Street View. Que imaxe nos dá de Galicia o coche de Google?

Co patrocinio de

© Instagram @streetviewgz

O noso país pode ser ben fermoso ou non tanto dependendo dos ollos que o miren e das fotos que o retraten. Nas redes a xente comparte de todo: podemos recrearnos nas imaxes idílicas de postal ou nas que se empeñan en denunciar o feísmo. Mais cando se trata do 'gran irmán' de Google, que aspira a ter imaxes de todas as rúas e estradas do mundo, que imaxe nos devolve de Galicia? Se sabemos escoller, aínda non hai queixa. Varias contas de Instagram ofrecen as súas escolmas con resultados interesantes.

Hai uns anos Berto Yáñez creou un dos seus famosos bots en Twitter, chamado Postais de Galicia, que cada cada catro horas publicaba unha postal dun lugar aleatorio da Galicia real feita con imaxes sacadas de Google Street View e selada un carimbo da provincia e mais do día de publicación. O chío de acompañamento sempre puña “Estiven en (tal sitio) e lembreime de ti”. A ironía deste happening en forma de bot era precisamente esa: que a maioría das imaxes que nos daba Google en modo aleatorio eran por un lado terribles e por outro bastante habituais: casas a medio facer, cancelos de formigón, choupanas cubertas de uralita. 

Tamén había excepcións nas que as imaxes non eran nada feas. O cal mostraba que, domando o algoritmo, o criterio humano tiña en Street View unha fonte de imaxes da Galicia actual bonitas ou interesantes, ou cun valor documental que retrata a paisaxe e a paisanaxe do país, aínda que esta última saia coa cara pixelada. Con esta premisa ultimamente creáronse varios perfís en Instagram que fan isto mesmo: publican imaxes escollidas baixo lemas como “Life shots from a beautiful country”. Este é o caso de StreetViewGZ, que ten conta en Instagram e tamén en Twitter. As estampas que comparten non pretenden ser postais do país pero si darnos unha imaxe actual do país, case microscópica, aproveitando a ubicuidade das cámaras de Google. E con predilección polas imaxes nas que aparecen persoas facendo cousas, do traballo ou do lecer.

Por exemplo, saudar ao propio coche de Google. 

Aquí vai un inciso lembrando o veciño das Pontes que a comezos deste ano se fixo viral dedicándolle a Google un saúdo moi especial. 

 

Volvendo á conta de StreetViewGZ, aínda que non ten que ver con este amable cidadán si que se ofrece a colaborar con outras iniciativas na rede que tamén percorren o país á súa maneira. Coma esta de Carlos Meixide de dedicarlle cada día unha copla a un concello galego. Velaquí a proposta de colaboración:

 

Mais esta on é a primeira conta baseada en Street View que temos por aquí. Máis veterana é Street View Compostela, que xa leva un par de anos regalándonos imaxes dos humanos que retrata o coche ou o dron de Google ao seu paso polo concello de Santiago. A escolla que vemos nesta conta reivindica a ruralidade da capital galega. 

 

Se temos algo que obxectar á escolla de imaxes que fan estes perfís, o bo é que a fonte orixinal está ao noso alcance, e podemos ser nós quen faga esa mesma escolla. Sempre podemos ir nós a Google Street View directamente e pousar o cursos polo sitio do mapa que nos pete, ou axudarnos de aplicacións web como Show My Street. Cando nesta última pos “Galicia” aparécenos de primeiras esta imaxe do concello de Lalín.

© Captura de ShowMyStreet.com

 

Ou Instant Street View, na que podemos obter imaxes aleatorias do anaco de mapa que queiramos, dándolle só a un botón. 

© Captura de InstantStreetView.com

 

Así que se queremos percorrer Galicia sen gastar combustible xa temos onde botar un bo anaco grazas a internet. O nesgo co que queiramos ollalo e despois compartilo xa é cousa de cadaquén, pero o país é o que é.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.