Vinte en ruta #05. Alén do Camiño: de Ordes a Melide revisitando o vello ocio

Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

Veiras, El Vergel, Troché, Oriental, Capitol. Son só algúns dos nomes que conectan esta ruta cultural entre o nostálxico e o extravagante, que percorre as vilas de Ordes, Frades, O Pino, Arzúa e Melide sen botar un ollo ás igrexas nin aos murais de arte urbano, nin por suposto aos albergues.

 

Nestas 'Terras do Medio' polas que cada día camiñan miles de peregrinos hai construcións de distinto tipo, que aínda están ou que xa non están, nas que a xeración dos nosos pais e avós traballaban, pero tamén pasaban o seu tempo de ocio. Como se divertía a xente antes de Netflix? Salas de festas antigas, campos de fútbol, vellos cinemas, palcos de orquestras...

Comezamos pola capital do grelo

Un breve traxecto en coche pola sempre ateigada nacional 550 lévanos de Santiago a Ordes. A capital do grelo e vila de Sokram recíbenos con medio pobo saíndo de misa, no mediodía do domingo, e entrando a tomar o café en locais como o Nogallás, na praza do Concello. Xusto doutro lado atópase o quiosco El Chocolatero, vinculado ao Oriental Cinema, «o cine que daba á rúa dos Lagartos» e que, «ademais de pasar películas, tamén fixo sesións de baile cando aínda pertencía á familia Liñares», segundo recorda o profesor Juan José Ferreiro.

Porta do antigo Oriental Cinema de Ordes © Aida L. Rosell
Edificio que albergou o Oriental Cinema © Aida L. Rosell

Unha muller decátase da nosa curiosidade perante o lugar, hoxe en día un edificio de catro plantas. «Entrábase pola rúa dos Lagartos pero o cinema ocupaba boa parte da zona traseira, conectando co quiosco na nacional», cóntanos. «Era un empresario con moitos cartos e montou unha sala moi moderna para a zona», resalta Ferreiro.

Cruzamos de novo a estrada Alfonso Senra, a nacional, e uns metros por detrás da praza do Concello atopamos o bar Saloon, onde varios paisanos toman o vermú. Ninguén dos alí preguntados, incluída a xerente, recorda que precisamente sobre ese solar erguíase en tempos o salón-cine Troché. «Rexentado na posguerra por Julián Marcos e o Vello Viriato, continuou exhibindo películas, pero logo fixéronse cargo del o exalcalde Rafael Mariño Vilela (1909-1983) e a súa muller María Franqueira Regos (1911-1985) que estaba no despacho de billetes. Eles si dedicaron o salón ao baile durante os anos 50 e 60», apunta Ferreiro. Un veciño que cruza os parques municipais ratifícanos este dato: «Tamén houbo un baile».

Ubicación do salón-cine Troché en Ordes © Aida L. Rosell

Bailes como o salón Veiras, cuxo esquelete aínda se pode fotografar en Alfonso Senra, 96, e tamén desde a rúa Compostela. Pechou nos anos 70 do século pasado, cando, como rememora este profesor, rematou o tempo dos salóns «sepultados por un novo rival: as salas de festas». Dúas mulleres que pasean suxeitas do brazo sinalan que ao lado estivo tamén o círculo cultural e recreativo.

Aínda no eido do baile, pero nun sentido máis aberto, emerxen os palcos da festa, auténticos monumentos do ocio galego. Na parroquia de Mercurín, en Ordes, visitamos un: un contenedor e unha máquina escavadora custodian o cruceiro, no medio da praza, e son a clara evidencia das obras ás que se vai someter este punto neurálxico da festa do lugar.

Quiosco El Chocolatero en Ordes © Aida L. Rosell
Antigo salón Veiras (Ordes) © Aida L. Rosell

Pero non todo é danza. Noutro punto, na entrada sur da localidade, en concreto en Santa Cruz de Montaos, media hectárea de monte ponnos fronte o reto de imaxinar o que no pasado foi un campo de fútbol. Podería ter sido, de feito, o primeiro recinto no que xogara o SD Santa Cruz de Montaos. Postos a especular, por que non, as redes que se amorean nun dos córner perfectamente serviron no seu día a modo de peche.

Boney M. cada media hora

A uns vinte quilómetros está Frades e, en Ponte Carreira, as malas linguas din que soaba Boney M. cada media hora na sala El Vergel, despois coñecida como sala Kull. A estrutura é a típica que asemella unha pequena caixa de zapatos, toda tinguida de negro, e aínda se pode observar apartando uns metros da estrada principal, a carón de varios bares con bastante rebumbio.

Antiga sala El Vergel en Ponte Carreira © Aida L. Rosell
Acceso da que foi a sala El Vergel © Aida L. Rosell

Mina non

Pasado O Marquiño e Gradamil, chegamos a Santa María de Gonzar, no Pino, onde sempre nos chamou a atención un palco de orquestra asentado nunha carballeira, xunto ao bar A Carballeira. Varias pintadas no propio palco e nunha das casas próximas son fiel reflexo da oposición veciñal á mina. Velaquí un bo punto para facer un pícnic, se o tempo, coma hoxe, acompaña.

