O carballés Pablo Canedo, 10 kr, leva nove anos vivindo en Copenhague CC-BY-SA Cedida
«Sempre fun fan de Eurovisión. O primeiro que recordo foi cando gañou Dana International, que precisamente era unha artista israelí. Pero eu daquela non entendía que era Israel, como se formou, enriba de solo roubado…». Pablo Canedo é de Carballo e leva vivindo en Copenhague nove anos xa. Foi para estudar e quedou por aquelas terras frías aínda que sempre que pode volve a Galicia.
Cando en 1998 quedou fascinado co tema “Diva” non imaxinaba que 27 anos máis tarde ía participar nun festival alternativo a Eurovisión de defensa a Palestina e contra o xenocidio israelí. O artista resultou entre os 15 máis votados para participar na final do sábado.
«A verdade é que gañar o Falastinvision agora é o de menos. O máis importante disto é que se fale de que aínda a estas alturas Israel participe en Eurovisión», subliña. «Igual que se blanquexa en tantísimos outros ámbitos tamén se fai neste tipo de festivais», argumenta Pablo Canedo.
«O Falastivision xorde como alternativa para músicos que simplemente queiran dar voz ao pobo palestino, desde as nosas limitadas posibilidades. Paréceme unha moi bonita iniciativa, que tivo bastante repercusión o ano pasado, sobre todo en Suecia, pero tamén noutros sitios, porque os artistas son de moitos lugares», explica Canedo, que coñeceu o festival o ano pasado, cando se creou e estaba esperando este ano para participar.
Trátase dun festival totalmente online organizado por activistas particulares. Naceu en 2024 en Mälmo (Suecia), onde se celebraba o festival de Eurovisión, como protesta contra a participación de Israel no certame
Trátase dun festival totalmente online organizado por activistas particulares en 2024 desde Mälmo (Suecia), onde se celebraba o festival de Eurovisión, como protesta contra a participación de Israel no certame. «Houbo entón moita controversia e moita contestación social, especialmente en Mälmo. Como eu vivo en Copenhague, que está moi preto, a un tren de distancia, coñecín a iniciativa e decidín apuntarme». O nome provén de como se di Palestina en árabe, "Falastin", segundo explica 10 kr.
Pablo Canedo, 10 kr, entra na final coa canción “We forget facts but not feelings”, unha peza de son electrónico escuro e intenso. «O horror deste xenocidio é insoportable, e a indignación está medrando. Esquecemos feitos, pero non como nos fixeron sentir. Espero que nunca borremos estas atrocidades da memoria, pero desde logo nunca esqueceremos como nos fixeron tremer. Actuar, boicotear, alzar a voz e reducir a nosa complicidade é necesario e posible», explica o artista sobre o tema que se poderá escoitar e ver online na noite do 17 de maio, coicidindo coa emisión de Eurovisión.
O artista galego leva xa tempo publicando sinxelos e agora ultima o que será o seu primeiro álbum, que prevé publicar en agosto. O seu nome artístico, 10 kr, refire a moeda danesa, a coroa, e xurdiu como broma sobre canto estaría disposto a cobrar nun “Only Fans”, a plataforma para adultos que moitas veces ten contidos sexuais. «As dez coroas serían o máximo que me atrevería a cobrar, unha miseria. Pero todo é unha broma», asegura.
«O proxecto comezou bastante ligado ao sexo, pero ao final as cancións non van diso. Pouco a pouco sen querer funme metendo en cousas de máis mala hostia»
«O proxecto comezou bastante ligado ao sexo, pero ao final as cancións non van diso. Pouco a pouco sen querer funme metendo en cousas de máis mala hostia, como que serve para botar para fóra o que sinto, porque eu son bastante pacífico no meu día a día, pero nas cancións sae todo iso».
«Colle a un rapaz de Carballo emigrado en Copenhague, obsesionado coa música dance; engádelle unha actitude electroclash, escurece todo cun chisco de morriña tipo Crystal Castles e mestura xéneros como fai Shygirl. Xa tes o son», explica o artista.
Con concertos no Orgullo de Malmö e na escena nocturna de Copenhague, o artista queer participará no festival Rockin 2025 no seu Carballo natal, o 21 de xuño. «Eu pecho o festival tocando na praza do concello de Carballo, que me parece súper guai. Faime moitísima ilusión porque alí vin moitos artistas importantes», subliña Pablo Canedo, 10 kr.