A banda da Loba estrea novo disco: ‘Lovismo’ celebra a vida con amor

Desde este venres xa se pode escoitar o quinto traballo d'A banda da Loba, Lovismo, composto por once temas que teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresión como o desexo, as relacións, a maternidade, a sororidade ou o amor polo noso. Segundo explica Andrea Porto, neste traballo quixeron falar do amor desde distintas perspectivas pero sen esquecer  «o amor a nós mesmas, fundamental para desde aí, querer ben». 

A presentación pública de Lovismo será nun concerto na Sala Capitol de Santiago o vindeiro 1 de febreiro. Unha auténtica festa na que estarán rodeadas de artistas amigas no escenario como De Vacas, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, responsables dos instrumentos de vento do disco. 

O disco comeza co sinxelo “Lova”, un tema que fala da transformación a través do amor, da liberación dese fío vermello que nos conecta co resto de persoas. Segue con “Amigas”, unha reflexión sobre a sororidade na amizade feminina cuxa mensaxe está inspirada no libro Canto eu e a montaña baila de Irene Solá.  A terceira creación é “Un pelouro que roda”, un exercicio de que une, segundo explican desde a banda, nada máis e nada menos que Rosalía de Castro con Bob Dylan. 

Con “A bachata da gata” a banda atrévese co xénero dominicano para falar sobre o desexo con versos tomados do poemario Nós nus de Olga Novo. A quinta composición, “Agora”, inspírase na espera dun novo ser e o remexido de emocións que trae consigo. 

O ecuador do disco, “Estreliña riscada”, é un arrolo, un agasallo intanxible para certa lobiña que acaba de chegar ao cubil. A sétima canción, “Salta”, é, sen dúbida, a peza máis vitalista deste Lovismo: un convite a saltar, bailar e vivir a vida gozando cada minuto ata o solpor. 

Xogo de agardar” é un tema inspirado no que se sente cando coñecemos a unha persoa e, con só unha ollada, saltan faíscas. A novena canción, “Cruel filosofía”, é a musicalización do poema homónimo de Luísa Villalta e conta coa colaboración de Tomé Mouriño (De Ninghures). 

Na décima composición, “E o mar”, ABDL volve á poesía de Villalta para falar da conexión emocional do pobo galego co mar. Lovismo pecha con “Olliños”, unha canción coproducida con Terrae sobre as regras do xogo do amor.

Créditos

"Xogo de agardar"

Letra e música: Inés Mirás

Arranxos: A banda da Loba

Gravación, produción e masterización de audio: Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios)

Audiovisual: Adrián Gómez 

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.

Tamén che interesa

  • Novo sinxelo de A banda da Loba. “Lova”, ouveo liberador feito música

    «Comeza o lovismo, comeza a cantar, convértete en loba e ponte a ouvear». O fermoso son do violín de Estela Rodríguez principia o novo sinxelo de A banda da Loba, “Lova”, adianto do que sera o novo disco da banda, Lovismo, que se publicará a comezos de 2025 e será presentado o 1 de febreiro na Sala Capitol de Compostela.

    Explican desde a banda que o amor e as súas múltiples formas de expresión ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso...― serán o leitmotiv de Lovismo, un disco onde confluirán diferentes estilos, desde a bachata ata o pop pasando pola música disco e reivindicando a inspiración literaria da que fan gala desde o seus inicios as compoñentes de A Banda da Loba (ABDL).

    Música
  • Vinte estrea videoclip de Abril. "Arredor da mesa", a muiñeira das amigas

    Abril presenta ‘Arredor da mesa’, un single cociñado a lume lento xunto ás amigas. O novo tema é unha muiñeira de Caroi con arranxos propios, recollida por Xisco Feijoó e con letra orixinal de Petra Iglesias e Claudia Abril. 

    O dúo formado por Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (Violín e voz) bebe das músicas de raíz e achega unha proposta moderna e ao tempo delicada. "Arredor da mesa" é unha oda ao amor das amigas, a pasar tempo de calidade con elas, a coidalas e querelas ben. Por esta razón Abril quixo facer unha canción dedicada a elas contando coa súa participación cantando, tocando, escribindo a letra, producindo, dirixindo o vídeo ou actuando. 

    Música
  • Chega Pava 3, o pop luminoso e sofisticado de Lucía Aldao

    A poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao estrea este xoves o que supón o terceiro disco do seu proxecto musical, Pava. O EP Pava 3 xa está dispoñible para escoitar nas principais plataformas dixitais e é posible adquirilo a través do Bandcamp de Pava. 

    O lanzamento coincide coa estrea do videoclip realizado por Antón & Martiño para o tema “Unha cadela chamada Por Favor”, unha balada que contou coa colaboración de Gloria Pavía.

    Música
  • Entrevista | Nadie González: «No escenario hai que ser unha xefa, ou polo menos que a xente o pense»

    «Eu veño da escrita e son unha persoa bastante introvertida nalgúns aspectos…No escenario hai que transformarse». Carla AKA Nadie González (Candeán –Vigo, 1993) escribía de sempre e lía a Xela Arias, Alfonsina Storni ou Rosalía. O rap chegou para darlle voz a todo iso que sente e escribe e agora xa non hai quen a pare. Tras publicar o seu brillante Noctiluca Scintillans en 2024, está preparando novos temas coa colaboración de Peter Petrowski para demostrar que na nova música galega tamén hai sitio para o rap e para ela. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.