“Eu non quero té”: Maricarme fusiona tradición e electrónica cun vídeo surrealista
Maricarme, o proxecto, formado por María Jorge, Cibrán Seixo e Migui Carballido, profundiza nunha reinterpretación libre e contemporánea da música tradicional galega e nesta ocasión, o grupo toma como punto de partida unha muiñeira aprendida de Os Fillos de Pepa A Loba, a "Punteada da Miñata", mantendo así un diálogo vivo entre tradición oral e contemporaneidade.
A nova canción supón o segundo adianto do seu novo EP –previsto para outono- e continúa a liña que define a Maricarme: unha fusión entre instrumentos acústicos tradicionais e texturas electrónicas contemporáneas, onde conviven percusións de raíz, cordas e paisaxes sintéticas que, unidas á voz de María Jorge, dan lugar a un folk dinámico e fresco, reafirmando a identidade do grupo como unha das formacións máis singulares da nova escena galega.
O novo tema chega acompañado dun videoclip dirixido por Marte Martinka e Fotomatong, que achega un novo ingrediente ao xa surrealista universo estético da banda. Con este novo traballo, Maricarme non só consolida unha identidade propia, senón que continúa abrindo novos camiños para a música tradicional galega.
Créditos
Videoclip escrito e dirixido por: Miguel Méndez “Fotomatong” e Marte Martinka
Dirección de arte e vestiario: Marte Martinka
Dirección de fotografía, montaxe e cor: Miguel Méndez “Fotomatong”
Música e letra: Maricarme / Tradicional ("Punteada da Miñata" - Coristanco)
Produción: Maricarme
Gravación: Cibrán Seixo
Mestura: Alberto Cernadas en Lindisfarne
Masterización: Juait en Spinal Sound
Acompañamento: A Seara Servizos Culturais