Porque, miñas donas e meus señores, un ano sen Eurovisión é un ano perdido. Como nos tardaba a moitas a dose anual de mamarracheo, eurodramas e 12 points!
Se cadra estás algo enferruxida despois de dous anos sen festival. Non pasa nada. Intentaremos poñerte ao día rápidamente para que poidas gozar da final deste sábado con algúns datos salientables e información fresquiña tralas semifinais. Velaí a nosa guía rápida para Eurovisión 2021. Take it away!
Sorpresas nas escollas idiomáticas
Ollo cos números! Entre as 39 cancións desta edición poderanse escoitar 12 idiomas diferentes: albanés, castelán, croata, danés, francés, inglés, italiano, hebreo, sranan tongo, ruso, serbio e ucraíno. O inglés segue a ser o idioma máis escollido para as letras musicais das delegacións participantes en Eurovisión, ás que este ano se suma sorprendentemente o noso país veciño, 🇵🇹, Portugal, que foxe do portugués por primeira vez na historia da súa participación no certame. Hai dous idiomas que volven despois de anos a escoitarse en nas cancións eurovisivas: 🇩🇰 Dinamarca recupera o danés como idioma para a súa canción por primeira vez desde 1997 e 🇷🇺 Rusia volve ao idioma ruso por primeira vez desde 2009. 🇨🇭 Suíza tamén recupera o idioma francés para a súa participación despois de dez anos cantando en inglés (si, xa o fixera para 2020 pero non conta). Ademais, poderase escoitar por primeira vez no festival o sranan tongo, unha lingua do Suriname que ten gran protagonismo na canción dos 🇳🇱 Países Baixos.
#Eurodrama de principio a fin
Se xa en condicións “normais” celebrar un festival coma o de Eurovisión é un reto complexo para a cidade/país/cadea organizadora e mesmo para as delegacións participantes, facelo no medio dunha pandemia prometía unha dose extra de eurodrama. Os primeiros laios foron herdados da edición 2020, xa que moitos dos países decidiron non manter a súa elección de representante para o 2021 e celebrar novas preseleccións ou seleccións internas, como puido ser o caso de 🇧🇻 Noruega. Os segundos viñeron polos distintos escenarios que a organización barallou para a celebración do certame en función da incidencia da COVID e que contemplaban desde unha celebración “normal” ata unha celebración descentralizada con actuacións gravadas en cadanseu país. Despois os dramas seguiron polas letras e os contidos das cancións, como o caso de 🇨🇾 Chipre, onde a igrexa ortodoxa liou unha boa polo "himno a Satán" que o país decidiu enviar ao festival, a canción "El diablo". Engadíronselle despois a saída de 🇦🇲 Armenia polo conflito no Alto Karabaj e a descualificación de 🇧🇾 Bielorrusia pola letra da súa canción, unha exaltación do presidente Lukashenko. Despois veu o anuncio da delegación de 🇦🇺 Australia no que informaron que non viaxarían a Rotterdam en cumprimento das restricións de mobilidade do país oceánico e, polo tanto, que terían que empregar a gravación de respaldo. Xa estes últimos días, coas delegacións desprazadas a Rotterdam, o drama veu motivado por varios positivos da COVID. Por este motivo, 🇮🇸 Islandia non puido participar en directo na segunda semifinal nin poderá participar deste xeito na final do sábado. Tampouco o fará Duncan Laurence, gañador de 2019, que non poderá entregarlle o trofeo á nova gañadora polo mesmo motivo. A incerteza neste sentido manterase ata o último momento, xa que todas as participantes se someten a tests de rutina cada 48 horas.
Un ano sen clara favorita
Fagan xogo! Ao contrario que noutros anos, onde había claras favoritas, este ano o asunto está moi aberto. 🇮🇹 Italia, 🇫🇷 Francia, 🇲🇹 Malta, 🇨🇭 Suíza, 🇺🇦 Ucraína e 🇮🇸 Islandia lideran agora por esta orde o taboleiro que agrupa as principais casas de apostas. Despois das semifinais houbo algúns movementos na lista, debido a decepcións e sorpresas coas actuacións en directo. No 2021 repítese o sistema de votación introducido no 2019, que se divide en dúas puntuacións. A primeira é a puntuación do xurado de cada país, que se decide no ensaio xeral do venres á noite e que é a clásica que comunican as portavoces de cada delegación no momento da rolda de conexións cos 39 países participantes. A segunda é a puntuación do público, agrupada entre todos os países e que divide o mesmo número de puntos outorgados polo xurado entre cada canción dun xeito proporcional. Para engadirlle máis emoción ao momento dos “12 points”, un sistema informático encárgase de organizar as conexións cos xurados. Os resultados do televoto comunícanse de xeito inverso: primeiro revélanse os puntos dos telespectadores para os países que tiveron menos votos do xurado. Este novo formato fai que non se coñeza á gañadora ata o último momento. Que emoción!
