Territorio rural por definición, sen grandes poboacións e con só unha manchea de vilas medias, o leste ourensán non acadou tradicionalmente atención mediática en termos gastronómicos máis alá, se cadra, de novas relacionadas coa produción agrogandeira.
As cousas están a mudar, tamén aquí, como mudan no conxunto de Galicia. E a tradición da zona está a verse enriquecida con novos proxectos, coa actualización de negocios de toda a vida e coa chegada de xente que fai que o tecido enogastronómico dese oriente ourensán amose hoxe unha riqueza inédita.
A situación destas comarcas -Terras de Caldelas, Terras de Trives, Valdeorras, Viana, Verín- é un condicionante de dúas caras. Por un lado, a distancia a cidades que poden achegar clientes e xerar dinámicas económicas que beneficien o sector é suficientemente grande como para diminuir ese efecto. Desde Verín, por poñer un exemplo, hai uns 50 minutos ata Ourense, o mesmo que se tarda desde O Barco de Valdeorras en chegar a Ponferrada, a vila grande de referencia, xa que a capital provincial está a máis de hora e media.
Por outra, e iso é o positivo, esa distancia implica a aparición dun ecosistema propio, independente das capitais e as súas dinámicas. Achegarse ás cidades non é, en moitas ocasións, unha alternativa para o ocio e o consumo do día a día. E iso fai, seguramente, que agromen proxectos que doutro xeito quedaría disoltos nas ondas concéntricas da influencia urbana.
É o caso de O Regueiro da Cova, o restaurante de Bego Vázquez, unha cociñeira que estudou en Ourense e marchou logo a traballar fóra da súa comarca antes de regresar ao seu Verín natal para abrir o seu propio restaurante, convertido en poucos anos nunha referencia na comarca e na provincia. Aos poucos, Bego e o seu equipo, militantes no produto da zona, foron gañando recoñecemento e hoxe, convertida xa nun rostro popular da televisión, poder presumir de ser a vixente Cociñeira Forum, o premio que Galicia Fórum Gastronómico outorga cada ano a un profesional revelación e que é, probablemente, o máis prestixioso dos que se conceden en Galicia neste sector. Desde Verín, co producto local por bandeira, e sen prexuízos.
Non é a única opción na zona, se falamos de cociña lixeiramente actualizada. En Vilaza, non moi lonxe, está O Retiro do Conde, unha encantadora casa rural. E nela, O Segredo do Retiro, un restaurante discreto capitaneado por José Luis Prieto, un cociñeiro que tras pasar por Alemania e por Australia veu de volta para dirixir este proxecto no que combina o produto local con influencias aprendidas nas súas viaxes: canelóns de paspallás con bechamel e cogumelos, ravioli de vieira con requeixo e ceboliño, biscoito de castañas con gelee de augardente e sopa de toffee…
Pero tamén o sector produtivo está a vivir unha transformación na comarca de Verín da man de emprendedores como Jose Luis Vaz, o rostro recoñecible de Biocoop, unha aposta decidida pola recuperación de vacún autóctono, pola cría en extensiva e por unha produción carnica que vai moito máis alá de criterios de rendibilidade. Ou da familia Tallón, que en Vilardevós dirixe Ánades Galicia, a única empresa galega de produción de parrulos e os seus derivados -foie gras, conservas- dos que Silveiro, o fundador, foi un pioneiro fai décadas e que atopou continuidade nunha segunda xeración plenamente integrada no proxecto.
Pero a cociña contemporánea non nace da nada. Sería inxusto falar dela sen referirnos aos seus antecedentes, a esa cociña máis clásica que exercen aínda casas como O Cazador, un histórico das paradas en ruta entre Vilavella e A Gudiña. Ou aquelas primeiras fórmulas que se asomaron á modernidade, como aquelas pizzerías que apareceron nos 80 en tantas vilas para abrirnos os ollos a outras cociñas e que hoxe, substituídas por pizzerías de estilo napolitano, van desaparecendo. Aquí, en Verín, esa atmosfera pervive na Italia, un clásico que, coas súas pizzas de vella escola e os seus tanques xeados de cervexa, é xa unha icona. E se queres unha pizza de liña máis actual, aí está Il Forno, á beira do río.
Indo cara ao norte, por terras de Viana, hai que achegarse ata Vilariño de Conso. E chamar antes á Panadería Guerra para encargar o montonico, ese doce misterioso, único no noso imaxinario reposteiro, fillo da emigración e do eclecticismo. E continuar despois ata Viana do Bolo, para explorar o seu mundo panadeiro: Bello e Hijos, Forno Larouco, Chusco, a histórica Vizcaya Prieto.
