As mellores receitas que vimos na rede para cazolear este outono

Co patrocinio de

© @media_laranxa - Instagram

Agora que xa estamos no outono o corpo pide menos troula e máis casa, confort e, a quen lle guste, fedellar na cociña. É tempo de probar receitas novas e internet é hoxe a maior fonte de consulta e inspiración. Tamén para os creadores de contido que queren compartir o seu coñecemento e recetario co mundo. Imos dar un repaso polos mellores blogs e canles de cociña en galego. E tamén facer unha escolma de algunhas receitas para este tempo.

Media laranxa comezou en abril de 2020, en pleno confinamento, como unha conta de Instagram na que se compartían receitas, intercaladas con ilustracións que explicaban distinto vocabulario gastronómico en galego. E foi medrando e expandíndose por distintas canles: blog, Youtube, Facebook, TikTok… A súa creadora é Noemí García, profesora de galego no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, a quen xa coñeciamos pola súa outra conta Galego para boomers. Co proxecto Media laranxa busca non só compartir receitas saudables (aínda que caia ás veces algunha lambonada) senón sobre todo mellorar a saúde e a calidade da lingua, con toda a súa riqueza léxica pero tamén coidando a súa pronuncia. Por iso se animou este ano a crear a canle de Youtube, onde aínda ten poucas receitas pero podemos atopar algunha tan sorprendente coma esta zorza vegana. 

Ou varias sobremesas típicas do outono que nos poden sorprender coma estas papanduxas, nome que lles dán no Morrazo ás mazás asadas. 

 

Tona e Anxo preséntanse no seu blog como «dous lambóns» aos que lles gusta «experimentar, ler receitas e facelas á nosa maneira». Comezaron en setembro do 2019 compartindo unha receita duns apetitosos canelóns de lacón con grelos, e desde aquela levan publicadas preto de 150 entradas, que van desde os consellos máis básicos para lavar os grelos ou facer unha crema pasteleira, ata cousas máis elaboradas. Polo común son receitas sinxelas de facer e pensadas para gustarlle a todo o mundo, e ademais teñen unha sección para vexetarianos. Os fogóns de Tona e Anxo está en galego mais tamén ten versións en castelán e en catalán. Tamén podemos seguilos en Instagram, onde están agora a empezar unha serie de receitas especiais de outono, como este flan de castañas. 

 

Outra parella, máis veterana nisto de publicar receitas na rede, é a que forman Diana e David co seu proxecto Bolboretas no bandullo, que empezou sendo un blog, logo unha canle de Youtube, e ata sacaron con Xerais un libro con receitas de cociña para os máis pequenos. Aínda que levan desde 2013 “bolboreteando”, como din eles, seguen en plena forma publicando receitas no blog, se ben a canle de Youtube está máis abandonada. A súa especialidade son, sen dúbida, as sobremesas e as lambetadas, ás que tratan de darlle un toque saudable, coma estes donuts feitos con cabaza asada, dátiles, cacao e fariña de avea.

© Bolboretas no bandullo

 

O blog As receitas de Xiana empezou en 2013 chamándose “Quero Xamón” e desde entón leva publicadas máis de 200 entradas con receitas, trucos e consellos culinarios. Tamén é moi activa en Twitter, onde ten máis de 2.500 seguidores e vai compartindo as recetas que publica no blog, canda outras imaxes igualmente gorentosas, como esta táboa de queixos e figos.

 

Kukinhas é outra das imprescindibles na rede galega co seu enorme recetario de cociña tradicional galega e doutros moitos países europeos e asiáticos, a onde tamén nos leva cos seus posts dedicados a viaxes. No seu blog esta filóloga inglesa de Santiago explica a orixe do seu nome: «Kukinhas vén da pronuncia de cookies en inglés, e como as kukis son moi galegas, pois kukinhas!» Ademais atopámola en Instagram e en Twitter, e fóra da rede ten colaborado co programa de radio Galicia por Diante, ou publicado tamén con Xerais os libros A viaxe culinaria de Kukiñas. A volta ao mundo en 50 receitas e mais A cociña do Camiño de Santiago.

Se temos que destacar unha receita para este outono, que sexan estas tortiñas de cabaza:

 

Se vos presta a comida mexicana aquí temos outro clásico, o blog Laconada, que como anda moito por aquel país sempre ten cousas ricas que compartir nas redes, aínda que o seu ámbito de coñecemento gastronómico vai moito mais alá. Aquí un taco que se parece a unha morcilla. 

 

Rematamos como empezamos, con vídeo, porque Youtube segue sendo un estupendo lugar onde aprender a cociñar, aínda que en galego non é que sobren as canles con receitas e consellos. Descubrimos hai pouco a canle Cociñando ConCiencia, na que a bióloga Tatiana Díaz Castro fai divulgación científica a partir das cousas de comer. Neste vídeo, por exemplo, podemos ver o que dá de si en termos de compoñentes químicos os calacús.

 

E non podemos despedirnos sen volver traer aquí o noso gastrónomo meco favorito, Antonio, protagonista da canle Cativos na Cociña. Neste episodio fálanos da centola do Grove e aproveitamos para avisar: o 6 de novembro levántase a veda. 

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.