Secho. Fogueira pop

Cando falamos de Secho, estámolo a facer dunha das voces máis representativas da xeración que está a acostumar o ouvinte a que o pop fale en galego. Chicharrón, Malandrómeda, Emilio José, cada un deles consolidou un universo propio e característico que, no caso deste músico orixinario de Dodro, parte dunha caligrafía folk debuxada con temperanza e curiosidade por abrir lazos comúns no gusto por atopar semellanzas con grupos como Ataque Escampe. 


 

E faino a través da composición dunha Galicia lendaria, a partir da ficción de enfocala como terras lonxanas do Vello Oeste, representada polos aires fronteirizos que asoman nas cancións que conforman Recuperar, novo álbum de tan detallista bardo das cancións de fogueira no campo. Introspección e moito agarimo co que fai tremer o seu canto agudo en sentidas postais caseiras que, como explica o propio Secho, xa foron atopando a súa luz hai máis dunha década, «cando comecei a escribir cancións con 18 anos ou así, aínda que creo que nace cando me convidaron a tocar os Medomedá alá polo 2009, no TNT en Compostela. Eles tocaban o sábado e o domingo e eu abrín o concerto do domingo. Xa hai un tempo diso».

Do seu anterior LP, Xa fai tempo, a Recuperar nótase o peso da experiencia de quen ten claro o camiño a seguir, pequenos e grandes cambios, tal como explica: «Cambiou a  maior experiencia que teño, pero o xeito segue a ser o mesmo. Compoño cancións con bastante frecuencia e case sempre cunha mesma mecánica; xorde unha idea e apúntoa, nunca me sento antes de recollela. Esta teima de ir anotando todo fai que cada vez me resulte máis doado compoñer. En Recuperar gravei algúns temas na casa antes de ir ao estudio e outros simplemente co móbil desenvolvendo esa noción inicial. Iago Pico coñéceme de hai moitos anos e enténdeme moi ben, por iso foi moi cómodo o paso polo estudio neste disco».

Neste novo álbum Secho conta coa colaboración de voces como a de Guadi Galego, e Sabela Galbán fala sobre as cousas pequenas, algo que non só se ve a nivel lírico, se non pola dimensión instrumental, moi no óso, coma se quixese buscar sempre a esencia do son, sen ornamentos que desvíen a atención do primeiro plano da palabra. «Si, creo que ese “moi no óso” define moi ben o que fago, aínda que para min este disco pode que teña un pouco máis de cociña, xa que a pandemia regalounos un tempo extra para parar e revisar algunhas cousas. Aínda así sempre intento limpar as cancións daquilo que sobra ou tan só serve  para adornar. Para min é moi importante cando ceibo unha canción que esta non renuncie na súa sinxeleza a equilibrar música e letra», comenta.

Historias pequenas como en “29” buscan a intimidade das lembranzas, pauta narrativa moi presente no obxectivo da súa metodoloxía actitudinal: ter moito celo coa intimidade dos sentimentos: «Cando fago unha canción coma esta busco ser un cazador do momento para logo exercer de coleccionista do mesmo cada vez que a toco. É coma se fixese unha foto musical dese intre, que a maiores de pretender emocionar a quen a escoite, poida permitirme manter viva no presente unha lembranza que polas razóns que sexa quero preservar. Supoño que este é o motivo polo que fago a maior parte das cancións».

Neste sentido, en certa maneira, escoitar este disco é como abrir un diario moi persoal. Algo buscado desde o comezo: «En parte si, pois sempre conto as cousas que me van pasando ou que vou observando, esas pequenas historias das que falaba antes. Coido que en todo proceso creativo hai unha procura por intentar entendernos e tamén por entender aquelo que nos rodea», asegura.

Alquimista do matiz, nun corpo musical de relevos tan apolíneos, atopámonos con pop clásico, sons country, como en “Un Ironman”, todo tépedo con sons fronteirizos e unha pauta moi clara do medio tempo. Case é como se todas as pezas do crebacabezas fosen pensadas en función das demais: «Síntome moi cómodo nos medios tempos nestes intres, coido que son unha boa fórmula para encarar o momento que nos tocou vivir. Ter meses para deixar repousar as cancións nesta pandemia foi algo fundamental para encaixar as pezas do que quería  transmitir. O contexto sempre condiciona todo o proceso de composición e neste momento este non é menor. O propio título do traballo , Recuperar, non deixa de expresar unha vontade de camiñar cara algures ou un desexo».

Dende Tulip a Chicharrón, cada vez hai máis grupos que encontran moitas posibilidades na dicción pop de cantar en galego. No caso de Secho, as vantaxes que atopa parten de «naturalizar sen segundas lecturas o emprego do galego nas miñas composicións. Non hai vantaxes nin desvantaxes. Tan só é a lingua que, a diferenza doutras, me permite cantar e facelo con xeito. Podo cantar noutros idiomas pero non é o mesmo. Non quero renunciar na composición ou na interpretación a ese valor engadido, a ese “xeito", para min fundamental, que resulta o máis importante».

Despois de parir unha criatura discográfica tan notable como Recuperar, a traxectoria de Secho parte da idea de que «hai discos que se perderon polo camiño do tempo e quedaron atrás porque o momento non permitiu gravalos. Pero deses discos ás veces recupero cancións, como por exemplo, “29” para este. Aínda non sei moi ben que hai despois de Recuperar. Semella que vivimos rodeados dunha mesta néboa que non nos permite albiscar o futuro, mais non renuncio a exercer a miña paixón pola música. Quero pensar que o meu mellor traballo aínda está por chegar».

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

  • Tulip. Na Tropicalia ‘dream pop’

    A semana pasada publicouse ‘Estrelas no chan’, primeiro LP do grupo vigués Tulip, que integran Óscar Raña (Dois) e Marta González (Wild Balbina). Este debut maxistral marca un antes e un despois na rama tan trillada do indie pop de hoxe en día feito na península. Dez cancións de pura fibra emocional, heteroxéneas e ricas na súa propia diversidade, e sobre todo, autónomas. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.