Volve o Melona Fest no seu formato pre-pandemia nesta ‘nova normalidade’ e faino cunha edición enfocada no baile. A música para bailar abrangue todas as disciplinas, polo que os 16 artistas que conforman o cartel aportan a maior diversidade para tres noites de gozo en Compostela.
Por pouco non se van poder deixar as máscaras atrás nesta edición do Melona Fest 2022 que vén encher a axenda de concertos na Semana Santa. Do 14 ao 16 de abril, da sala Capitol á Malatesta, Santiago de Compostela recupera o festival da produtora de eventos culturais A Melona, que celebra a súa edición máis bailable. Os abonos están dispoñibles aquí.
«Sabiamos que as restricións pola COVID tiñan que ir rematando, por iso fomos confirmando artistas. O festival tiña que volver porque a música non faltou durante a pandemia, pero si faltou moito o contacto físico. Nós somos persoas moi afectivas –e cremos que a xente que asiste ao festival, tamén– e unha das ausencias que máis notamos neste tempo é a da expresión corporal do baile.
Moitas veces pensamos que é só unha cuestión de gozo e pracer, pero realmente implica moitas funcións físicas e fisiolóxicas importantes para o corpo humano. Xa case estabamos botando raíces nas nosas casas, por iso pensamos a programación do festival para recuperar as pistas de baile», explica o director do Melona Fest, Álvaro Dosil.
O equipo da Melona deixouse levar para ir pechando a programación do festival. A medida que ían confirmando artistas decatáronse de que había unha coherencia entre todos eles, a enerxía das súas músicas: «Tratamos de congregar música bailable de todos os tipos. Desde o indie ata o house, con algunha proposta de reguetón, techno escuro, trap con reggae... Toda unha amalgama de estilos».
Repasamos con Álvaro Dosil o que vai dar de si esta sétima edición do Melona Fest. A primeira confirmación foi a da viguesa Dani: «Levabamos tempo detrás dela para que viñera porque pensamos que o que proxecta como artista pega moito co noso festival. Ten moita frescura. O seu pop invita ao baile, é unha música profunda e á vez festiva. Gústanos moito que o seu proxecto pertence ao mundo contemporáneo, pero conta cunhas influencias retro moi grandes. É quen de conxugar tradición e vangarda».
A banda catalá Mainline Magic Orchestra fai música house en directo. «Cada vez son máis coñecidos polas súas espectaculares performance. Cremos que é unha banda que vai poñer a toda a sala Capitol a bailar. Son moi espontáneos e van conectar moi ben co público», explica Dosil.
Chill Mafia e as súas letras en euskañol. «Tivemos a ocasión de coñecelos en persoa no festival Sinsal e son encantadores. Están sacudindo o panorama musical de Euskal Herria, combinan a música rap, o ska e oreggae co folclore vasco e teñen unha acentuada actitude punk. É unha banda que nos devolve a conexión cun público máis novo», apunta.
Youcanthide é o proxecto dos vigueses «case máis míticos que o Dinoseto» Kaixo e Kings of the Beach. «Por fin podemos cumprir o gusto de traelos. Son unha banda con moitísima carga enerxética. Van despregar a súa actitude antisistema no escenario da Capitol nunha noite na que promete que vaiamos suar porque este grupo é para soltar toda a adrenalina que temos gardada de todo este tempo», salienta Dosil.
Emilio Horyaans, un dos membros do colectivo A Melona, e responsable da imaxe do festival, actúa co seu proxecto PV3000. «Logo de axitar boa parte dos clubs da escena electrónica galega publicou o EP Saudade, un traballo no que aparca a súa faceta máis festiva para mergullarse nunha aproximación máis contemplativa e transportarnos a atmosfderas afastadas e mundos recónditos, perdidos no espazo exterior».
