Que está a pasar nas cociñas do Golfo Ártabro?

A tortilla de Manolo o do Raxo. CC-BY-SA Jorge Guitián

Ao leste da Coruña, arredor desa conxunción de rías tan pouco habitual e ata chegar a Ferrol, esténdese un territorio que non é exactamente urbano, pero que deixou xa en boa medida de ser rural, unha serie de vilas medianas intensamente urbanizadas que une antigas cabeceiras comarcais con sucesións case interminables de adosados periféricos. 

Un ecosistema como este, anómalo, en certo sentido, capaz de orbitar arredor de dúas das principais cidades do país e, ao mesmo tempo, de manter sinais de identidade de seu, con zonas históricos monumentais -como as de Betanzos ou Pontedeume- tiña que dar como resultado, necesariamente, un sector gastronómico plural, marcado polas mesmas tendencias que xa temos visto noutras zonas de Galicia, pero con peculiaridades. 

 

Se falamos de peculiaridades temos que falar, necesariamente, desa vida suburbana que xorde arredor das cidades grandes, polos de atracción nas xornadas laborais, que durante a fin de semana pasa ter un ritmo propio e peculiar, cunha poboación máis nova e, polo xeral, rendas medias máis altas que lugares da súa contorna. Non son cidade, non son vila tampouco, no sentido tradicional. Son un fenómeno contemporáneo, novo aínda e crecente, que dá lugar aos seus propios fluxos gastronómicos. 

Pensa nesa zona de transición entre Culleredo, Cambre e Oleiros, en Perillo, no Burgo, en Santa Cristina ou Santa Cruz e na súa oferta gastronómica, con lugares xa clásicos como o Mesón A Cepa, o mesón que os pais de Anabel e Javi colleron no ano 1985, ao seu regreso do Reino Unido, e que os dous irmáns converteron, con lixeiras actualizacións, nun referente da zona. Ou, poucos metros máis alá, Divino Steak House, convertido nun imprescindible na cociña de carnes de calidade. E algo máis arriba Casa Manolo, máis coñecida como Manolo o do Raxo, non sei se tanto un negocio de hostalería como un fenómeno sociolóxico. 

Cociña clásica en Os Arcos CC-BY-SA Jorge Guitián

Sorprende, en Santa Cristina, o ambiente en certo punto cosmopolita. No que foi un lugar de hostalería de praia e nocturna, hai agora toda unha serie de ofertas diferentes: clásicos como La Cabaña del Pescador conviven con lugares difíciles de definir, como o espazo que ten aquí Fogar do Santiso, seguramente o gran emprendedor da gastronomía no rural galego, ou  as pizzas do Piccolo Mondo

Ata aquí chegou tamén a australiana Sarah Stothar fará cousa de cinco anos. Atopou un local, o da vella panadería Santa Cristina, e abríu un lugar único, parte restaurante, parte clube gastronómico no que aínda están o antigo forno ou as amasadoras: La Panadería By Sarah. Máis alá, continuando pola costa, a coctelería e a oferta actualizada do Noa, o restaurante informal do hotel homónimo, ou o Atelier de Amanda, un restaurante discreto, co cociñeiro Summa Breogán Castro a cargo dos fogóns que en pouco tempo xa se fixo un dos imprescindibles da zona. 

Seguimos. Betanzos sempre está ben, por esa combinación de tradición e de propostas novas que vai aparecendo aquí e acolá por toda a vila. De entre os primeiros, pervive aínda a Panadería Rabizas, co que din que é o forno máis antigo de Galicia. Ou Os Arcos, unha desas casas de comidas de sempre, de carácter familiar, na que Jacqueline cociña cada días pratos como os seus saborosos mexillóns en salsa ou o estupendo chopo guisado. 

A Artesa da Moza Crecha participou no Galicia Forum Gastronómico cunha interesante ensaladilla de algas CC-BY-SA Jorge Guitián

A tortilla. Non podemos pasar por Betanzos sen falar da súa tortilla, unha das iconas gastronómicas de Galicia, que ten una historia fascinante na que podemos entrar outro día, e arredor da que perviven algúns dos seus históricos, como La Casilla, considerado por moitos o quilómetro cero da tortilla mundial, O Pote, Casa Miranda ou, xa en Coirós, a cinco minutos do centro, Casa Tomé, que aínda fai as tortillas ao lume de leña. E xunto a eles, lugares máis novos que se van sumando á nomina, como o Sinuessa, unha pizzería que xa gañou algún recoñecemento pola súa tortilla. Que bonito ver que, mentres noutros lugares a especialidade local vai desaparecendo da hostalería pública, aquí goza de tan boa saúde. 