Algúns contos de Arzúa

De volta á ruta, unha distancia similar, de apenas outros vinte quilómetros, separa este lugar de festa de Arzúa, onde preguntamos aos transeúntes por varios exemplos (a de Castro, sala de festas Avenida) deses vellos salóns de baile dos que na actualidade quedan unicamente a fachada ou o recordo dunha etapa dourada. Mais os viandantes, neste día fresco e solleiro, están a estas alturas centrados en atopar oco nalgunha das pulperías da vila.

Unha desas lembranzas da época de ouro dese outro ocio que andamos a revisitar é a do tío 'Pepe dos contos' ou 'profesor Castro de Arzúa'. Son os nomes artísticos cos que, ao parecer, actuaba o arzuán Luís Vázquez Castro en cines e teatros. «Tamén coñecido na vila como 'Molete', faleceu en Ferrol con 56 anos ás oito da mañá do 5 de xaneiro de 1978 e foi enterrado o día 6 en Arzúa ao carón da súa nai, segundo a súa vontade. Moitos son os que aínda lembran as súas actuacións no Café de Castro, nas que facía maxia ou exhibía a súa habilidade como ventrílocuo, ben fora cos seus 'bonecos viventes' ou facendo 'falar' a nenos do público», conta o autor da bitácora arzua.net, que fai unha recompilación de cousas de todos os tempos relacionadas coa vila, concello e partido xudicial de Arzúa.

Palco de Santa María de Gonzar (O Pino) © Aida L. Rosell

Andando de vagar polas rúas desta localidade, fixámonos, a modo de exemplo, noutro deses personaxes con grande relevancia na súa época, que abranguían boa parte da vida política da vila e tamén da sociocultural. Trátase de José Fuentes Colmeiro, que, segundo recolle a Wikipedia, «creou a primeira fábrica de queixo en Arzúa», en 1947. Era, tamén, «dono dunha cafetería-cine en Arzúa». Falamos do cine Colmeiro. O seu propietario foi concelleiro, primeiro tenente de alcalde e rexedor de Arzúa no franquismo. Para este último cargo foi nomeado no ano 1968 e permaneceu ata as primeiras eleccións democráticas.

Saíndo da vila, faise preciso un pequeno desvío para visitar a pequena parroquia de Castañeda, onde naceu María Dolores Casanova González un 24 de xaneiro de 1942. Referímonos a Ana Kiro. Un can vello atado parece reprendernos por meter os fouciños na igrexa e o cativo cemiterio ao seu lado.

Sinal de Castañeda (Arzúa) © Aida L. Rosell

'Chino Capitol'

O fin de traxecto marcámolo en Melide, a outros quince quilómetros. Esta vila foi escenario de numerosos mitos no ecosistema discotequeiro galego, como son os casos de Scorpio e Xanadú.

Tamén tivo Melide catro cines e un deles, unha vez que deixou de selo, pasou a acoller a pulpería Ezequiel.

Case a entrada do pobo damos coa sala Capitol, despois redefinida como bazar chinés e agora en vésperas de que abra unha nova óptica. «Tamén foi un Cadena 100», coméntanos un melidao. O 'chino Capitol', o cine-pulpería... e tantos outros lugares fan inevitable pensar en Eroski Paraíso e en todos eses espazos que foron de lecer para os nosos pais pero que agora, no mellor dos casos, dan forma a novos negocios. Nas peores conxunturas, tan só quedan ruínas ou foron substituídos por moles sen xeito. Éche o que hai.  

Localización do antigo cine Capitol en Melide © Aida L. Rosell
Aida L. Rosell

Aida L. Rosell

Pontevedresa nacida na Coruña e compostelana de adopción. Xornalista en Europa Press, colaboro con medios como Mondo Sonoro, Luzes e VINTE.

En rutas anteriores

  • Vinte en ruta

    Vinte en ruta #03. Polo Ulla abaixo: desde Vedra ata Rianxo

    Saímos do miradoiro de Gundián, en Vedra, coa intención de ir seguindo o curso do río Ulla ata que se funde coa ría de Arousa e chegamos a Rianxo. Viaxamos en coche, cos ollos ben abertos a todo o que se agocha no camiño e imos da man de Rosalía de Castro, coa que nos subimos a unha dorna en Padrón, e de Manuel Antonio, que nos acompaña na travesía marítima.

    Lugares

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

  • Vinte en ruta

    Vinte en ruta #02. Terras do norte: da ría de Ferrol a Ortegal

    O norte do norte, arredor das últimas rías altas atlánticas, merece unha visita por moitos motivos. Hai quen decide achegarse para coñecer as súas paisaxes e os seus valores naturais, hai que chega chamado polo seu patrimonio monumental. Nós, desta volta, propoñemos unha ruta pola costa ártabra guiada pola gastronomía. Por Jorge Guitián. Con fotografías de Adrián Baúlde.

    Gastronomía

    Coa colaboración de Turismo da Deputación da Coruña

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.