Máis alá do chándal. Así viste a xente de Compostela en Instagram

Co patrocinio de

Un dos posts da conta de Instagram "Composteláns con estilo". © Composteláns con estilo - Instagram

Desde hai un tempo corre polo imaxinario colectivo das redes a idea de que en Santiago a xente non viste moi ben, ou non ten moito estilo comparado con outras cidades galegas. É isto certo? Mentres en Twitter fan mofa disto, dúas contas en Instagram tratan de cazar pola rúa os estilismos “sen esforzo” dos viandantes composteláns.

O mito da Compostela sen moito aprezo polo estilo comezou unha serie de bromas en Twitter, e mesmo creación do que parece ser un novo refraneiro.

Ademais son comúns os chíos que afirman que andar por Santiago é como entrar nunha tenda de Decathlon. Sexa ou non influencia dos peregrinos, este pensamento quedou na mente de moitos, tal como recolle este fío:

Xa temos o estereotipo marcado. Mais nos case cen mil habitantes de Santiago hai xente de toda caste e así se pode ver na roupa que levan. Nos dous últimos meses, dúas contas apareceron para mostrar esta variedade, a través do xénero interneteiro do street-style.

 

‘Composteláns con estilo’

O 3 de febreiro a conta de Composteláns con Estilo, na que podemos ver fotografías de conxuntos de diferentes estilos polas rúas de Santiago, subía a súa primeira publicación. «A idea xurdiu porque empecei a seguir a conta de street-style Parisiens in Paris que fotografa xente anónima nas rúas de París reparando no estilo 'sen esforzo' e con fotos sinxelas feitas co móbil», conta o creador da conta, que prefire manter o anonimato. A situación da pandemia tamén o impulsou a iniciar este proxecto, pois «agora mesmo as rúas son case o único lugar de encontro e celebración». Esta conta foi creada por diversión e a raíz do amor pola moda do creador. «Encántame observar, pasear sen rumbo, fixarme na xente e experimentar a cidade», explica.

O fundador non é ningún descoñecido da industria da moda e do deseño. Traballa neste ámbito e isto permítelle identificar algunhas das producións téxtiles que se están facendo en Galicia. «Se vou sabendo delas, intento comentalas nos posts, xa que é un valor a ter en conta que é importante mencionar», afirma.

Con respecto ao estereotipo de que en Santiago visten mal, o creador bromea: «véxolle moito potencial ao estilo Compostelán aínda que conviva cos Quechuas». Cando se mudou á cidade notou que había unha serie de grupos diferenciados na capital, e que si viu «esa tendencia a vestir con botas de montaña, pantalóns cómodos e cazadoras amplas con un certo aire deportivo». Con respecto a como se compara a moda santiaguesa a outras cidades onde viviu, comenta que «ao principio noutros sitios os estilos eran máis eclécticos, pero dende que comecei esta conta decateime de que hai unha chea de persoas estilosas camufladas». «Encantaríame que esta conta servise para animar a experimentar e gozar da capacidade de expresión que temos, e sobre todo, a quitar esa fama de aburridos seres de Decathlon», comenta entre risas.

Con respecto ao estereotipo de que en Santiago visten mal, o creador de 'Composteláns con estilo" bromea: «véxolle moito potencial ao estilo Compostelán aínda que conviva cos Quechuas»

‘Composteláns in Santiago’

Composteláns in Santiago atopou a inspiración da súa conta dunha maneira moi parecida á anterior, mediante Londoners in London. Con todo, a estes dous rapaces que tamén prefiren manter o anonimato, o momento decisivo chegoulles cando un día «estabamos na Praza da Quintana e decatámonos do estilosa que era a xente que estaba alí, por iso nos animamos a seguir a tendencia cunha conta dedicada á nosa cidade».

Eles non cren que o estereotipo do mal vestir sexa verdade: «para nos é posible encontrar un bo conxunto en calquera parte, e Compostela non ía ser menos», din. Estes nativos santiagueses afirman que «Compostela ten un estilo propio e buscamos mostralo nas nosas publicacións», e bromea con que quizais en Twitter «só se fixan nos peregrinos e non nos Composteláns de verdade».

Os dous fundadores da conta están tamén inmersos no mundo da moda e intentan mostrar estilos de todas as idades, aínda que «si que é certo que o que mais acabamos vendo é xente do noso grupo de idade, mozos e mozas de 20 a 30 anos». Con esta conta, que está en inglés e galego, polo momento buscan tanto entreterse como crecer máis por Santiago, e que xente comece a recoñecerse nela: «é moi divertido cando alguén nos escribe dicindo que é o da foto e síntese afagado porque nos gustase o seu look»

 

E no resto de Galicia?

De momento aínda non existen contas para diferentes cidades galega. Mais na mesma liña que as compostelás temos Galicians in Galicia, que empeza a expandir por todo o país.

 

Con apenas un mes desde a súa primeira publicación, o pasado 10 de marzo, neste perfil comezaron publicando fotos da Coruña e de Ferrol, mais ao teren un sistema de recepción de fotografías de calquera usuario por mensaxe directa, é só cuestión de tempo que comecemos a ver prendas vistas en máis cidades e vilas galegas. Como isto é un movemento moi recente, tan só nos queda esperar a que aparezan 'Vigueses in Vigo' ou 'Ourensáns in Ourense'.

 

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.