Pero Betanzos non é só tradición. E aí están Paula e Lolo, coa súa Artesa da Moza Crecha para demostralo. O seu é un restaurante actual, aberto ás tendencias, pero cun compromiso radical co produto e co territorio. A mostra de que é posible facer algo novo, diferente, con influencias globais e con raíces. 

Continuamos cara ao norte, para facer algunha parada panadeira. Ou empanadeira, como é o caso da que facemos na Sanjurjo, na estrada, ao pasar por Paderne á altura de Lambre. Que boa empanada de bacallau preparan aquí. 

Unha empanada da Sanjurjo de Paderne CC-BY-SA Jorge Guitián

Pero se falamos de panadería, temos que deternos na panadería Pan do Tres, non porque estea entre as destacadas da comarca, que o está, senón porque é un deses sitios case míticos, un lugar de peregrinación para os amantes dos pans de altísima hidratación que un día foron característicos do norte da provincia e que hoxe xa só poden atoparse en tres ou catro panaderías. 

Aqueles pans foron froito da necesidade de dar de comer a máis xente con menos cereal, pero son tamén un prodixio técnico, unha obra de artesanía delicada, aromática, sutil que José Luis Miño leva elaborando toda a vida. Hai que vir ata aquí, ata o cruce de O Tres, en Vilarmaior, para entender ese pan, a súa maxia e a importancia que esta panadería ten, non só no seu sector profesional, senón como garante dunha parte do noso patrimonio inmaterial que corre o perigo real de desaparecer. 

Pontedeume conserva receitas históricas, as sardiñas lañadas, os parrochos do fume e, sobre todo, especialidades de forno e reposteiras que van do manguito á torta de améndoa e cabelo de anxo ou ás rosquillas. Estamos en terra de matices sutiles, porque aquí a proia non é igual que a que se fai na ría de Ferrol. Pode haber só uns 15 quilómetros de distancia, pero as diferencias son importantes. E a bola de ovo pode ser semellante a unha larpeira, pero no é igual. Todas esas declinacións as conserva a memoria da Confeitería Obradoiro, que as irmás Maribel, Lourdes e Beatriz abriron en 1990.

A fiestra da Obradoiro é xa un clásico do casco vello de Pontedeume CC-BY-SA Jorge Guitián

Neste negocio preservan, tamén, a memoria da mítica costrada, unha “empanada en capas” de orixes pouco claras que se perden no tempo. E a daquela torta eumesa da que falou Picadillo e que elas recuperaron para a venda ao público. 

Continuamos, cara ao interior agora, porque hai que subir ata As Neves para visitar a panadería Vilar de Mouros. Estamos xusto a metade de camiño entre dúas das principais vilas reposteiras do norte galego, Pontedeume e As Pontes cos seus mantecados e os seus polvoróns. Pero a Vilar de Mouros non cae baixo a influencia de ningunha delas, porque aquí a segunda xeración deste negocio con máis de seis décadas de historia prepara unha das mellores bolas de nata do país. 

Bola, non bolo, da familia das empanadas, non das roscas. Unha masa de pan aberta, tipo unha pizza, para entendernos, tona, azucre e forno. Nada máis. E nada menos, porque o resultado é monumental. E en Vilar de Mouros non fan só bolas, porque hai tamén fantásticas empanadas e os Manolos, antes coñecidos, ou iso me contaron, como Manolos Pirolos, que só se atopan aquí. 

Seguramente non oiras falar da curruspiñada, como a que fan os irmáns Castro en Neda CC-BY-SA Jorge Guitián

Seguimos o noso camiño. De regreso á costa podemos facer un desvío para probar a famosa pizza da Casa Carmelita, no Outeiro de Barracido -entre Ares e Redes, para entendernos- ou no forno Hermanos Castro, en Neda, que ademais de facer un estupendo pan conserva a memoria de moitos doces locais: proias -diferentes ás de Pontedeume, recorda-, bolas de patrón, larpeiras, curruspiñadas…

E rematamos en Ferrol, unha cidade que está a renovarse e que é xa un dos principais destinos gastronómicos de Galicia. Un dos pioneiros nesta actualización foi Dani López, Dani “O Inglés”, que é propietario de O Camiño do Inglés, seguramente o restaurante de cociña contemporánea máis interesante deste estremo norte coruñés, e dese Josefa’s Bar que mantén viva a esencia destas rúas. 

