Samaín 2021. Como celebrar o día dos Defuntos na internet galega

Co patrocinio de

© VINTE

Entramos na ponte dos Santos, na dos Defuntos, na do Samaín ou na do Halloween, como prefirades chamarlle. Unha celebración diversa e popular que conecta tradicións locais seculares, mesmo algunhas inventadas, coas tendencias virais globais. A cuestión é lembrar que o mundo dos mortos está presente no dos vivos, e que o miramos con terror, respeito, humor, afán divulgativo ou a mestura desas cousas. 

 

 

O respecto

Empezamos pola parte respetuosa, a que acolle a morte coa naturalidade do cotián e se ocupa cada día de informar os vivos de quen marchou para o outro barrio. A conta de Twitter A ver quen morreu leva máis de 8 anos informando puntualmente dos decesos destacables no ámbito local e internacional. Aliméntase da morte de persoas máis ou menos famosas pero tamén de dos cidadáns e cidadás anónimas que saen nas páxinas de sucesos da prensa galega. 

“A ver quen morreu” é unha expresión que usaba moita xente maior cando poñía na radio as notas necrolóxicas ou cando collía o xornal do día para ver as esquelas. Mais agora as esquelas xa están na rede tamén: a maioría dos tanatorios dispoñen de completas webs onde, ademais de ofrecer a información comercial dos seus servizos, publican as esquelas de quen pasa polas súas instalacións. No medio destas webs e doutras tipo que recollen anuncios mortuorios ao peso, destacamos Esquelas do día, unha aplicación web e móbil que publica os mortos que están cada día para enterrar na comarca da Terra Cha. Dividida por concellos, é moi celebrada a súa sinxeleza e puntualidade á hora de informar de todos os decesos da zona, onde podemos dicir que xa substituiu o xornal e mais a radio. 

 

 

O medo

Primeiro foi a literatura oral: os contos e lendas populares sobre mortos, a santa compaña, aparecidos e toda esa mitoloxía sobre a que os antropólogos teñen estudiado ben. Despois chegou a literatura escrita, que levou ás novelas os vampiros, os fantasmas, os monstros… e despregou todo un xénero literario que no pasado século se desenvolveu tamén no cinema, con diversos subxéneros como o slasher, as pelis de zombis ou unha gran variedade de. cinema de autor atravesado polo fantástico e o terror. 

No cinema estes xéneros parecen gozar de moi boa saúde e tamén é o caso no cinema galego, que este ano ten varios filmes á vista que xogan co terror de distintas formas, e a rede xa nos ofrece os primeiros petiscos: 

Jacinto, de Javi Camino, vén de gañar o Premio do Público no Festival de Sitges e mais o Premio do Xurado no Austin Film Festival, nun periplo por festivais do xénero que colocan no circuito festival esta longametraxe que definen como “unha mestura entre A Matanza de Texas e Forrest Gump”, rodada en galego e protagonizada por un inmenso Pedro Brandariz. Como detalle, facendo dunha punk que chega a vivir a aldea de Jacinto, actúa Anxela Baltar de Bala

Outro festival aínda que non de xénero, a SEMINCI de Valladolid, acolle estes días a estrea de A virxe roxa, novo documental de creación de Marcos Nine (A viaxe de Leslie). O filme conta unha historia real bastante terrorífica, a da ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira, quen «pasou á historia por ser a nai e asasina de Hildegart, un experimento científico que ela concibiu como a muller do futuro», segundo resumen na Galipedia.

Quen tampouco para de ir a festivais é o coruñés Alberto Vázquez (Psiconautas), agora coa curtametraxe Homeless Home, que narra un triángulo amoroso entre unha bruxa, un orco e un ogro, que sirve de excusa para abordar o tema da volta á terra de orixe de moitas persoas debido á crise económica. Ata hoxe (29 de outubro) está dispoñible en Filmin dentro da programación do festival Abycine. 

