Unha vida de ultratumba: visibilizando as punks da movida viguesa dos oitenta

Uterzine lanza un fotolibro e unha exposición que recollen a historia de Chus Taboada, vocalista da banda Voces de Ultratumba, a primeira composta integramente por mulleres na historia da música punk galega.


Si, había bandas de mulleres na movida viguesa. E si, tocaban punk. Voces de Ultratumba naceu da man de cinco amigas que un día se preguntaron por que non podían ser elas as protagonistas dunha historia que ata ese momento estaba sendo contada polos homes. Chus Taboada, fundadora e vocalista da banda, encabezou unha proposta rupturista non só no musical, senón tamén no ideolóxico.

 

Chus Taboada, Marisé Izquierdo e Eva Izquierdo, formación orixinal de Voces de Ultratumba. Foto de Maritxu Alonso. © Cedida

Tras un intenso traballo de investigación, Maritxu Alonso acaba de lanzar o fotolibro Unha vida de Ultratumba e unha exposición homónima nos que combina documentación gráfica, fotografías de arquivo e actuais e anotacións do puño e letra da propia Chus Taboada. Todos estes elementos mestúranse para poñer en valor a súa obra e figura na historia da música punk galega; unha historia que é tamén un retrato dun tempo no que ser muller e música non era nada fácil.

«A través dunha extensa investigación no seu arquivo persoal puidemos unir a fotografia, a memoria e a palabra nun achegamento intimista á súa vida e obra».

Depois de anos intentando localizar a Chus Taboada, Maritxu conseguiu contactar con ela a través dunha amiga en común. «Desde o primeiro momento xurdiu unha conexión que fluíu máis aló dunha ríxida entrevista e que desembocou nunha gran admiración persoal», detalla. Destas primeiras conversas xurdiu o proxecto Unha vida de Ultratumba, onde «através dunha extensa investigación no seu arquivo persoal puidemos unir a fotografia, a memoria e a palabra nun achegamento intimista á súa vida e obra».

A Parva, no Mercado de San Agustín da Coruña, foi o lugar escollido para inaugurar a exposición e presentar o fotolibro. Actualmente, pode verse unha serie en branco e negro exposta no bar coruñés Ummagumma, aínda que como comenta Maritxu “hai varios lugares interesados en continuar este percorrido e a idea é facer que Unha vida de Ultratumba chegue a moitos recunchos”.

Exposición nas paredes de A Parva do mercado de San Agustín da Coruña. © Cedida

Uterzine: punk, feminismo e autoedición

Xa o di Chus Taboada: «O punk é unha forma de enfrontarse á vida. Romper moldes desde o “suponse que” para quedarse onde un quere estar, aínda que os demais só poidan observarlo con repulsión ou admiración». E aí é precisamente onde está Maritxu Alonso, investigadora e creadora de Uterzine, un proxecto que recupera e visibiliza ás pioneiras punk. Nas súas propias palabras, «Uterzine é un lugar onde orbita a (r)existencia activa das punks».

Desde o seu nacemento como fanzine no ano 2013 foi evolucionando coa organización de concertos, charlas, talleres e actividades varias, así coma a creación dunha editorial, un blog e un selo discográfico. Entre a súa prolífica actividade destacan o libro para colorear Mujeres punks: las pioneras de nuestra escena, que creou xunto á ilustradora Helen Sotillo; ou o recompilatorio No Más Punkis Muertas, un vinilo que sacou adiante
xunto á ilustradora Carolina Cancanilla e ás técnicas de son Ainhoa de Pablo e Rocío Morera, no que tamén aparece a banda compostelá Transxenéricas..

A esixencia dun proxecto sen ánimo de lucro coma Uterzine non implica só un importante investimento de tempo, senón tamén de diñeiro, o que fai necesario compatibilizalo cun traballo remunerado que permita materializar as súas distintas vertentes. «É moi difícil todo porque implica un sacrificio individual enorme dentro deste sistema capitalista; e como muller, é dobre, porque a conciliación de ter familia non está contemplada», asegura Maritxu. A pesar disto, agora mesmo está rematando Contramemoria, un libro sobre punkis que formaron parte de bandas compostas integramente por mulleres desde finais dos anos setenta ata a segunda década dos anos dous mil. «Foron máis de dez anos de constancia, reflexión e desenvolvemento que estou a desexar que vexan a luz”, engade. 

«Nós levamos aquí desde o principio e ata que non fagades da nosa loita, a vosa loita, o cisheteropatriarcado vai continuar arrasando o punk.»

O seu obxectivo é que este libro sirva coma un punto de inflexión no tratamento do punk nacional, onde as mulleres e o colectivo de disidencias de xénero semellan ser invisibles. Neste sentido, Maritxu pon o foco precisamente na responsabilidade dos homes á hora de formar bandas ou de organizar concertos e eventos, «nós levamos aquí desde o principio e ata que non fagades da nosa loita, a vosa loita, o cisheteropatriarcado vai continuar arrasando o punk.»

Maritxu Alonso. © Cedida
Uxía Bereijo Piñón

Uxía Bereijo Piñón

Comunicadora audiovisual e xornalista. Creo contidos e estratexias de comunicación nunha axencia de marketing, pero en realidade o que máis me gusta é o vermú.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.