Fan, fan. Creatividade e recordos de fans de Ana Kiro

No proceso de investigar sobre Ana Kiro e o seu fandom para o episodio do podcast FAN FAN (que xa podedes escoitar aquí en VINTE) atopei e descubrín unha chea de cousas. Por unha banda, hai un rastro de contidos na rede que deixan sentir a súa influencia a día de hoxe. Pola outra, algúns dos fans cos que falei tiveron a amabilidade de compartir materiais e lembranzas da súa relación con Ana. Cóntovos.

 

1. Obxectos e recordos

Hai un tempo, non lembro ben como, din en Facebook coa páxina FANS ANA KIRO, e pareceume un exemplo perfecto das cousas bonitas que saen do ser fan: un punto de encontro ben coidado para a comunidade de xente que admira a Ana Kiro, onde coñecer ou recordar a súa traxectoria e compartir anécdotas como esta de Ana e o can de Mañón, que a min me fai moita graza.

Máis adiante quixen saber quen andaba detrás da páxina e acabei coñecendo a Anxo Lamas, o seu administrador, que me explicou que sentía que ela deixou “un legado musical e artístico para compartir” e que decidiu facer a páxina para seguir manténdoa presente. Nela vai repasando cronoloxicamente a súa obra, aproveitando o seu arquivo persoal de fan: “A min gústame moito apuntar cousas, entón de Ana apuntaba todo, facía fotos…”. Sabendo iso, pregunteille se podería compartir con nós parte do seu material gráfico e os seus recordos arredor del, e fíxoo.

Como conta no podcast, Anxo toleaba coas cintas de Ana Kiro e decidiu escribirlle cando atopou que nelas puña “Edita Ana Kiro” e un enderezo. Cando somos fans case sempre queremos achegarnos a quen admiramos e buscar que a proximidade emocional que sentimos a esa persoa se faga real. Este é un deses raros casos nos que sucedeu así, porque, como podemos ver, Ana respondeu as súas cartas. O seu contacto por correspondencia continuou ata que a enfermidade lle impediu a ela seguir escribindo, e ao longo dos anos fixéronse amigos. Aquí podemos ver a Anxo con ela en 1993, logo dunha actuación en Bamio (Vilagarcía).

Anxo Lamas con Ana Kiro en Bamio. © Cedida

Anxo conta que levou unha sorpresa cando descubriu que Ana tamén conservaba unha copia desta foto na súa casa. “Se Ana conservaba fotos miñas, non ía conservar eu súas? Todas as que caeron nas miñas mans foron parar a este arquivo visual de fotos de Ana Kiro”. Un arquivo que se complementa coa colección de discos dela e cos programas de radio que o propio Anxo realizou arredor de Ana nas emisoras de Radio Rianxo e Radio Boiro.

 

No FAN FAN falamos tamén da comunidade de fans de Ana Kiro e precisamente Anxo compartiu connosco unha imaxe de catro membros desa comunidade na casa de Ana en Mera, sacada en 2016 logo da gravación do programa Inimitables da TVG.

© Cedida

De esquerda a dereita están Pura, Diana, Anxo e Emilio, que tamén aparece no podcast e nos pasou imaxes como esta doutro momento compartido con Ana:

© Cedida

 

As lembranzas quedan gardadas nas fotos e nos obxectos que os fans imos acumulando co tempo, pero o coidado co que Ana Kiro trataba á xente que a seguía é especial e vai mesmo máis alá de contestar cartas ou abrir a algúns fans as portas da súa casa, como conta Emilio: “temos algo que nos regalou aquí gardado como ouro en paño, que é un vestido dela. Un vestido das súas actuacións regaloullo á miña filla e témolo gardadiño aquí na casa e con moito cariño”.

© Cedida

 

2. A pegada de Ana

En paralelo a falar con fans que seguiron a Ana Kiro en vida, quixen buscar o seu rastro en xeracións posteriores e atopeino en bastantes puntos da rede, onde aparecen contidos que a reivindican ou homenaxean e deixan ver como a súa figura segue vixente. Por exemplo, a través de youtubeiros como Aquel-e:

 

Ou Tito FM:

 

Precisamente, no caso de Aquel-e aparece nas súas redes outro dos rasgos clásicos do fandom, que é a pelerinaxe a algún dos lugares relacionados cos ídolos. Neste caso, a mítica Cafetería Ana Kiro na Coruña (se tedes curiosidade por visitala, tedes outro motivo nesta reseña positiva da súa tortilla).

Como é lóxico, tampouco é a única pegada de Ana no Twitter, onde aparecen músicas, gifs, debates ou reivindicacións do sexi que é “Pídechas o corpo”.

En paralelo ao que pasa nas redes, a figura de Ana Kiro aparece tamén a miúdo no discurso de artistas que a mencionan nas súas entrevistas (como Charles Rapante ou Iria Pinheiro) ou a inclúen nas súas obras. Sobre isto, no podcast tedes algúns casos na música de Emilio José, Boyanka Kostova ou Marietta (se cadra no futuro teremos tamén o d’Os Vacalouras), e aquí podedes ver, por exemplo, a Pepa Yáñez no papel de Ana, exercendo de mestra de “cerimoñas” na Ultranoite POPular Galega (celebrada na Sala Nasa en 2005), nunha foto que nos pasou.

© Cedida

Cando alguén é unha icona, xa que logo, acaba sendo obxecto de imitacións, pero tamén se convirte nunha referencia pop. No mundo da ilustración e o deseño, podemos ver pezas como estas de Montse Piñeiro, Daniel Santos ou Anxo Vizcaíno, onde se ubica a Ana Kiro en relación a outros elementos collidos da cultura popular de máis aló do Padornelo.

 

Imaxino que isto serve para facerse á idea de como o fandom é un motor de crear contido que, no caso de Ana Kiro, segue a día de hoxe en activo. Agora que xa non pode acompañar ao público dende Tardes con Ana ou dende os palcos da festa, está presente nas súas gravacións (se non as atopades no Spotify, tedes case todas elas no blog Galiza en Música) e nestas cousas que van aparecendo na Internet. A min danme bastante alegría.

 

Cibrán Tenreiro

Cibrán Tenreiro

Cibrán Tenreiro escribe (no blog Bolsa de Patacas), toca (en Esposa, Monstruo ou Zara), fala (na vida e, ás veces, na Radio Galega) e é Doutor en Comunicación pola USC.

Escoita o podcast relacionado

  • Vinte no patio Fan Fan

    Podcast. FAN FAN: Arredor de Ana Kiro

    FAN FAN é un podcast conducido por Cibrán Tenreiro arredor do fenómeno fan na música e as cousas que fai aparecer: novas obras, comunidades organizadas e emocións intensas. Neste primeiro episodio para Vinte, Cibrán aborda a Ana Kiro e o seu impacto na xente galega, falando con fans que a seguiron no seu momento e persoas que se achegaron a ela máis recentemente. E poñendo temazos, claro. Unha oportunidade para aprender (ou repasar o aprendido) sobre esta figura clave da nosa cultura popular no momento en que se cumpren dez anos do seu pasamento.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.