Na literatura, como apuntabamos, a tradición oral galega sempre foi un bo surtidor de relatos de medo, e ademais clásicos como Un ollo de vidro, de Castelao,  Á lus do candil, de Ánxel Fole, Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo ou as novelas de Agustín Fernández Paz, pensadas para público xuvenil e con influencia lovecraftiana, non fallan para gozar da lectura nestas datas. En Youtube atopamos booktubers escolares recomendando algún destes libros ou adaptacións coma esta do conto de Fole "Os defuntos falaban castelao".

E falando de H.P. Lovecraft, a editorial de xénero fantástico Urco traduciu toda a súa obra ao galego e publicouna en formato físico e dixital que se pode descargar de balde na súa web

Pensando nos máis pequenos, cada vez máis autoras e autores acometen con naturalidade o medo e a morte, e en Xerais xa dispoñen dun catálogo xeitoso de obras como Violeta quere ser vampiro, de Ramón Domínguez, ou Os minimortos, de Ledicia Costas

 

A festa

Mais ao final no que se converteu este día dos defuntos é nunha especie de entroido global importado do Halloween norteamericano, e unha das festas máis celebradas pola mocidade. Normal, porque xa desde a escola infantil a cativada está máis que familiarizada cos disfraces e manualidades deste tempo. No que respecta á industria cultural, a música infantil desenvolveu xa todo un xénero de canción para o Samaín. Aquí tedes varios exemplos, para que logo non digades que non hai música en galego que poñerlles ás vosas criaturas.

 

A divulgación

O que teñen as tradicións é que dan para moito que contar, e os creadores de contido que se dedican á divulgación tamén nos explican cousas do Samaín. 

Cando dicimos cousas podemos falar tanto do alcance desta tradición en Galicia como de facer un vídeotutorial de maquillaxe de temática spooky. Nesta conversa entre Prado Rúa e Cousas RarismASMR aprendemos as dúas cousas, aproveitando que a youtubeira Helena Antía López é sobriña de Rafael López Loureiro, un dos primeiros divulgadores da recuperación do Samaín na zona de Cedeira. 

Efectivamente, a tradición das “caliveras” xa a facían os nosos devanceiros, como se mostra nesta foto que compartiu en Twitter a conta Beira Atlántica.

Outra youtubeira, a ourensá Eira Losada, xa leva varios anos facendo videotutoriais de maquillaxe do Samaín na súa canle Nubes Baixo Ti. Mesmo fixo cos seus curmáns un reto neste vídeo de hai tres anos: 

Non poden faltar no mundo tutorial as receitas deste tempo. Non imos afondar moito do tema porque xa falamos dos contidos gastronómicos no último VINTE NA REDE, mais podemos lembrarvos que en blogs como o de Kukinhas hai unha ampla sección de receitas do Samaín

Rematamos cun podcast, As Womansplainers, que vén de publicar a primeira parte dun episodio duplo dedicado ás defuntas. 

Tamén che interesa

  • Vinte filmes galegos para ver na ponte dos Defuntos

    Achégase a ponte dos santos, o día dos defuntos, a noite do Samaín. E tamén o bo costume de ver un filme de terror na casa. Fixemos esta escolma con 20 pezas de culto de directores galegos ou rodadas en Galicia, por orde cronolóxica, para que fagades sesión continua na fin de semana. A maioría delas están na rede. 

    Cinema
  • As mellores receitas que vimos na rede para cazolear este outono

    Agora que xa estamos no outono o corpo pide menos troula e máis casa, confort e, a quen lle guste, fedellar na cociña. É tempo de probar receitas novas e internet é hoxe a maior fonte de consulta e inspiración. Tamén para os creadores de contido que queren compartir o seu coñecemento e recetario co mundo. Imos dar un repaso polos mellores blogs e canles de cociña en galego. E tamén facer unha escolma de algunhas receitas para este tempo.

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.