Casa Amador ten máis de 100 anos de historia CC-BY-SA Jorge Guitián

Pero hai moito máis, e por iso, como din as pintadas, Ferrol Mola: hai o traballo que fai o restaurante Sinxelo, por exemplo, ou o da parella formada por Mar e Alex no BaceLo, uns dos locais que máis están dando que falar nos últimos tempos. Ou a versión máis informal do A Barcia Street Food Bar. Ou a aposta pola tradición das casas de comidas de sempre do Oliva Bar e Levar. Ou a renovación do Bar Timón. Ou as tortillas do Zahara. Ou…

E máis alá dos restaurantes a cousa ten tamén o seu aquel. Con cafés de especialidade como os de Cafetea, con locais como o Lusitania e a súa aposta pet friendly, ou como o Marqués; como esas iconas incombustibles do ferrolanismo que son os cacahuetes da centenaria Casa Amador, churros como os da Avenida e cuncas como as das Nuevas Bodegas Fajardo

O Golfo Ártabro ten personalidade gastronómica de seu, é quen de facer convivir tortillas e raxos coa innovación e con novos modelos de restauración; sabe facer convivir negocios con máis dun século de historia con proxectos aparecidos recentemente. Todo nun ambiente que os xeógrafos probablemente definirían como metropolitano en boa parte do seu territorio. Ou pode que rururbano. En calquera caso, a zona atravesa un momento de redefinición interesante que paga a pena coñecer sobre o terreo. 

Ferrol Mola. CC-BY-SA Jorge Guitián
Jorge Guitián

Jorge Guitián

Jorge Guitián, compostelán nacido en Vigo, historiador da arte empeñado en reivindicar a gastronomía como un valor cultural. Escribe entre outros para o xornal La Vanguardia, Guía Repsol ou a revista Condé Nast Traveler. 

Tamén che interesa

  • Que está a pasar nas cociñas de Pontevedra?

    As cidades medianas -Santiago, Ferrol, Lugo, Pontevedra- atravesan un momento gastronomicamente moi interesante. Nun chanzo intermedio entre as dinámicas das grandes urbes e as das capitais de comarca, nos últimos anos foron dando forma a un tecido gastronómico propio moi relevante. O primeiro dos elementos que conforman a identidade destas propostas é que, na súa meirande parte, están pensadas para un público esencialmente local. 

    Hoxe facemos parada en Pontevedra, cun ecosistema gastronómico propio e sorprendente, é quen de desfacerse do peso que supón ter como veciños a Vigo e ás vilas máis turísticas das Rías Baixas, e de dar forma a un entramado sorprendentemente rico, con opcións para todos os gustos e todos os perfís de gasto. 

    Gastronomía
  • Que está a pasar nas cociñas do sur de Lugo?

    Afastado das principais cidades do país, o sur de Lugo fica á marxe das dinámicas urbanas. Territorio de turismo aínda moderado -e que lle dure- e de escasa industrialización, nos últimos tempos está a reinventarse en termos gastronómicos. 

    Falamos dunha serie de comarcas de contrastes extremos: do envellecemento e a despoboación ao retorno de xeracións máis novas, á creatividade e á recuperación de negocios e de formatos tradicionais que, reformulados, pasan formar parte do noso imaxinario gastronómico contemporáneo. 

    Gastronomía
  • Que está a pasar nas cociñas da Galicia central?

    O centro de Galicia, ese territorio no que se xuntan as catro provincias, ten dinámicas propias. Sen unha vila de gran tamaño que faga a función de centro desde o que irradian tendencias que se espallan pola súa contorna, este cúmulo de territorios atravesa un momento gastronómico ao que paga a pena prestar atención. 

    Movémonos,  desta, por Tabeirós-Terra de Montes, polo Deza, pola Ulloa, pola Terra de Melide e por Arzúa. Entramos, mesmo, ata o norte da comarca do Carballiño para ver que acontece nesas terras organizadas arredor das serras centrais. Do Careón ao Testeiro, do Bocelo á Serra do Faro ou ao Candán está a tomar forma un interesante modelo de futuro para o sector gastronómico, entendido nun sentido amplo, no noso rural. 

    Gastronomía
  • Que está a pasar nas cociñas do leste ourensán?

    Territorio rural por definición, sen grandes poboacións e con só unha manchea de vilas medias, o leste ourensán non acadou tradicionalmente atención mediática en termos gastronómicos máis alá, se cadra, de novas relacionadas coa produción agrogandeira.

    As cousas están a mudar, tamén aquí, como mudan no conxunto de Galicia. E a tradición da zona está a verse enriquecida con novos proxectos, coa actualización de negocios de toda a vida e coa chegada de xente que fai que o tecido enogastronómico dese oriente ourensán amose hoxe unha riqueza inédita. 

    Gastronomía

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.