D.O.X «nace do corazón dos 2000 para experimentar coas orixes do techno actual, con mesturas progresivas que inclúen o dark, o industrial e o acid. Un proxecto que nos retrotrae millóns de anos atrás. É un volver atrás ata só escoitar o corazón das nosas nais desde o útero, segundo ela mesmo di. A súa música tamén está moi enfocada ao baile».
Electroconas é o alcume de Raquel Enríquez Castro, que combina a súa profesión no mundo audiovisual coa súa paixón polo techno. «Trae a súa maleta de vinilos chea de ritmos debedores do son ‘Love Parade’. Unha proposta enérxica e contundente para o festival», indica o director do Melona Fest.
Teresa Ferreiro móvese entre tradición e modernidade. «É unha apaixoada pola investigación musical e os rituais sociais arredor da música e a danza. Nos seus sets mestura salsa, house, tradi galego, techno e música experimental».
crnds é o proxecto do compositor e produtor Alberto Cernadas, que «consegue integrar elementos propios da música tradicional galega coa linguaxe tímbrica da electrónica experimental». Así se mostra no seu primeiro álbum, Cernadas.«Tiñamos moitas ganas de telo no Melona Fest porque xa estivo no ciclo Portas do Camiño. Portas da Cultura do verán pasado, pero daquela o baile aínda estaba prohibido», engade Dosil.
Andrés Mahía «leva pinchando case catro anos pero está metido na música desde ben pequeno. Estará no festival para xerar un ambiente escuro e facer que movamos os pés a un ritmo vertixinoso a través da música».
Beatrix Weapons «é unha produtora de música experimental e artista visual que investiga a construción de melodías e beats esmagados e nostálxicos. Elabora sesións aireadas e axitadas apoiada nas estruturas e as atmosferas da IDM, o Glitch, o breakcore, o jungle, o industrial… con voces robóticas e un ruído liberador».
VVV [Trippin’ you] é un trío madrileño neo-bakala. «Con letras frenéticas, repletas do espírito xeracional máis alternativo, ofrécenos unha visión do desasosego da mocidade actual. Sons psicodélicos, electro-punk e voces cheas de ecos de desidia que miran sen nostalxia hacia o pasado e violentamente cara o futuro. Son unha banda que enlaza moi ben con esa xuventude á que non queremos renunciar nunca».
«Teño devoción por Conferência Inferno, levo preto de dous anos intentando traelos a Compostela. Nós sempre miramos moito cara a escena portuguesa porque vivimos nun marco imaxinario colectivo. As fronteiras son imaxinarias e impostas, Porto está moito máis preto de Compostela que Madrid cultural e identitariamente. Participou na presentación do noso proxecto All Venues, é unha das bandas máis elementais da escena musical portuguesa contemporánea. En 2021 publicaron Acta Saturna, unha obra cargada de sintetizadores e post-punk cantada en portugués», destaca Álvaro Dosil.
Da Rocha Um é un DJ e produtor de música electrónica. «Achégase á música experimental desde múltiples xéneros como o bass, o ambient, o punk, o industrial, ou o spoken word. Actualmente traballa realizando deseño sonoro para compañías de danza contemporánea e artistas como o bailarín Richard Mascherin ou laSADCUM, entre outros».
A outra cara do baile, a do reguetón, está representada por Aplauso F5. «Un dúo formado por Flacu e Inma Veiga, amigues que, poseídos polo perreo intenso, levan á cabina un reguetón contundente e ecléctico. Están fortemente influenciados pola cultura pop, os memes e as raves», di Dosil.
De orixe francés pero adopción galega é Mounqup, xa consolidada na nosa escena, que pecha o cartel deste Melona Fest 2022. «Apuntada por algúns medios como ‘a Björk galega’, destaca entre esa nova onda de creadores e creadoras que traballan co amor por Galicia e a súa idiosincrasia como inspiración. Tanto é así, que fixo do galego a súa segunda lingua e o idioma no que canta. Para nós é un gustazo contar con ela porque é unha referente», afirma o director do festival.