Europa. Pechar fronteiras para non sentir o frío

Centos de persoas malviven nas portas da Unión Europea mentres agardan a súa oportunidade para cruzar a fronteira. Desde Šid, Serbia, chega unha nova colaboración de Agareso, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios.

O lume ilumina o espazo e quenta as mans e, aínda así, o frío do inverno serbio encolle a pel do corpo. Saifullah só leva posta unha chaqueta fina de chándal e asegura que a situación agora é moito mellor que hai uns meses: “cando crucei a fronteira de Bulgaria, as pernas enterrábanseme na neve”. Ten 18 anos e marchou só de Afganistán porque a rexión na que vivía foi atacada polo (grupo terrorista) DAESH. Agora agarda en Serbia a súa oportunidade para entrar na Unión Europea e chegar ata Bélxica ou Reino Unido, onde quere estudar medicina.

Como Saifullah, centos de migrantes con milleiros de quilómetros camiñados ás súas costas atópanse agora atrapados nas portas da Unión Europea. Ao redor de 80 destas persoas viven nunha antiga fábrica abandonada—á que eles chaman squad—nas aforas de Šid, unha pequena vila serbia fronteiriza con Croacia. Alí, desde hai algo máis dun ano, o voluntariado da ONG No Name Kitchen traballa cubrindo as necesidades básicas destas persoas. “No squad non hai nin auga nin electricidade. Nós dámoslles mantas, tendas e sacos de durmir, pero aínda así o inverno aquí é moi duro, algúns días as temperaturas chegaron a acadar os -10 graos”, asegura Marie, voluntaria da organización.

© Sofía Caamaño

A lama e os refugallos mestúranse con historias de supervivencia na procura dun final feliz. Ahmad marchou só de Afganistán hai cinco anos e pasou catro deles traballando en Turquía, onde se reencontrou co seu irmán pequeno, de 15 anos de idade, que tamén abandonou Afganistán só e a pé. Viñeron os dous ata Serbia coa esperanza de cruzar á Unión Europea, chegar a Francia e poder conseguirlles o pasaporte europeo aos seus pais e reunificar a familia. Sen embargo, a viaxe non está a ser como a imaxinaban: durante os oito meses que viviron no squad, intentaron 15 veces cruzar a fronteira e en todas as ocasións foron deportados. “Unha vez, a min colleume a policía e meu irmán conseguiu pasar e estiven días sen saber nada del. Despois, contoume que conseguira chegar a Austria e que alí o deportaran de volta a Serbia despois de telo varias horas encarcerado”, narra Ahmad. 

Ao intento de entrar na Unión Europea, os migrantes chámanlle “o xogo” porque, segundo eles, é como un videoxogo no que tes que intentar superar obstáculos —as fronteiras— para chegar ao teu destino —Europa— e, se perdes, volves comezar a andaina dende o principio. Polas noites o squad  baléirase e polas mañás volve encherse, xa que a maior parte das persoas que intentan o xogo perden. Deste xeito, decenas de migrantes malviven durante meses nesta fábrica abandonada esperando que o seu Inshallah—a vontade de Alá— se cumpra.

© Sofía Caamaño

“Ir ao xogo con neve e frío é unha tortura, teñen que camiñar durante moitas horas e as condicións fanse insoportables”, asegura Marie. O voluntariado de No Name Kitchen asegura que durante este inverno tiñan medo de chegar pola mañá e atopar alguén morto polo frío. “Ás veces non van durmir ata a madrugada e pasan a noite ao lado do lume para poder soportar as extremas temperaturas”, conta Marie. 

Ao intento de entrar na Unión Europea, os migrantes chámanlle “o xogo” porque, segundo eles, é como un videoxogo no que tes que intentar superar obstáculos —as fronteiras— para chegar ao teu destino —Europa— e, se perdes, volves comezar a andaina dende o principio.

Ademais dos asentamentos informais como o squad, existen campos oficiais financiados pola Unión Europea. Sen embargo, moitas das persoas migrantes que pasaron por este tipo de instalacións quéixanse das súas condicións. “Nos campos oficiais todo está moi sucio, non temos demasiada liberdade de movemento e a comida é escasa. Eu adelgacei moito durante o tempo que pasei alí”, asegura Saifullah. Dende o voluntariado de No Name Kitchen comparten este punto de vista: “hai demasiada xente en cada habitación, a auga das duchas non sae moi quente e, a pesar de que teñen un médico que os atende, téñennos dito que o servizo non é demasiado amable coas persoas migrantes”. 

Por outra banda, os campos localízanse moi lonxe do centro das cidades e isto provoca illamento con respecto ao resto da sociedade. “Normalmente para chegar a estas instalacións necesítase transporte público, pero as liñas de autobuses son moi escasas e isto provoca un illamento total que, ao mesmo tempo, deriva na aparición de problemas psicolóxicos nas persoas migrantes”, asegura Enrico, voluntario de No Name Kitchen. A isto hai que sumarlle o mal estigma por parte da poboación cara os campos: “Ás veces alí dentro xéranse disputas e a xente reduce a causa a problemas étnicos, pero a realidade é que os conflitos aparecen pola falta de recursos”, explica Enrico. Marie asegura que estas son as razóns de que, en moitas ocasións, os migrantes prefiran vivir no squad antes que nos campos oficiais. 

© Sofïa Caamaño

Cada noite antes do xogo o voluntariado de No Name Kitchen distribúe a cea no squad. Moitos dos migrantes, antes de marchar, despídense cun “ata mañá” porque saben que teñen moitas posibilidades de ser deportados. “A situación de estancamento que se vive en Serbia é moi mala, pero para min é aínda peor pensar que estas persoas foxen das súas casas polo medo que lle teñen á guerra, saben que hai moi poucas posibilidades de volver e son conscientes de que en calquera momento as súas nais poden ser asasinadas polo DAESH”, narra Marie.

Saifullah agora está vivindo en Belgrado, esperando a súa oportunidade para chegar á Unión Europea. Ahmad e o seu irmán pequeno conseguiron cruzar a Alemaña, onde agardan poder construír un futuro mellor. Mentres tanto, cada noite, centos de persoas seguen intentando atravesar fronteiras pechadas e outras tantas abandonan os seus países de orixe polo medo á guerra sen ser conscientes, en moitas ocasións, de que a Europa que idealizan é a mesma que causa o seu continuo sufrimento. 

© Sofía Caamaño
Sofía Caamaño

Sofía Caamaño

Estudou xornalismo e un máster en comunicación de conflitos armados, paz e movementos sociais. Cre profundamente nun xornalismo de defensa dos dereitos humanos ao redor do mundo como ferramenta para o cambio social. Sen embargo, os medios de comunicación non lle pagan coberturas no estranxeiro porque os cartos, ás veces, importan máis que as persoas. Así que, mentres tanto, intenta non morrer de fame facendo cousiñas de freelance como esta reportaxe.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.