Post-creación. Sete artistas dixitais que podemos ver esta semana en Vigo

Unha obra da artista dixital Natalia Stuyk © Natalia Stuyk

Na era das pantallas son moitas as artistas que se trasladan ao eido dixital, un universo que soporta todo tipo de creacións desde un prisma novo. A arte dixital, fundamental para entender os camiños escollidos polas creadoras contemporáneas, protagoniza esta semana unha serie de encontros e experiencias musicais en directo en Vigo. 

A Semana del Arte Digital de Vigo celébrase do 17 ao 20 de febreiro no exterior da estación Vialia e supón o colofón da mostra Post-digital Landscapes, que encheu os paneis da estación de obras de artistas emerxentes de todo o mundo da man do MMMAD, o Festival Urbano de Arte Digital de Madrid, no marco das súas accións itinerantes. En diferentes puntos do edificio da estación en Vía Norte e nunha sala inmersiva poden verse traballos de Alejandro Vázquez Tomé, Baum & Leahy, Lauren Moffatt, MIL111.lab e Thomas Brett.

Unha obra da artista Marta Verde © Marta Verde

O xoves 17, ás 18h, as creadoras Nuria López, Raquel Álvarez, Sergio Marey e representantes de Les Enfants Créatifs debaten sobre “Novas paisaxes artísticas”. A continuación, ás 19.30h, haberá unha live session de Álvaro Chior. Venres e sábado haberá dúas conferencias performativas ás 18h, a primeira estará a cargo de Natalia Stuyk, que formou parte do xurado que escolleu as pezas da mostra Post-digital Landscapes e a do sábado contará con Marta Verde. Natalia Stuyk tamén participará o venres nunha actuación de música e visuais en directo xunto a Akazie a partir das 19.30h. Na live session do sábado, tamén ás 19.30h, estarán Yugen Kala e Juanma Lodo.

Para rematar as accións da semana da arte dixital de Vigo, o domingo 20, ás 12.30h, está programada unha mesa redonda arredor da exposición Post-digital Landscapes coa participación de Alejandro Vázquez Tomé, Lauren Moffat e MIL111.lab, seguida dunha sesión en directo a cargo de Da Rocha e Federico Guardabrazo.  

Sergio Marey. Naceu en 1997 en Rois, no concello de Pol, na comarca de Meira. Di que se criou «lonxe da modernidade» e que a curiosidade o levou a explorar «as posibilidades que os materiais do seu arredor ofrecían ao lecer nas súas mans». Hoxe é o co-director –xunto a Antía Carreira– da galería de arte Solaina, que está a revitalizar a escena artística desde Lugo, e ten a súa propia marca de deseño e moda: maRey by seRgio maRey. 

Lauren Moffat. A artista de orixe australiana, que vive e traballa entre Berlín e Valencia, expón en Post-digital Landscapes “The Unbinding”, un proxecto «concibido como unha exploración de píxeles atopados como materia escultórica, o vídeo revela unha figura reclusa que habita nun bosque e vive dentro dun superordenador, que emprega para reconfigurar perpetuamente o seu pasado, presente e futuro». As súas obras están entre o vídeo, a performance e as experiencias inmersivas. 

Alejandro Vázquez Tomé. Vigués do 1999 e do Calvario, é co-director do grupo de artistas Les Enfants Créatifs, que teñen o seu espazo expositivo no centro da cidade olívica, da man da marca de moda Human Society. As súas creacións dixitais buscan a calor no frío mundo das pantallas, nun diálogo coa súa xeración e na procura «do noso propio espazo seguro» neste «mundo sen certezas». Levou o terceiro premio da última edición de Xuventude Crea e a súa obra “SafetyChunks” forma parte da exposición nos soportes dixitais da estación Vialia Post-digital Landscapes. 

Baum & Leahy. O dúo de artistas formado por Amanda Baum (Dinamarca) e Rose Leahy (Reino Unido) emprega os procesos da investigación científica como inspiración e base para as súas obras. Coñecéronse no Royal College of Art de Londres e xa teñen exposto en lugares de culto da cidade como o Victoria and Albert Museum. Na actualidade son becarias no BOM (Birmingham Open Media) e delas pódese ver en Vigo a proposta “Sensory Cellumonials”, na que exploran os cinco sentidos desde as células da lingua, os canais auditivos, os pelos do nariz, a pel ou os ollos. 

Álvaro Chior. Este artista multidisciplinar nado na Coruña en 1992 combina as pezas audiovisuais coa música e a escultura. Formado en Madrid, enfoca os seus traballos coa imaxe e o son desde unha perspectiva metalingüística e poética. Ten exposto no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, no Matadero de Madrid ou no Porto dell’Arte de Bolonia (Italia). En Vigo estará en directo o xoves, ás 19.30h, mesturando a música cunhas visuais de estética electrónica producidas por el mesmo. 

MIL111.lab. Os vigueses Iria del Bosque e Borja Bernárdez están detrás deste proxecto artístico que naceu en 2021 e presentouse no festival Play-Doc de Tui coa peza “SELBST. Un diálogo entre Yo consciente y la psique inconsciente”. «A nosa motivación é formular preguntas, a través de experiencias inmersivas, tanto persoais como colectivas, para provocar a reflexión sobre a consciencia do ser, a súa existencia no mundo e as diferentes maneiras de encher os baleiros existenciais propios do ser humano», explican. Nesta ocasión expoñen “AUTOESCOPIA. O Universo observándose a si mesmo”, unha paisaxe sonora a partir da creación dun «Cosmos digital-mental» que, baseándose en grabacións da Nasa, convértese nun territorio virtual con frecuencias sonoras en tempo real analizadas por un algoritmo. 

Marta Verde. Esta artista visual e programadora creativa de Arcade ten base en Valencia, onde exerce como profesora no Berklee College of Music. Con moitos traballos ao longo da súa carreira, en 2021 estivo no Sinsal con José Venditti e o seu proxecto Omen, unha experiencia audiovisual que comparten. Ademais, ela estivo a cargo dos efectos visuais que complementaron a actuación das Tanxugueiras con “Terra” no Benidorm Fest. A súa práctica artística explora a natureza indeterminista na relación do orgánico e o electrónico no campo visible mediante o uso do ruído, a repetición e o procesamento de imaxes analóxicas en tempo real.

CC-BY-SA MMMAD
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.