Xa hai uns anos que Kaixo leva axitando o underground vigués baixo ética newpunk: a súa maneira de amosar a actitude punk que tiña a música urbana hai dez anos, e que el expresa a partir de caligrafía trap.
Inimigo do politicamente correcto, os seus movementos desde o contrapano da industria musical levárono a montar as festas trap Overdose, pero sobre todo a edificar unha traxectoria musical tremendamente coherente coas súas ambicións e os seus comezos, que lembra deste xeito:
«Tanto do mundo do trap como do phonk, que é o son máis Memphis, atraeume a cara B do que estaba a ser o hip hop clásico de Nova York, que nun momento dado soaba demasiado rancio, no 2010, máis ou menos. As vertentes do trap e o phonk achegábanse máis a esa visión do mundo na que xa non existe a fraternidade nin a comunidade e todo iso que nos venderan como cousas establecidas que xa non estaban, debido a crise económica que viviamos cando tíñamos vinte anos naquela época, polo 2011. O rap español era demasiado paternalista. Parecían profesores do coñecemento. Quitando tres ou catro, como Chirie Vegas, o resto soaban coma mestres de quinto de primaria. Era todo bastante patético. Nós viñamos dunha vertente na que o cripticismo era o que o que primaba. O que nos gustaba era a música, en xeral. Gustábanos desde Deftones e System of a Dawn ata xente como Miles Davis, a electrónica e os temas de reggaetón. Dentro dese eclecticismo, tíñamos o discurso punk, que sempre primou na nosa música. Éramos rapaces de vinte anos e o que queriamos era festa, drogas e rock and roll. Todo ese discurso paternalista pasabámolo polo forro. O trap e o phonk falan sobre vivir ao día. Igual mañá estás morto. No noso caso non era estar morto, pero si coa incerteza coa que se vivía en Europa, e o que si sabiamos era que non iamos vivir coma antes de facer esa música, nin antes de que toda esa crise ocorrese. Naquel momento o trap foi a pedra angular dunha xeración que non sabía onde ía».
"O trap e o phonk falan sobre vivir ao día. Igual mañá estás morto. No noso caso non era estar morto, pero si coa incerteza coa que se vivía en Europa, e o que si sabiamos era que non iamos vivir coma antes de facer esa música, nin antes de que toda esa crise ocorrese. Naquel momento o trap foi a pedra angular dunha xeración que non sabía onde ía".
Fomentar o trap nunha cidade coas características de Vigo non foi doado nin entendido, pero si que trouxo un discurso que ligaba coa clase social dos que o vivían día a día:
«Ao final, Vigo é unha cidade postindustrial, en camiño de se converter nunha cidade de servizos para turistas. Segue a ser unha cidade proletaria, e ao final o trap entende moito de proletariado. Non deixa de ser música que se fai nos guetos ou nos barrios de clase traballadora, que tamén é onde ven o grime. Nestas zonas é onde se xera a venda de drogas, os dramas sociais e tamén as grandes reivindicacións. O trap e o phonk son unha forma de reivindicación de onde vimos e ata onde imos. E iso encaixa moito en cidades coma Vigo, onde a xente vive ao día».
Na consumación dunha comunidade cultural erguida sobre a cultura trap foi clave a constitución de Overdose como eixo aglutinador dunha xeración interxeracional:
«Nós somos os precursores e, en parte, os que levamos o trap a Madrid, onde xa había grupos como Zafiros e moita xente facendo trap. Pero un sitio onde a xente se puidese ver as caras, como en Overdose, non existía. Non intentaban xerar o que nós, que era crear unha comunidade onde a xente puidese sentirse representada, puidese bailar a música que lle gusta e gozar doutra xente, de diferentes ámbitos culturais, pero co trap como nexo común. En Galiza acadámolo sen ningún apoio máis que o das persoas que consideran que isto é algo máis que só música. E, en Galiza, sempre consideramos que Overdose, ou Chalana na Coruña, teñen que ser algo que aglutine esa comunidade, como antigamente o fixo o hip hop».
A xestación dun cinto cultural trap sempre leva consigo estar baixo miradas tendentes á busca do tópico e á definición xeral do xénero como misóxino, sen distincións entre os que o son e os que non, algo que, por exemplo, non ocorre no indie e o rock, sistemas directamente patriarcais desde fai moitas décadas, e cunha porcentaxe de artistas femininas moito menor que nas músicas urbanas:
«Xusto hoxe estou nese discurso, de rock contra reggeaton. Eu considero que ese discurso patriarcal, misóxino, existe en todas as músicas. Non é unha cuestión sistemática. Non vou dicir que os rockeiros melenudos cheiran mal, nin vou dicir que todos os reggeatoneros son uns machistas noxentos, nin tampouco vou dicir que o trap e súper misóxino porque saen tías en tanga nun jacuzzi. Todo ten un discurso máis amplo. Iso é pelearse entre veciños. Tamén eses indie son esta xente que non escoitaron un disco punk, grunge ou indie máis aló do 99 e o 2005. Non son xente á que se lle poida tomar a palabra. Ao final, son como os postfranquistas de Vox, unha peña de merda que só soltan eslogans para facer dano. Iso é non querer ver a profundidade de toda a música que está asolagando o mundo. Nin todo o reggaetón é machista, nin todo o trap é misóxino nin todo o rock é patriarcal. As cousas van cambiando, e a relación da xente coa música tamén».
Abandeirado supremo da ética newpunk, nestes últimos tempos a dirección musical de Kaixo tomou unha senda máis acorde ao post-hardcore, filtro estilístico no que o seu discurso toma nova intensidade a través de temáticas tan crúas e poliédricas como en “Multiplayer”. Este é, precisamente, un dos singles do elepé co que se estrea ao fronte de YOUCANTHIDE, o seu novo grupo:
«YOUCANTHIDE nace coa idea de que hai tempo que eu quería montar unha banda. Kings of the Beach, cos que toco agora, estaban facendo un tipo de música concreta e tamén querían probar con algo máis escuro. Cando volvín a Galiza para vivir aquí, vimos a oportunidade de facer algo que suma oportunidades, non as resta. Somos xente da mesma xeración. Eu son un pouco maior ca eles e tamén veño cunha visión máis grande. E eles son músicos que están moi por enriba da media. E irradian esa sensación de música for life. Había tempo que buscaba xente que vivise a música desa forma, e eles son así. Son súper virtuosos e creo que sumamos entre todos. Todo o que ten que ver co post-hardcore o é cunha evolución de artistas que levan moito tempo facendo música. Ao final, é xente que escoita trap e tamén grime. A evolución ata un grupo deste tipo é importante para un músico porque que tamén trátase de saber recuperar as raíces, e xerar algo diferente. Ao final, creamos un híbrido coa intención de romper barreiras e tamén iso vai contra ese discurso hexemónico do rock. Non queremos crear barreiras, queremos crear pontes».