Violentos Anos Vinte. A música galega alén das fronteiras
Isto é un podcast sobre música galega. E non calquera música: a dos novos anos vinte, que xa non son felices, senón violentos. Buscamos ser un espello do que está sucedendo ao noso carón: grupos tocando nos locais das nosas cidades e artistas novos creando música na súa habitación. Queremos habilitar un espazo aberto á conversa –sempre pacífica, malia que o título engane– arredor da escena musical galega. Presentado por Celia Eiras, Anxo Fariñas e Daniel Portela, e coa colaboración dos artistas Grande Amore e Berto.
Este episodio, sobre a música galega alén das fronteiras, é un prólogo do que vén. Por iso, adicamos máis dunha hora a intentar definir esas fronteiras. Cando unha canción é 'galega' e cando deixa de selo? Inflúe o idioma na ruptura das 'fronteiras'? Como se relaciona a diáspora con todo o anterior? Acompáñanos Xoán Domínguez de Blanco Palamera, dúo compostelán afincado en Madrid, e Cibrán Tenreiro, músico e doutor na Facultade de Ciencias da Comunicación, para conversar sobre estas cuestións. O noso colaborador Nuno Pico descúbrenos un tema e a historia detrás del.
Créditos
Un podcast sobre música galega de xente inqueda (que non violenta!) e conversa pacífica presentado por Celia Eiras, Anxo Fariñas e Daniel Portela, coa colaboración de Nuno Pico e Berto Mira