Vinte en ruta #07. Pelerinaxes: nunca é tarde para ir a Santo André de Teixido

Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

Seguimos os pasos de Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, que no verán de 1927 camiñaron ata Santo André de Teixido «por terra sagrada». Con especial atención ao treito entre As Pontes e Teixido iniciamos a nosa particular pelerinaxe

 

Propoñemos unha viaxe baseada nunha excursión que se celebrou hai case un século. No verán de 1927 Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey) foron a pé desde Ourense até Santo André de Teixido, e o primeiro deles reflectiu o roteiro no libro Pelerinaxes I. Hoxe en día adoitamos facer turismo por distintas motivacións, cadaquén a súa. Mais que levou a tres homes de aproximadamente 40 anos a ir dar un paseo de case 200 quilómetros? Abofé tiñan fe cristiá, pero tamén o desexo de coñecer o país de a pé. Sen apuros, con espírito científico, con fame

Así se manifestaba Vicente Risco no prólogo: «Ides lêr o roteiro d’unha viage á pé, que uns galegos, nin turistas nin deportistas, fixemos cruzando do Sul pr’o Norte caxque toda a terra de Galiza, referido por quen millor sabe referir hoxe en día n-esta nosa terra, e ilustrado por quen puxo nas cousas que vía toda a curiosidade esculcadora dos seus ollos, cheos á aquela hora de contentamento (...).

Velaquí o camiño de Teixido. Quen de vivo aló non vaia, terá qu’ir de morto, en figura de cobra ou lagartiña. Gracias a Deus, nós levamos já isa angueira feita... D’Ourense ao San Andrés de Teixido, veleiquí a terra toda debaixo dos nosos pés. E ollai com’andades, qu’ides por terra sagrada».

Entrada á vila das Pontes, ponte de Isabel II CC-BY-NC-SA Adrián Estévez

Á súa vez esta aventura tivo unha precuela: o ano anterior, que fora Ano Santo Xacobeo, Xavier Pardo, Otero Pedrayo, Risco, Lois Feixoo e Antón Sánchez camiñaran desde Ourense a Santiago de Compostela. Despois desa primeira pelerinaxe, aventuráronse a unha maior. Botaron en total oito días de excursión: saíron o luns 4 de xullo e chegaron o luns 11. O percorrido discorre polas provincias de Ourense, Lugo e A Coruña, tramo este último que trataremos polo miúdo. Tras saír da cidade das Burgas, vila en que residían, pasaron por Monterroso –onde Otero Pedrayo compón a súa coñecida “Oda ao xamón”– e seguen até Palas de Rei, onde collen o Castromil a Lugo. Despois continúan en dirección a Vilalba para seguir cara ás Pontes de García Rodríguez. Detémonos, pois, nesta etapa.

Os petrucios da xeración Nós, se cadra, estaban aínda afeitos a pensar en xurisdicións ca en concellos e en dioceses ca en provincias. A división territorial de España en provincias que deseñou Javier de Burgos fíxose efectiva en 1833, e Domingo Fontán deseñou a Carta Xeométrica de Galicia –pedra de toque de calquera roteiro naquel momento en que non existía Google Maps– entre os anos 1817 e 1834, polo que xa aparece reflectida cando se imprime en 1845. Abofé que os homes de Nós sabían das provincias, pois o propio Ben-Cho-Shey se beneficiara dunha bolsa das Deputacións galegas para facer unha viaxe de formación por Francia e Bélxica.

O sábado 9 de xullo de 1927, diciamos, espertan en Vilalba, e ao mediodía entran na provincia da Coruña. Empregan a vía que une Rábade e Ferrol, coñecida como estrada de Castela e renomeada en 1941 como C-641. Quédanlles aínda setenta quilómetros por diante ata Teixido, polo que cómpre coller folgos. Hoxe é habitual atoparmos bares de estrada (lembrade: se hai camións aparcados, é sinal de que o sitio está ben). Eles detivéronse a xantar nun mesón en Candamil, parroquia do concello de Xermade. O camiño andado xa se fai longo, e aproveitan a parada para que Risco lle cure as vinchocas a Otero Pedrayo. Os afectos, os coidados entre os bos amigos, están nestes pequenos detalles.

