Tanxugueiras en Vigo. Así arrincou a xira das pandeireteiras con máis hype da historia

Se Midas e Figa foron a sorpresa, Terra foi a confirmación dunha nova etapa para as Tanxugueiras. Acompañalas agora nun concerto é asistir a un traballo coidado e pensado para que brillen as súas voces en cada rexistro, a unha grande actuación que non perde os xestos dos concertos máis familiares nos que ves como as artistas saúdan as amizades no público. 


Baixando cara ao Auditorio Mar de Vigo anticipábase a expectación para o concerto das Tanxugueiras. Entre as naves de empresas relacionadas co peixe conxelado decorría unha ringleira de xente perfectamente ordenada que tiña que sortear os coches aparcados para avanzar. Segundo concerto da xira Midas que comezou na Coruña, 1.300 persoas chamadas a presenciar en directo o grupo de música tradicional galega con máis hype da historia –polo menos da recente–.

Había concentración, a xente comentaba as últimas publicacións nas redes deste trío de mulleres que xa conseguira o imposible sen saír ao escenario: encher en Vigo cantando en galego. Hai un ano isto parecería imposible. Mais agora parece que poderían enchelo dous días seguidos, ou tres. Sabela Maneiro, Olaia Maneiro e Aida Tarrío celebraron no escenario ese triunfo da música tradicional entre os aplausos do público. «Vimos para quedar», lembraron.

O hall do Auditorio Mar de Vigo durante a actuación das Tanxugueiras © Trece Amarillo

Grupos de adolescentes desexando situarse na primeira fila, familias con nenas e nenos pequenos coa pandeireta na man, parellas desfrutando do comezo da fin de semana... Abriron as portas e os ánimos xa desbordaban, tanto que case ninguén se inmutou coa chegada do autobús do Celta cos xogadores que se concentraban no hotel do lado.

As Tanxugueiras queren que a xente poida bailar e moverse nos seus concertos despois das restricións pola pandemia, esta xira está pensada para afianzar a conexión co seu público –o que xa estaba e o que chegou co Benidorm Fest–. Por iso actúan no hall do Mar de Vigo: queren un concerto co público en pé. E a xente responde á frenética actividade que se marcan enriba do escenario, constantemente pendentes entre as tres, con miradas cómplices e xestos de agarimo. 

Cando colleron as pandeiretas na primeira canción sentiuse a emoción da xente alí congregada. Non era doado, pero foron combinando os temas desde os máis tradicionais ás novas cancións con arranxos na liña marcada polos sinxelos que presentaron en 2021. As cores da iluminación tamén marcaron os tempos, do vermello con Perfidia e Averno (a colaboración con Rayden) ao verde con O Querer; despois o azul con temas como Midas e ata chegar ao dourado de Terra.

Parte do público (re)descubriu o seu disco Contrapunto (2019) no directo, onde conseguen que todas as cancións medren. Soaron novos temas, salientando a letra na que reivindican a liberdade de amar a quen queiras, como explicou Sabela, sen etiquetas nin limitacións. O seu comezo de ano está a ser frenético, están a traballar a contrarreloxo para ter listo o terceiro disco, pero paran o tempo sobre o escenario, como fixeron interpretando o arrolo Miña nena. A potencia das súas voces, a complicidade e a humildade coa que se dirixen o público seguen marcando a diferenza. 

Aida, Sabela e Olaia sentadas no escenario para interpretar o tema 'Cambia todo', a súa colaboración con Muerdo © Trece Amarillo
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Vinte no patio

    Café Derby 21. Tanxugueiras, Eurovisión e as tesoiras do polbo

    Este ano foi o dos estouridos e fenómenos, de éxitos en moitos ámbitos, por iso queremos pechar o ano acompañadas pola Palabra do Ano segundo unha enquisa da RAG. Bueno, non coa palabra en si mesma. Con Olaia, Aida e Sabela. Vaia, as Tanxugueiras! Que así entendémonos todxs. Virais ata máis non poder polo talento e carisma que liberan, Tanxugueiras é unha das opcións favoritas no Benidorm Fest, preselección para Eurovisión. Con elas tres falamos desta aventura e do proceso, das sensacións e emocións, da posta en escea que pode ter Terra e das súas favoritas (pero non cos rivais, que todas son amigas).

    Podcast
  • Tanxugueiras dan un novo salto cara á música urbana con 'Midas'

    Maquillaxes douradas, drons sobre montes de eucaliptos, bágoas sobre un almacén de fábrica, drama nunha bañeira, baile entre cortinas, e o rostro e corpo de Xisco Feijoo como protagonista deste novo vídeo das Tanxugueiras, que avanzan un chanzo, e ben grande, no seu camiño cara á integración da música tradicional na urbana sen perder un chisco de espíritu das coplas orixinais. Ou mellor, dándolles máis sentido se cabe, adaptándoas aos dramas contemporáneos. No tema colaboran como produtores Fer Peleteiro (Verto) e Iago Pico. Xisco Feijoo, bailador e cantador que tamén avanzou esta semana o seu próximo traballo en solitario con outro impactante vídeo, '"Peixe'" será todo un descubrimento para quen non seguise a súa traxectoria con O Fiadeiro, Budiño ou Sondeseu ou como xurado do 'Vaidebaile' de Luar na TVG. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.