Notificacións en galego. Como entreter a rapazada con frases, anécdotas e bingos hiperlocais

Co patrocinio de

© Captura de Instagram

Nuns poucos meses o perfil de Instagram Notificacións en galego acadou case corenta mil seguidores. Detrás da conta están dúas estudantes universitarias da zona das Rías Baixas, que conseguiron crear unha comunidade moi participativa onde a xente comparte contos, xogos e mil referencias á nosa cultura popular. 

 

Aínda non queren dar máis datos sobre a súa identidade. O éxito da súa conta colleunas por sorpresa e dálles algo de “medo” expoñerse, pero “seguimos cavilando a nosa decisión”, así que quizais algún día se atrevan. Lembran o día que llelo confesaron ás súas amizades mais achegadas: “Pasabamos xa dos 10.000 seguidores e esa noite fomos de festa todos e todas xuntas, e aproveitamos o momento para contárllelo e ver as súas reaccións. Foi moi gracioso porque ao principio pensaban que era unha trola, e en canto lles ensinamos a conta no noso móbil non daban creto”. 

A idea de crear Notificacións en galego xurdiu o pasado verán. “Estabamos falando entre nós a través do móbil e comezaba en Instagram a moda das contas de notificacións. Estas contas eran máis ben de mensaxes románticas e ademais eran todas en castelán. Entón dixemos: e se facemos unha conta en galego subindo as frases que usamos no noso día a día?”. Para iso tiraron de clásicos da cultura popular contemporánea, como as verbenas ou a célebre intervención do neno que di “E comprouno, que traballo lle vai dar?”. Sumándolle unha terceira parte de “temas de ligoteo” a fórmula do triunfo estaba feita, aínda que elas nin imaxinaban que con ela dun día para outro superarían os 2.000 seguidores. 

Desde o comezo recibiron centos de mensaxes de xente dicíndolles que lles gustaba a conta ou pra darlles ideas. “A verdade é que o traballo da nosa conta é un pouco 50%-50%. Moitas das frases que se nos ocorren son das que usamos día a día cos colegas, pero contamos cun público moi moi participativo. Sempre que pedimos algunha idea é brutal a resposta que recibimos”.

“A xente deulle moita difusión ás publicacións e iso axudou moitísimo. O poder das redes sociais é doutro mundo. En canto ao contido, ademais de frases propias comezamos a facer tamén notificacións sobre vídeos que foron bastante populares na TVG. Iso axudounos a crear certo 'eco' e a que moitos traballadores e traballadoras da comunidade audiovisual galega nos comezasen a seguir”. Tamén contaron coa axuda de algunha marca como Fillos do mar, “que nos deron un empurrón moi grande ao comezo: regaláronnos unhas camisolas para facer un sorteo na nosa conta e a resposta da xente foi incrible”. 

“Pasabamos xa dos 10.000 seguidores e esa noite fomos de festa todos e todas xuntas, e aproveitamos o momento para contárllelo e ver as súas reaccións. Foi moi gracioso porque ao principio pensaban que era unha trola, e en canto lles ensinamos a conta no noso móbil non daban creto”. 

Un exemplo disto foi a serie de bingos que fixeron para recoñecer as cousas imperdibles de máis de 60 localidades galegas e que publican a xeito de ‘stories’: “Vimos xente en Instagram facendo bingos doutras cousas e pensamos que era unha boa idea facer un bingo propio, da nosa conta, pero con cousas típicas de Galicia. Tivo boa recepción e decidimos dar a idea de facer bingos 'personalizados'. De repente vimonos envoltas en centos de mensaxes pedíndonos que fixésemos bingos dos seus pobos, aldeas... unha vez máis, a maxia das redes sociais!”. 

Obviamente o seu coñecemento das frases típicas de cada sitio era limitado, “pero unha vez máis, a xente foi moi participativa e mandábannos as frases dos seus pobos. A través dun programa nós faciamos o bingo e subiamolo para que tivese un maior alcance. A día de hoxe, aínda non demos feito todos os bingos que nos pediron. Co traballo de clase non damos para máis, pero foi unha experiencia moi guai. Hai frases moi graciosas e aprendemos un pouquiño máis das costumes que teñen nos distintos pobos de Galicia”. O éxito destes bingos tradúcese nunha media de 20.000 visualizacións e algúns con máis de 25.000

Logo do éxito dos bingos esta semana animáronse a pedirlle a xente que participase enviando as anécdotas persoais máis embarazosas. De novo, un éxito. As responsables da conta van compartindo as mellores e xa levan unhas 70 historias, anonimizadas, que son un divertido (e en moitas ocasións escatolóxico) retrato da mocidade actual, do seu lecer e das súas (des)vergoñas.

Os seus plans máis inmediatos son seguir “publicando cousas para animar á xente durante este confinamento, e seguiremos pensando se desvelar a identidade ou non para así poder crear outro tipo de contido basando en vídeos”. Ante todo as xefas de Notificacións en galego queren darlle as grazas á xente que as segue: “Intentamos sempre contestar a todo o mundo e facer contido que nos pidan, sempre e cando non sexa ofensivo. É unha pasada a de portas que abren as redes sociais: entrevistas, algunha colaboración, unha invitación a un festival... somos dúas rapazas que abriron a conta por diversión e cando isto che pasa a verdade é que non parece real. É unha loucura coa que esperamos continuar moito máis tempo”. 

Triunfando na rede

  • ESPECIAL #VINTENAREDE. Como o vídeo en internet nos axuda a levar o confinamento

    Estamos nun momento de crise inédito que nos obriga a ficar na casa e a que case toda a nosa vida social e comunitaria se desenvolva nas redes. A explosión de contido que estamos a ver estes días xorde da ansia da xente por non sentirse soa, por conversar cos demais ou por axudar e compartir maneiras de sobrelevalo. E logo está a parte catártica e performativa, sexa polas xanelas da casa ou polas xanelas virtuais. Velaquí un repaso polos contidos e iniciativas máis interesantes que estamos a ver estes días. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • Orgullo Galego. Como arrasar no Facebook falando das cousas do país

    Hai unha páxina de Facebook en galego que ten 162.000 seguidores seguidores, alcances de 4 millóns de perfís, e que foi líder de engagement en Galicia durante a vaga de lumes do ano pasado, superando a todos os medios tradicionais. Trátase de Orgullo Galego: dúas persoas anónimas e non profesionais que conseguimos entrevistar para VINTE.

    Rede
  • Tanxugueiras. A falta de poderen saír de xira, triunfan creando contido para internet

    Veñen de acadar o milleiro de subscricións en Youtube e de abrir unha conta en TikTok, ademais de manter unha intensa actividade nas stories de Instagram. Tamén remataron unha serie de entrevistas en directo con diversas persoas da cultura e da comunicación. Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aída Tarrío fixeron das redes sociais o lugar onde manter a conexión co mundo e sobre todo co público. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.