Anxo Araújo publica “A costa alentexana”, pop de autor con recendo a verán
Anxo Araújo vén de estrear "A costa alentexana", un videoclip realizado por Miguel Méndez Fotomatong e protagonizado por Marina Carpente. Un traballo gravado na ría de Aldán no mes de marzo de 2025.
O novo traballo do artista continúa apostando por un pop de ritmos latinos como xa o facía no seu último disco Aprender a bailar, dando continuidade á luz que emanaba daqueles Días felices. Os sintetizadores, os ventos e os ritmos latinos seguen estando presentes nun traballo que aposta pola viveza e pola elegancia dun orixinal pop de autor en galego.
“A costa alentexana” e “Viva!” son os dous sinxelos que forman parte deste novo traballo mesturado por Anxo Araújo con mastering de Vitor García Ultramarinos (A Costa brava/Barcelona). Un traballo atlántico que anuncia o verán e as noites estreladas, «como cando fomos, amor, á costa alentexana e aquel aire con restos de sal ergueu as persianas». Unha celebración da vida, pero tamén dos fracasos e das aprendizaxes, «que viva cada día que miramos adiante porque atrás xa non presta mirar», dí Araújo no segundo corte do EP.
Créditos
Realización: Miguel Méndez Fotomatong
Foto e deseño de portada: Miguel Méndez Fotomatong
Protagonizado por: Marina Carpente e Allo
Acompañamento: Ángela Vila
Management: Urdime
Gravado entre Unha Casa Calquera, Garaxeland e a FauHaus
Técnico Garaxeland: Edu Vidal
Composición e produción: Anxo Araújo
Mesturado por Anxo Araújo en Unha Casa Calquera
Master: Vitor García Ultramarinos
Anxo Araújo: voces, guitarras, baixos, pianos e sintetizadores
Faus Camaño: baterías, percusións e palmas
Borja López: ventos