“O lugar do crime” Recordos e nostalxia no adianto do novo álbum de Secho
Secho vén de estrear o sinxelo “O lugar do crime”, unha coidada peza que serve como carta de presentación do seu disco homónimo. ‘O lugar do crime’ é o seu último proxecto musical, producido polo Hevi no Laboratorio Soyuz.
Sete temas con arranxos minimalistas que se moven cun rexistro delicado entre sonoridades pop, indie e folk. En palabras do artista de Dodro, o tema afonda "nos recordos e na nostalxia". Nel busca o mar de Rosalía e pensa “nos que non están”, nos espazos familiares, en infancias enfundadas en botas de goma que participan na matanza do porco. Imaxinarios dunha xeración con crimes e lugares comúns.
Créditos
"O lugar do crime"
Secho: Voz e sintetizador.
Lois Carlín: Baixo e coros.
Dani Riveiro: Percusión.
Produción: Hevi.
Videoclip: Nela Fraga.