Miudiño Sessions: Mel ft. Antía Muíño
As Miudiño Sessions chegan á súa triséxima terceira entrega coa sesión que debullaron Mel na compaña de Antía Muíño nunha localización con tanto significado coma a Casa da Matanza en Padrón.
A solaina de Rosalía de Castro foi testemuña da fusión de pop, jazz e electrónica do combo formado por Lucas de Centi (Néboa, Mocho Gris), Sandra "Chon" Pérez (Cantometrics, Néboa) e Miguel Arribas, arroupados polo feitizo da voz de Antía Muíño. Catro pezas a cabalo entre a vangarda e a tradición onde caben dende sintetizadores e caixas de ritmos até instrumentos con tan pouco predicamento na nosa música contemporánea coma o vibráfono e a marimba, confirmando a Mel coma unha das propostas máis únicas da escena galega.
Trixésima terceira entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa língua.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.