A diversidade e o empoderamento, temas clave
Cada ano as cancións do festival de Eurovisión foxen máis do cliché “love, love, peace, peace” e tratan cada vez máis asuntos sociais de actualidade, como a diversidade e o empoderamento feminino. Cancións como as de 🇮🇹 Italia, 🇳🇴 Noruega, 🇸🇪 Suecia ou 🇩🇪 Alemaña falan de sentirse libres e aceptar as diferenzas de cada un, esquecéndose dos comentarios negativos. Outras como 🇫🇷 Francia, 🇲🇹 Malta ou 🇷🇺 Rusia centran a letra dos seus temas no empoderamento das mulleres. Outros tamén trasladan algúns dos sentimentos vividos polos artistas neste ano tan estraño polo que nos tocou pasar, como 🇱🇹 Lituania ou 🇪🇸 España.
O papel fundamental da dobre pantalla
As redes sociais e as novas plataformas, especialmente en tempos de pandemia, xogan cada vez un papel máis activo no consumo e xeración de contidos. No caso de Eurovisión, a chegada de Twitter supuxo un antes e un despois na forma de gozar da emisión deste festival e este ano ademais engádenselle novas ventás como as videochamadas, as emisións en Twitch e mesmo os Twitter Spaces para comentar coas amigas e/ou con outras eurofans memes, estilismos, desafines, gazapos ou votacións xeopolíticas. Ibai, o recoñecido streamer e confeso eurofan, ten pensado comentar a final do sábado en directo na súa canle de Twitch, onde algunhas das creadoras de Twitch en galego tamén farán emisións e euroverbenas co gallo do festival. Se tes tempo esta fin de semana e queres botar unhas risas, recomendámosche ver en YouTube as entrevistas do LookLab que Nikkie de Jager (aka NikkieTutorials, videoblogueira, maquilladora de éxito e tamén unha das catro presentadoras de Eurovisión 2021) lles fixo a varias das participantes. Lembra: o cancelo oficial para todas as redes é #Eurovision.
O que in-Teresa
Na programación destacada para o sábado, salientan:
Os Baiuca de 🇺🇦 Ucraína.
O piano circular e os bailes de 🇮🇸 Islandia.
O rollazo e os taconazos das representantes de 🇮🇹 Italia.
🇨🇭 Suíza, 🇫🇷 Francia e 🇧🇬 Bulgaria, as cancións da banda sonora de “Rocío, contar la verdad para seguir viva”.
O cameo de Flo Rida por 🇸🇲 San Marino.
Os temazos indies de 🇵🇹 Portugal e 🇧🇪 Bélxica, cos históricos Hooverphonic.
O vestido xigante e a música tradicional de 🇷🇺 Rusia.
As divas de 🇨🇾 Chipre, 🇦🇱 Albania, 🇲🇹 Malta, 🇲🇩Moldavia e 🇷🇸 Serbia.
Os bailaríns invisibles de 🇬🇷 Grecia.
O disfraz de man e o cadro de actuación en xeral de 🇩🇪 Alemaña.
🇮🇱 Israel dando a nota máis aguda da historia do festival.
Réquiem polas caídas nas semifinais
Pregamos uns minutos de silencio por algunhas das cancións que caeron nas semifinais do martes e do xoves. A do martes, considerada como a “boa”, deixou fóra 6 países entre os que destaca a eliminación por primeira vez en semifinais de 🇦🇺 Austrialia e a non clasificación de 🇷🇴 Romanía e 🇭🇷 Croacia, esta última unha das cancións máis petardas da edición e favorita de moitas eurofans. Na do xoves foron eliminadas 7 cancións máis, entre as que destacan o temazo oitenteiro de 🇩🇰 Dinamarca ou pop da 🇨🇿 República Checa.
Anótao na axenda!
A final celebrarase este sábado 22 de maio e será retransmitida en directo ás 21:00 desde Rotterdam. Aínda que a poderás ver na 1 de TVE con comentarios de Julia Varela e Tony Aguilar (sempre podes escoller a versión de audio orixinal), recomendámosche refuxiarte en YouTube para poder ver os espectáculos dos descansos (ademáis de evitar os anuncios) e complementar a emisión cos comentarios en Twitter. Let the Eurovision Song Contest 2021 begin!