o ton. Vino máis informal, máis próximo, menos artificial. Ao momento víñanseme imaxes á cabeza». Costas admira de igual forma o traballo del: «Iván é un ilustrador que ten para min tres características: un gran manexo da cor —son moi doces—, un perfil artístico e unha gran versatilidade. Gústanme moito eses personaxes que el debuxa, con brazos moi longos e pernas esaxeradas. Son coma súper modernos».
O interior de O neno de lume
A primeira ilustración que ideou coincide coa primeira do libro, sen ter en conta as ornamentais. Polos impedimentos legais que lle poñen á señora Culpepper —quen atopa ao neno de lume de bebé nunha cesta— para adoptalo, Morgan vese obrigado a vivir cada mes nunha casa distinta. Unha delas era a dun soprador de vidro: «Imaxinei unha escena de cores con moitos vasos solapados e que, ao facelo, se creasen outras cores, entón imaxinaba a cara do neno amplificada. Parecíame unha forma guai de entrar á historia, de presentar a Morgan dun xeito alternativo». A idea inicial era que a cabeza estivese deformada, pero «era demasiado abstracto».
Nun proceso que a editora define como «libre», si houbo espazo para correccións por incoherencias co texto. Sucedeu no caso da ilustración da señora Culpepper, á que Morgan chama primeiro tía e remata tratando como fada madriña. O personaxe debuxouno inicialmente dentro da súa casa, rodeada de plantas e vasos cun contido que é preferible coñecer durante a lectura. Do que non se deu conta foi de que, en realidade, o escenario indicado era o xardín, así que creou un diferente cunhas árbores dun vermello que acentúa a intensidade do debuxo. O que tiña aproveitouno para outra escena de Morgan e a súa amiga e compañeira de aventuras, Anna. A de Culpepper é unha das favoritas da autora: «Eu cando vin a Culpepper forzuda, dixen: 'Isto é a leche [sic.]'». Compárao coa mesma sensación que lle provocaron as mulleres de Encanto: «Son personaxes que rompen eses estereotipos físicos».
Porén, á que máis voltas lle deu foi a das tres irmás, cuxa casa Morgan ten que buscar máis alá da néboa. Iso dicía a nota que o acompañaba cando apareceu de bebé. «Estaba traballando de costas ao texto e idealiceinas. Primeiro fíxenas novas. Na miña cabeza tiña unha visión de tres raíñas magas que vivían nunha nube», explica o ilustrador. A esencia das súas maxestades de Oriente permanece, pero fixo cambios na vestimenta e solucionou cunhas lentes outra incoherencia co texto que cometera: a narradora di que unha delas ten néboa nos ollos. «As tres están de fronte. Púxenas coma se estivesen posando para unha revista de moda. Non é realista, pero é descriptivo», engade. Agora se dá conta de que está influenciado pola súa experiencia no sector da moda ou incluso no teatro, por esas poses esaxeradas. Dálle importancia á linguaxe da roupa e «aínda máis neste caso, onde hai un contexto histórico».
«Por moito que quixera recrear cousas da historia como unha paisaxe ou o entorno urbano, non me podía parar con iso. Había moitas personaxes e moi guais, por iso centreime nelas», explica o ilustrador. En calquera caso, avoga pola fuxida da redundancia, da representación literal do texto, o que se traduce nunha independencia das imaxes. O autor busca unha «experiencia estética» paralela á narrativa que propicia o texto: «O ilustrador tamén funciona como autor. É nese momento no que a historia se enriquece». Por ese efecto é polo que Ledicia Costas está segura de que moitas escolas galegas terán 'Culpeppers' nas paredes das aulas.
Na outra cara do proceso
Para Iván R. hai unha percepción irreal do traballo dos ilustradores, cuxos ingresos non acostuman proceder dunha única fonte. Ademais do sector editorial, o seu traballo esténdese aos ámbitos da publicidade, moda, prensa, teatro e incluso televisión. Agora prepara a súa primeira publicación con texto propio e, dende hai uns meses, é editor en Triqueta, un selo infantil. «Eu xa me metía moito nos libros. Facía cousas que non tiñan que ver co traballo dun ilustrador», explica sobre a súa inquedanza.
Agora que traballa noutro rol, decatouse da diferenza de condicións entre ilustradores e autores. As condicións e tarifas varían dependendo da editorial. No caso de Xerais, os ilustradores cobran unha cantidade fixa —o seu director, Fran Alonso, cre que esta é unha excepción en Galicia— sumada a un anticipo e, por último, os beneficios das vendas en función da proporción de dereitos sobre a obra. En obras dun maior carácter narrativo como O neno de lume —non sería o mesmo falar de álbums ilustrados; inflúen tamén outros criterios como o tramo de idade— o reparto da porcentaxe dos dereitos acostuma ser dun 2% para o ilustrador e un 8% para o autor. No caso dos escritores, só perciben estes ingresos; con excepción de aqueles que traballan con axencia de representación, que acostuman coincidir con aqueles cun nivel alto de vendas, segundo apunta Alonso.
Iván R. intúe que a diferenza entre o cobro ou non sucede pola condición de encargo que se lle atribúe ao traballo dos ilustradores, e o director de Xerais dálle unha explicación histórica: «Na cultura galega os escritores nunca viviron do que escribían, nunca dependeron do libro economicamente para subsistir. É un sector pouco profesionalizado. Por outra banda, os ilustradores si viven do seu traballo, cada vez máis, e require máis gastos». Fran Alonso insiste, ademais, en diferenciar a industria editorial galega da estatal polo seu menor público potencial e con maiores dificultades de subsistencia.
*O neno de lume, editado por Xerais, xa está nas librarías. Anaya editará proximamente a versión en castelán e Barcanova en catalán.