Un día en Hebrón: a resistencia como xeito de vida

Hebrón é o único núcleo en Cisxordania no que os asentamentos de colonos israelís se atopan no centro da cidade. Da man de dous xornalistas voluntarios de Agareso achegámonos ao día a día nesta cidade, marcado pola presión cotiá exercida para que os palestinos marchen polos seus propios medios. 

 

Esta vez a fronteira en Palestina márcaa a entrada a unha tenda. Unha porta aberta que funciona como muro invisible e separa o cálido do hostil, as palabras do silencio, o arrecendo do café con especias do cheiro a cemento, a tranquilidade da inquietude. O negocio de Munir atópase na rúa Shuhada, no casco vello da cidade palestina de Hebrón. De portas para dentro é un lugar que funciona como refuxio para amigos e coñecidos que se queiran sentar a falar, rir e contar. Sen embargo, se se mira para fóra vese unha rúa case sen vida cuxas entradas e saídas están controladas constantemente por militares israelís.

Munir herdou o negocio do seu pai e este, ao mesmo tempo, do seu avó. “Dende que comecei a traballar aquí pasaron xa cincuenta anos e nese tempo fun testemuña de como o réxime sionista intentou destruír a nosa economía a través do bloqueo da área, do peche forzoso de tendas e das constantes limitacións de movemento na zona”, relata. Hebrón é a cidade máis grande de Cisxordania e a súa situación é excepcional con respecto ao resto, xa que é a única na que hai asentamentos de colonos israelís no corazón da urbe. Así mesmo, este núcleo de poboación esta dividido dende o ano 1997, no que a Organización para a Liberación de Palestina firmou con Israel o Acordo de Hebrón, nas chamadas áreas de H1 e H2. H1 é a zona palestina e abarca o 80% do territorio e H2, a israelí, o 20%. “Se só analizamos os datos pode parecer que os palestinos saímos beneficiados, pero a realidade e que a porcentaxe controlada por Israel está xusto na zona vella, que era o epicentro da economía palestina e, ademais, sitúase no centro da cidade, facendo que sexa moi complicado para os palestinos transitar da zona norte á sur”, explica Abdallah Malaka, guía de tours alternativos pola cidade.

Na cidade de Hebrón existen 20 controis militares permanentes que os palestinos teñen que atravesar cada vez que queren acceder a algún lugar da cidade antiga.

 

Segundo B’tselem, o Centro de Información Israelí para os Dereitos Humanos en Territorios Ocupados, na cidade de Hebrón existen 20 controis militares permanentes que os palestinos teñen que atravesar cada vez que queren acceder a algún lugar da cidade antiga. Esta situación excepcional provocou que moitos dos negocios palestinos se viran obrigados a pechar. “Os cambios foron moi progresivos e confusos, as áreas as que non podemos acceder aumentaron pouco a pouco co paso dos anos, case sen que nos déramos conta”, asegura Munir. De feito, na rúa Shuhada, onde se atopa o seu establecemento, tan só quedan tres tendas abertas: “Durante a segunda intifada bloquearon totalmente a zona e cando a volveron a abrir eramos seis negocios dos que agora só quedamos tres. As dificultades que nos poñen os israelís para acceder a esta área están matando a nosa economía”.

A poucos metros da tenda de Munir, aínda se pode ver a marca no chan do que foi no seu momento un muro de cemento que dividía a rúa en dous: a parte israelí, do ancho dun vehículo, dunha pequena franxa pola que podían camiñar os palestinos. “Cando construíron este muro, deixaron as nosas tendas na parte da rúa israelí para que os nosos clientes habituais palestinos non puideran acceder a ela”, relata. Na actualidade, aínda que xa sen muro, a rúa Shuhada segue sendo igual de complicada: a unha parte dela poden acceder tanto palestinos como israelís, pero o resto queda relegado a comunidade xudea. De feito, segundo Abdallah, a parte da rúa a que a día de hoxe non poden acceder nin palestinos, nin árabes, nin musulmáns era unha das principais arterias comerciais da cidade. Neste momento, os edificios existentes nese tramo da estrada son fogares de colonos israelís que viven, na súa maioría, na plantas altas dos inmóbeis. “Esas eran casas orixinais palestinas que Israel expropiou. Agora na parte de abaixo dos edificios hai comercios palestinos e arriba viven os colonos”, narra Abdallah. Paseando pola zona vella de Hebrón pódese observar unha reixa de metal chea de refugallos que separa as tendas palestinas das agora vivendas israelís. “Os colonos tiran lixo e refugallos dende arriba. Recordo que unha vez lanzáronlles alcol aos palestinos antes da hora do rezo porque saben que esta substancia está prohibida no islam”, asegura Abdallah. Segundo datos de B’tselem, en H2 na actualidade viven ao redor de 800 colonos israelís e 40.000 palestinos. Aínda así, Abdallah afirma que a gran maioría dos xudeus da zona, ademais da súa casa no centro da cidade, contan cunha segunda vivenda nos asentamentos dos arredores que son a que utilizan con máis frecuencia. “Queren aparentar que aquí hai máis colonos vivindo dos que realmente hai. Por exemplo, máis de 400 nenos e nenas que viven fora de H2 están obrigados a vir ao colexio de aquí todos os días porque así dá a sensación de que na cidade antiga hai máis israelís que palestinos”, conta Abdallah.