Mural do Camiño dos Arrieiros desde As Pontes até Bares CC-BY-NC-SA Adrián Estévez

A comezos do século XX estaba a modificarse a arquitectura da zona. Antes de xantar pasaran por diante da escola habaneira construída en 1907 pola Liga Santaballesa de Educación e Instrución, e pouco despois pasarán a carón do cemiterio neogótico de Cabreiros. Os camiños van deixando a súa pegada na toponimia, como se explicou en 2022 no Congreso Internacional de Toponimia no Camiño de Santiago, e antes de chegar ás Pontes de García Rodríguez pasarán polo Empalme e pola Casilla. Co tempo fun aprendendo a valorar a importancia dos camiños na creación de patrimonio: non só son de interese coa construción de pontes ou pousadas, senón tamén elementos auxiliares como fitos e casetas de legoeiros.

O caso é que, paso a paso, chegan á provincia da Coruña. Cando Heráclito falaba dos cursos fluviais non dicía cousa de lindes, e Xurxo Souto explicaba que o Miño non é fronteira, senón arteria. Algo similar acontece aquí co límite administrativo, un pequeno rego que une as parroquias do Aparral (As Pontes) e Roupar (Xermade). Tras pasar a carón da capela de San Ramón –seguro que lles fixo ilusión, pois Otero Pedrayo sempre celebraba o seu santo cada 31 de agosto– comezan a baixar cara ás Pontes de García Rodríguez.

A paisaxe do val do Eume está moi modificada con respecto a 1927. Nos 96 anos discorridos desde ese período construíuse unha central térmica, coa súa impoñente cheminé, instaláronse numerosos parques eólicos nos soutos das serras e estendeuse sen mesura o monocultivo de eucaliptos. Vicente Risco fixo numerosos debuxos, algúns dos cales se incluíron na edición do libro, e neles pódense ver os cambios no territorio. A propia vila das Pontes viviu unha grande expansión no último século, como se pode comprobar no comparador do Visor cartográfico da Xunta de Galicia.

Monte Caxado CC-BY-NC-SA Adrián Estévez

Ao entraren nas Pontes deron un pequeno paseo, logo de cruzar o Eume pola ponte de Isabel II, construída en 1862. Paseando chámalles a atención ver rapazada en velocípedos, hoxe substituídos por patinetes eléctricos. Un dos principais atractivos turísticos da vila na actualidade é o lago, creado de forma artificial como rexeneración da mina a ceo aberto que fornecía de lignito á central térmica. Hai bos sitios onde encher o bandullo, como o Mesón 7 Camiños, no Campo da Feira, ou O Xantar.

Hoxe en día levamos todo ben organizado, e hai numerosas plataformas para reservar aloxamento, pero tal noite eles conseguírono co clásico procedemento de ir petando nas portas. Aproveitaron tamén a estancia na vila para ler o xornal, El Pueblo Gallego, logo de varios días sen actualizarse, naqueles tempos sen Twitter. Hoxe en día nos bares o xornal cóllese tamén para ler o horóscopo, co ruído de fondo da TVG e da máquina comecartos.

Espertan en domingo. Otero Pedrayo queda na pousada, coa escusa das vinchas no pé, e o Vicente e Ben-Cho-Shey, devotos, van á misa. O tramo entre As Pontes e Ortigueira é ben fermoso. Despois de longas leguas por terras máis chás, cómpre subir ata O Caxado. Casas solitarias espalladas (sempre me chamou a atención que As Pontes de García Rodríguez sexa dos concellos con máis lugares habitados recollidos no Nomenclátor de Galicia). As veigas a millo, con algunha centeeira; os prados para o gando e o monte con piñeirais, segundo describen. Os usos tradicionais do monte ían xa mudando, anos antes de que o Partido Galeguista propuxese estender a silvicultura.