Viana é vila panceira, pero non é unha excepción nestas comarcas, onde hai, aínda, unha densidade envexable de panaderías tradicionais: Oliveira, na Gudiña, O Bolo, na vila homónima, O Noso Capricho, en Larouco, ou Eduardo Díaz, xa en Petín, son só algúns nomes de entre os que custodian aínda os pans antigos dos vales orientais e, xunto a eles, elaboracións autóctonas que xa son difíciles de atopar: desde os vellos mantecados das Ermidas ás panochas, que tanto nos sorprenden aos que chegamos de fóra, ou a aquelas bolachas que non teñen nada que ver co mundo doce senón que pertencen á esfera das tortas salgadas e que xa custa atopar e que atoparemos un pouco máis adiante nas beiras do Sil.
E xa que estamos, se imos con calma, cómpre parar a durmir en O Trancallo, un aloxamento nunha vella casa da Mourisca en que tomar as cousas con calma e almorzar con pans deses fornos da zona e marmeladas de elaboración propia.
Seguimos cara ao norte, ata Larouco, cruce de camiño tradicional que tamén vai funcionar como tal nesta ocasión. Aquí hai que preguntar por Nacho e o seu proxecto La Perdida, unha iniciativa que conxuga tradición e modernidade arredor do mundo do viño e que ten acadado un enorme prestixio internacional. E aínda que pasaremos novamente por aquí, imos agora cara ás Terras de Trives e de Caldelas, porque alí tamén pasan cousas interesantes.
É imprescindible falar de Hostal La Viuda, se andamos por estas terras, de Clarita, e de María e Anxo, os seus fillos, que continúan cun negocio que vai para as oito décadas de historia e que continúa a ter un éxito incuestionable. De feito, Anxo -Anxo Trives, nome que adoptou de cara ao público- non só é o cociñeiro con máis sona da contorna, outro exemplo de profesional que gañou experiencia fóra e retornou para insuflar nova vida á hostalaría da comarca, senón que é tamén o principal embaixador da súa gastronomía.
Foi Anxo quen me falou por primeira vez de Panadería Caneda, das súas bicas e das súas empanadas; quen me levou tomar algo ao Boliche, onde me falou do traballo de Amarelante arredor das castañas, do proxecto Shiitake Trives. E foi él quen me acompañou ao mítico e inclasificable Casa Agenor, un deses sitios que se resisten aos adxectivos e que hai que coñecer en primeira persoa.
Poderíamos continuar ata Castro Caldelas, para asomarnos á súa tradición de bicas -non serei eu quen entre na polémica Trives/Caldelas arredor desta xoia gastronómica- en O Forno, en Bicas Malena ou en Lalo e continuar cara ao oeste para visitar a sorprendente variedade de castes de vide que atesoura a adega Ronsel do Sil e rematar, se cadra, na Casa Grande de Cristosende. Aquí naceu o meu avó, e a miña bisavoa antes ca el e, aínda que a casa non pertence á miña familia desde mediados do século pasado, teño co lugar un certo vencello afectivo. Hoxe é un aloxamento rural moi apetecible e unha boa opción para comer ou tomar algo no verán, desde ese xardín que mira á outra beira, ás terras de Sober, a aquel Casardecima do que era o meu bisavó, que veu casar aquí, ainda que esa é historia para outro día.
E volta para atrás, pola Ponte Bibei, ata Larouco para virar agora cara Valdeorras, que tamén ten moito que achegar a este itinerario, tanto desde a tradición, as míticas empanadas de costrelas na rúa e as de maravallas en O Barco, pero tamén elaboracións menos coñecidas, algunhas en risco de desaparición, como aqueles hinchóns que xa non moita xente coñece ou as bolas de touciño.
Desde un punto de vista máis actualizado, aí está O Pillaban, na Rúa, ou O Pazo do Castro, cunha ubicación envexable, asomado ao val desde o alto, por enriba do Barco. E quen busque algo sorprendente, atento ás tendencias, ten a medio camiño entre un e o outro o Villa Chicana de Vilamartín, un lugar que en fin de semana ofrece algunhas das mellores pizzas da provincia e o resto dos días cociña unha carta chea de especialidades internacionais.
Con iso, e deixando moito do que falar, sen entrar apenas no mundo do viño, temos unha idea que probablemente derruba moitos tópicos sobre ese oriente de vilas pequenas e poboación envellecida; unha visión dun territorio poliédrico, cunha tradición moi potente e moi viva á que foi quen de ir engadindo capas a través da emigración retornada, pero tamén desas xeracións novas que chegaron de volta para reivindicar o seu territorio, o seu produto e dar forma a outro leste ourensán, sen complexos e con moito que ofrecer.