Fuck This Studio. A burbulla efervescente das creadoras en Vigo

Unhas galerías case abandonadas no centro de Vigo son agora acubillo para as creadoras máis novas. Andrea Costa e Noemí Parga fálannos do Fuck This Studio, un espazo de traballo artístico e exposición, aberto á colaboración permanente, que atrae un público moi diverso


O Fuck This Studio chegou no momento idóneo. Rematado o confinamento estrito, non había demasiados espazos alternativos de encontro nin ofertas de traballos relacionados coa arte. Así que un grupo de amigas atopou unhas galerías practicamente abandonadas no centro de Vigo e logrou alugar un dos locais baleiros para empregalo como lugar de creación. «A idea sempre foi que o espazo estivese aberto a quen quixese entrar un pouco cos mesmos fins. Ao principio foi como un espazo de reunión para xente que acababa de rematar a carreira e non sabía ben cara a onde tirar», conta Andrea Costa, graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. «É o resultado desa crise existencial postpandemia», engade Noemí Parga, graduada en Comunicación Audiovisual tamén pola UVigo.

«Ocorréusenos facer exposicións ou eventos relacionados co que nos gusta para amortizar o alugueiro», apunta Andrea.«O espazo estaba guai e non era caro, non precisabamos tanto os cartos para pagalo, pero quixemos compartilo porque estaba todo o mundo moi desanimado», sinala Noemí. Así, comezaron por dedicar dúas fines de semana ao mes a expoñer obras de artistas emerxentes e agora xa case non poden traballar nos seus proxectos alí, pois empregan a maior parte do tempo en que a xente poida mostrar o seu traballo ou en obradoiros de creación para aprender novas técnicas. 

«O estudo foi un salón de peiteado e unha hamburguesería, por iso cando facemos unha exposición intentamos transformalo noutra cousa, porque queremos proseguir as vidas deses locais»


«Como estamos nunhas galerías abandonadas, con locais que tiveron moitas vidas, gústanos que todo iso quede como recordo. O estudo foi un salón de peiteado e unha hamburguesería, entre outras cousas, por iso cando facemos unha exposición intentamos transformalo noutra cousa, porque queremos proseguir as vidas deses locais», salienta Noemí. Do Fuck This Studio naceu a iniciativa do laboratorio social de revelado Heladería Mari, que ocupa outro local nas mesmas galerías que era unha heladería nos anos noventa, e máis o Percal Lab, uns obradoiros de técnicas de tratamento analóxico das imaxes que están a levar tamén por outros sitios de Galicia. 

As Galerías Park están en pleno centro de Vigo, no tramo de Urzáiz entre o cruce dos Choróns e a estación do tren. Obra de Francisco Castro Represas, eran coñecidas por albergar os Cines Plata, a sala de cine que presumía de ser a máis moderna nos anos sesenta. Vinte anos despois do seu peche, case non quedan negocios nestas galerías, só fican en activo un local de peiteado e unha tenda de comida vegana. «Gustaríanos converter todo o espazo baleiro nunhas galerías artísticas. Para nós teñen moito significado, precisa de algo de traballo pero a estrutura é súper chula; e son un punto de encontro para seguir creando comunidade», defenden as viguesas. 

Neste tempo co estudo activo –xa camiño do terceiro ano– teñen feito un esforzo extra para coñecer xente nova.«Intentamos non elixir nós aos artistas que veñen e que nos manden propostas», explican, pois ambas inciden en que non queren converterse en máis do mesmo. «Nós estamos aguantando para que non morra, cremos que en Vigo fai moita falta. Pero é un espazo autoxestionado e se non fas cousas, perdes diñeiro todo o tempo». Agora teñen cada unha o seu traballo, Noemí é profesora de audiovisual en Aula D e Andrea dá clase de arte e deseño nun instituto, e agardan ter a quen pasarlle o Fuck This Studio dentro dun tempo para que siga con el. 

«Vén xente dos 14 aos 50 anos», aseguran, aínda que a maioría son da súa xeración, entre os vinte e os trinta, celebran que tanto aos eventos e exposicións como aos talleres se achegan persoas moi diferentes. 2021 foi un ano de explosión de actividades, contaron con máis de vinte exposicións e celebraron un mercado de Nadal que tivo moi boa acollida. Agora levan un ritmo máis lento, pero a cabeza non para: «Cremos que en Vigo falta darlle máis peso á acción cultural, vemos que todo o que se fai é moi básico. Estudar en Pontevedra abriunos moito a cabeza nese sentido, alí a xente está súper acostumada a ir a actividades culturais e se publicitan moito máis. En Vigo parece que a xente non se acaba de decatar do que pasa na cidade. Hai unha sensación permanente de que non pasa nada, e tampouco é así».

«Cremos que en Vigo falta darlle máis peso á acción cultural, vemos que todo o que se fai é moi básico. Estudar en Pontevedra abriunos moito a cabeza nese sentido, alí a xente está súper acostumada a ir a actividades culturais e se publicitan moito máis»

«A ilustración é o que mellor funciona en Vigo. A min encántame a foto e tivemos tres expos de foto, pero non funcionaron tan ben porque á xente o que lle gusta é a música e a ilustración. Tamén é o que máis hai. O atractivo do estudo é que se transforma o espazo para contar con cousas moi variadas e que a xente poida levar algo á casa. Non é unha exposición de cadros a 300 euros, sempre hai postais, fanzines ou risografías; cousas que o público poida pagar (amaioría é xente da nosa idade e non temos diñeiro). Buscamos unha retroalimentación para o que artista poida levar algúns cartos e a xente á que lle mola o traballo do artista tamén poida levar algo», debulla Noemí. 

«Nós non somos galeristas, non pretendemos ser unha galería de arte. Chamámonos Fuck This Studio por iso, non porque teña nada de malo ser unha galería, evidentemente, pero queremos que sexa algo máis de andar pola casa e non teñamos que seguir ningún tipo de norma», engaden. Por iso tampouco teñen un horario de apertura estrito, abren cando teñen algo programado e avisan a través das redes. Aínda que cando van traballar alí non pechan a porta e acostuman atoparse con visitas sorpresa. 

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en Faro de Vigo, El País, Europa Press e Nós Diario. Vogal no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e membro da asociación Xornalistas Galegas. Agora, entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Damián Ucieda. A historia dunha cidade cruzada por un camiño negro

    A silueta fumeante da refinería recíbenos á entrada da Coruña. Semella un espellismo, un oasis á inversa: deserto de formigón nos límites dun verxel. Para moitos dos que nos criamos nesta cidade a refinería era un cheiro intermitente, doce e desagradable, que sentiamos antes da chuvia, unha lumarada que mirabamos desde o coche cando eramos nenos e chegabamos da aldea. Pero que acontece cos que viven ao seu carón? Que acontece co oleoduto que cruza a cidade ata o porto, invisible ata que aprendemos a velo?  

    Fotografía
  • "Disidencias téxtiles". A moda como arte fronte ao "modelo Inditex"

    Igual que a gala Met converteu hai uns días un museo de Nova York nunha pasarela de moda, en Lugo o pasado sábado a Gala Sol levou á galería Solaina o traballo de dez artistas que traballan no ámbito da moda para inaugurar a exposición “Disidencias téxtiles”. Houbo mesmo alfombra vermella pola que desfilaron os convidados ao máis puro estilo do Metropolitan cun único código de vestimenta: “0% Inditex, 100% fermose”. 

    Moda

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.