"Recuperar", novo videoclip de Secho

Presentamos en exclusiva o videoclip de “Recuperar”, o single que lle dá nome ao primeiro disco en solitario de Secho. Unha canción composta no 2017 que fala do cambio musical que o artista de Dodro acometeu naquel entón. Gravada integramente en solitario, funciona como un mantra interior, calmo e instrospectivo, o inicio dun camiño persoal que se reflicte nas imaxes deste novo videoclip realizado por Nela Fraga. 

 

O single que hoxe, co inicio da primavera, presenta Secho cobrou un novo significado coa pandemia, que parou a saída do disco e vólvese resignificar nestes días violentos que está a vivir o mundo. Como con tantas outras cancións concibidas antes de 2020 e antes do pasado mes de febreiro, ‘Recuperar’ acadou unha dimensión que extrapola a súa mensaxe e nos toca a cada unha de nós: Ningunha conquista é para sempre. E non só na conquista de novos espazos e liberdades. Desde o nacemento desta cación até os nosos días, fomos desposuídos de todo o que se daba por sentado nas nosas vidas. De todo o que nos facía ser nós. Por iso, máis ca nunca, esta re-conquista é a tarefa máis lícita e urxente. Recuperar aquilo que desaparece, o que se perde só. E preguntarse de onde veñen e que queren aqueles que nos desposúen do máis básico. 

 

Os versos da canción ‘Recuperar’ foron resignificados pola vida. Así reside a potencia e a maxia da música e da poesía. Que o que se ergueu como asidoiro persoal dalguén trascende esa intimidade para rescatar dúas, tres, vinte ou milleiros de persoas máis. Con esa intención ceiba o autor esta canción que nas imaxes de Nela Fraga busca o novo camiño. Un camiño que ascende para rematar no Monte Xalo liberando os últimos acordes no alto para que sigan elevándose, como os mantras, e así trascendan.

Créditos

Música: Secho

 

Vídeo: Nela Fraga

 

Son: Iago Pico

 

Agradecemento: Ángel Rueda

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.