Ilustración de Vicente Risco do Monte Caxado © Cortesía da Editorial Galaxia e a Fundación Vicente Risco

A baixada cara a Ortigueira é bastante espectacular. O momento en que se enxerga o mar, emotivo. O Cantábrico sempre ten un aquel evocador, un abrigo que une os países celtas. Se cadra non é casualidade que sexa esta vila a sede do festival intercéltico de máis sona xunto co de Lorient. Serendipia: tal día, o domingo 10 de xullo, coincídelles unha festa e o Ben-Cho-Shey marcha botar unha repichoca ao son das gaitas. Mais non todo saíu ben: tiñan previsto dar unha conferencia sobre as ideas galeguistas, pero as forzas vivas consideraron a Risco un dinamizador perigoso e o evento cancelouse. Os anos da ditadura do Primo de Rivera.

Un dos encantos da zona é o ferrocarril de vía estreita. A liña Ferrol - Xixón planificouse a finais do XIX e as obras comezaron en 1921, pero o tramo galego non se inaugurou ata a década de 1960. O traxecto hai que tomalo con moita paciencia, pero é un servizo de proximidades ben xeitoso e cuqui. Á mañá seguinte érguense cedo. A vila de Ortigueira dá para un paseo xeitoso, ata o cemiterio, o monte do castelo ou o convento dos dominicos. Os nosos guías foron nunha motora ata Mera, e alí comezaron a derradeira etapa. A desembocadura do río Mera, a boca da ría, é un remanso de paz. A enseada que deixa ver a marea baixa é unha vista fermosa e de atractivo para as fans da ornitoloxía.

Cabalos na serra da Capelada CC-BY-NC-SA Adrián Estévez

Comezan, pois, a última etapa. O Otero, aínda doente, vai a cabalo. Acompáñanos varios amigos da vila de Cariño, e o tramo faise alegre. É o día de san Bieito de Nursia, e hai certa emoción por rematar a romaxe. Risco fai outro debuxo na aldea de San Adrián, santo este que tamén lle gustaba a Otero Pedrayo, pois naceu un 5 de marzo, e por ese motivo lle puxo ese nome aos protagonistas de varias das súas obras: Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Adrián Silva.

Pola serra da Capelada, cito textualmente, «galopan as greas de facos». Aínda hoxe é algo que adoro, ver donas da paisaxe as mandas ceibas de cabalos, eguas e poldros. E finalmente, Teixido. As gaivotas, aínda por entón máis afeitas á costa ca a aventurarse cara ao interior do país coa despensa dos vertedoiros de lixo, saúdan cos seus chíos e os seus bicos amarelos. A aldea recíbeos coa súa cotiandade de millo e patacas, entón dedicada á economía de subsistencia sen venda de infindos souvenirs.

«Peregrino dos santuarios enxebres –Santiago, os Milagros, Vilar de Flores, o San Cibrao, o San Vintial–, cheguei cos meus compañeiros ao San Andrés de Teixido». Peregrinos e non turistas, que cómpre distinguir ben entre a devoción ideal e o 'diletantismo snob'. Tal deixou escrito Vicente Risco, facendo gala da filosofía peripatética.

Amilladoiro preto de Teixido CC-BY-NC-SA Adrián Estévez

Fun ó San Andrés de Lonxe, aló, no cabo do mundo..., di a romaría. Traballo feito é ir de vivo, pouca broma é as penas penitentes teren que andar de romaxe. Por ir adiantando labor, tamén se achegaron a Teixido o Padre Sarmiento e mais Paco del Riego (no seu caso nun Renault), que deixou na obra Galicia outro libro de viaxe ben recomendable.

É hora de regresar á casa. Hoxe en día, pódense traer os sanandresiños de miga de pan, mais tamén camisetas, botellas de xenebra e toda caste de trebellos. En calquera caso, logo de deixar fóra as penas do espírito e amorear pedras nos amilladoiros, os visitantes levan consigo o recordo dunha aventura, que a carga simbólica tamén deixa pegada

Adrián Estévez

Adrián Estévez

Adrián Estévez (Pontevedra, 1983) é filólogo e lector. Colabora na Wikipedia e apúntase a canta romaría haxa. Para VINTE fixo a guía interactiva dos bares da N-541 e unha crónica da primeira Gran Romaría  Galician Bizarre, entre outras colaboracións como esta pelerinaxe para o Vinte en ruta. O retrato é de Jaime Olmedo.

En rutas anteriores

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.