Segundo B’tselem, dende 1967 ata o ano 2016 en Cisxordania establecéronse máis de 200 asentamentos israelís a pesar de que a súa construción é ilegal atendendo á lei internacional. “En Hebrón e noutras partes de Cisxordania os palestinos sufrimos constantemente os ataques dos colonos. Recordo que hai un par de semanas estaba sentado bebendo un café nunha terraza e os israelís entraron na cidade vella e comezaron a berrar, a insultarnos...”, narra Abdallah.

Tamén recorda que a situación en Hebrón non é única xa que a  ocupación afecta a todo o territorio palestino. Hai controis militares ao longo e ancho de toda Cisxordania: “Ir dende Hebrón ata Ramallah, en situación normal, levaríame sobre 40 minutos. Sen embargo, baixo o réxime da ocupación teño que pasar, polo menos, sete controis israelís para chegar ata esta cidade e, dependendo do humor no que estean os soldados, reteranme ou non”. Abdallah asegura que as forzas militares israelís deteñen a persoa palestinas aleatorias sen motivo algún e cerran os controis cando lles apetece, bloqueando a área. “En Palestina hai un 80% de xente nova e todos nacemos e medramos baixo o réxime da ocupación. Non podemos aceptar esta situación, a liberdade de Palestina non é un soño, é a nosa meta”, relata.

Control militar no centro da cidade. © Sofía Caamaño e Pablo Santiago

Mentres tanto, Munir asegura que a vida en Hebrón non é fácil, e menos para os mozo e mozas: “A min gustaríame que o meu fillo continuara co negocio familiar, pero sei que é imposible porque aquí a penas se gañan cartos e é moi difícil sustentar a unha familia grande”. Segundo el, a día de hoxe pásase a maior parte do tempo bebendo té, café e contándolle a historia de Hebrón aos estranxeiros que se achegan a escoitar. “O que queren os israelís é dificultarnos a vida, que marchemos de aquí e poder dicir que eles non nos botaron, que marchamos polos nosos propios medios”, conta. Aínda así, el pretende manter o seu negocio aberto todo o tempo que poida: “¿Que outra cousa podería facer? Este é o meu lugar, a miña vida e quero continuar a pesar das adversidades”.

“O que queren os israelís é dificultarnos a vida, que marchemos de aquí e poder dicir que eles non nos botaron, que marchamos polos nosos propios medios”

 

Na rúa, un grupo de rapaces xogan á pelota entre dous controis militares que, a simple vista, parece que actúan como porterías. Dende a tenda escóitanse as patadas e o balón correndo chan abaixo polo impulso do golpe. Mentres tanto, Munir, alleo ao partido, enche dous termos máis de café e té con especias—cuxa receita secreta non quere revelar— para outro grupo de internacionais que atravesa a fronteira. Séntanse ao redor dunha pequena mesa improvisada e o calor das bebidas quentes reconfórtaos. Fóra vai frío e un par de xudeus ortodoxos achéganse ata a beira da porta, curiosos, preguntándose que é o que está a acontecer dentro da tenda de Munir.

Rapaces xogan á pelota na rúa entre dous controis militares. © Sofía Caamaño e Pablo Santiago

 

 

Sofía Caamaño e Pablo Santiago son parte do voluntariado de Agareso, unha organización sen ánimo de lucro que usa as ferramentas de comunicación para conseguir a Transformación Social, principalmente a través de proxectos de Cooperación Internacional, Educación para o Cambio e Acción Social.

Sofía Caamaño

Sofía Caamaño

Estudou xornalismo e un máster en comunicación de conflitos armados, paz e movementos sociais. Cre profundamente nun xornalismo de defensa dos dereitos humanos ao redor do mundo como ferramenta para o cambio social. Sen embargo, os medios de comunicación non lle pagan coberturas no estranxeiro porque os cartos, ás veces, importan máis que as persoas. Así que, mentres tanto, intenta non morrer de fame facendo cousiñas de freelance como esta reportaxe.

Pablo Santiago

Pablo Santiago

Estudou unha chea de cousas coa ollada posta na defensa dos dereitos humanos. Agora é reporteiro gráfico en televisión. Como moitas veces non pode facer o que el quere, bota unha man en Agareso e noutros colectivos riquiños que cren nun xornalismo social, galego e sen fronteiras.

Máis reportaxes de Agareso en VINTE

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.