Violentos Anos Vinte. DIY, autoxestión e autoprodución
O Do It Yourself (DIY) aplicado á música fala de que a artista asuma, en maior ou menor grao, o proceso de creación. Pero sobre todo ten que ver coa creación á marxe da industria mainstream e das grandes disqueiras, coa independencia coma un fin e non un medio. A forma máis intuitiva sería a de traducila como «faino ti mesma», pero a que máis se achega á realidade é «facédeo vós mesmas», pola idea do colectivo que tamén vai pegada ao DIY.
É complicado separar o que é ou non DIY en Galicia por ser a nosa unha cultura non hexemónica e sen apenas infraestrutura propia. Por iso, invitamos a dúas persoas que defenden e se senten identificadas co que é un xeito de facer as cousas: Adán Canda (Lamprea Explosiva) e Daniel Valcárcel (Aeronave Adolescente). Berto acompáñanos no estudio para unirse á conversa.
Créditos
Un podcast sobre música galega de xente inqueda (que non violenta!) e conversa pacífica presentado por Celia Eiras, Anxo Fariñas e Daniel Portela, coa colaboración de Nuno Pico e Berto Mira