“Teño caldo quente”: Mondra remexe na pota

“Teño caldo quente, quérelo probar?” pregunta o artista ao inicio desta retranqueira e insinuante peza que o público xa pode degustar nas plataformas dixitais. 

Poderiamos dicir que Mondra resignifica o caldo, pero imos deixarnos de parvadas e simplemente animamos a escoitar a nova canción e ver o vídeo do cantareiro e bailador, que tan ben acae neste frío venres de inverno e “non lle fai mal a ninguén”, tal e como canta. 

“Mira, rapaciño, o prato está na mesa e canto máis te miro,máis o caldo espesa”...  Este tema é a segunda creación que Mondra dá a coñecer do que será o seu novo disco, logo do pasodobre "Vale máis un canciño", producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz. A súa dirección creativa global lidéraa Zeltia Iglesias, con quen xa traballou en ARDĒN.

O lanzamento de “Teño caldo quente” complétase cunha proposta audiovisual codirixida por Adela Otero e mais o propio artista, quen tamén coproduce o video canda o estudio elmembrillo. 

Créditos

Composta por Mondra, Hevi

Producida por Hevi no Laboratorio Soyuz

Vibráfono: Lucas de Centi 

Ventos: María Prado, Paula López e Xiana Naval

Contrabaixo: Andrés Real 

Percusións: Xulia Sánchez e Artur Puga

Audiovisual dirixida por Adelo Otero e Mondra

Dirección creativa global: Zeltia Iglesias

Tamén che interesa

  • “Marimondra” celebra con orgullo «ser galego e maricón»

    No Día do Orgullo LGBTIQA+, o cantareiro e balador galego Mondra lanza o seu novo sinxelo, “Marimondra”, un canto á disidencia onde reivindica a creación cuir en galego e desde Galicia.

    Ei, son Marimondra / un ser ben dramático / Sempre di meu pai / que nacín fóra do armario” canta Mondra nunha peza na que tamén participa a intérprete Mónica de Nut.

    O traballo vén acompañado cun vídeo, que dirixe Mondra xunto a Adela Otero, ambientado nunha froitaría algo inusual, que conta coa coreografía de Daniel Rodríguez e co asesoramento do proxecto ‘En lingua de signos’para referir termos como “trans”, “lesbiana”, “cuir” ou “marica”. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.