Mbeuss Show. O youtuber que quere facer preguntas incómodas

Samba Sebor ten 35 anos, leva 16 vivindo na Coruña e é youtuber. Na súa canle, con 2.400 suscritores, publica vídeos en castelán e en wolof, a lingua do seu país de orixe. Con eles diríxese á comunidade de senegaleses que viven na Agra do Orzán ou noutros barrios de Europa, pero cada vez máis quere orientar o seu contido “á xente occidental” para enfrontala aos seus propios prexuízos racistas e derrubar estereotipos sobre as persoas migrantes. 

 

Mbeuss Show é a canle na que Sebor publica vídeos desde hai uns catro anos. Empezou sendo cronista das actividades da comunidade senegalesa na Coruña, filmando vodas, bautizos e outras celebracións, pero a súa vocación comunicadora vai máis alá e adéntrase na ficción -está a preparar unha webserie- e sobre todo no reporteirismo. A súa misión é axudar a vencer estereotipos e enfrontar os occidentais aos seus propios prexuízos, a través do que el chama “preguntas incómodas”. Con elas bótase á rúa micrófono en man. Achégase aos transeúntes e dilles: “ola, son Samba, son youtuber e fago preguntas incómodas: É positiva a diversidade cultural? Gustaríache ser tratado como tratan os negros?”. Como é de esperar, o que atopa é moita corrección política:

Samba quéixase da falta de sinceridade: “Por exemplo, vou pola rúa Barcelona e pregunto «Cal sería a reacción dos teus pais se levas un negro á casa?» ou «Alugaríaslle un piso ao un negro?». Todos din que sen problema, pero é mentira porque no barrio é moi difícil que che aluguen un piso se es inmigrante. Ningún caseiro se negará abertamente pero en canto saben que es doutro país axiña empezan a poñer excusas”. Onde máis nota o racismo entre a xente da súa idade é na pouca aceptación dos costumes dos senegaleses. “A xente diche «eu respecto a todo o mundo» e de alí a un pouco dislles que non tomas cervexa ou non comes carne e dinche «Ti es parvo, tío, non sabes o que perdes». Daquela, onde está o respecto? O que vexo é que a xente aquí respecta todo o que sexa diversións, alcohol, loucuras, tonterías… esas cousas, pero cando se trata de cuestións relixiosas ou culturais tómante por parvo, non te toman en serio”, lamenta. 

Leva case a metade da súa vida aquí e xa se considera “un galeguiño máis”. Vive en Arteixo coa súa muller, galega, e coa súa filla de pouco máis dun ano. Cando tiña 19 anos seu pai mandouno do seu barrio de Pikine en Dakar a buscar a vida na Coruña, onde xa tiñan familia. Ao principio o contraste co ambiente de onde viña non lle gustaba porque vía as rúas moito máis tristes, con máis xente vella que nova, e “aos seis meses xa quería marchar”. Aguantou esa primeira tentación de regresar e axiña empezou a adaptarse mellor, cando empezou a facer amigos “e sobre todo amigas”, di con pillería. Desde que está aquí leva traballados uns 13 anos. Tamén xogou ao fútbol en varios clubes e chegou a sacar o título de adestrador. Nalgún momento tentouno dedicarse ao hiphop, como dous dos seus irmáns, que viven en Bélxica e en Senegal, pois é outra das súas paixóns. Pero finalmente decidiu investir a maior parte do seu tempo libre en gravar vídeos, tanto para as celebracións dos seus veciños como para a súa canle, Mbeuss Show

Nos últimos meses tamén preside a comisión de organización de África Universal, unha asociación para promover a integración social e cultural entre a xente galega e a senegalesa. “Levamos 6 anos funcionando e non paramos. Do 17 ao 24 de xuño estaremos na Coruña coa semana cultural A Teranga, na Agra do Orzán, na contorna da Praza das Conchiñas. Faremos festa con actuacións de música do noso país, baile, un curso de cociña, un torneo de fútbol e un combate de loita senegalesa, o deporte nacional. Penso estar cubrindo todo isto para o canal de Youtube”, conta. 

Cartel da festa senegalesa que se celebra esta semana na Coruña. © África Universal

Samba recíbenos en Yarama África, unha tenda da rúa Entrepeñas que naceu en colaboración coa ONG Viraventos e agora é unha cooperativa sen ánimo de lucro que pon á venda unha variedade de produtos senegaleses e africanos en xeral ou relacionados coa cultura de aquel continente. Na trastenda teñen unha oficina onde traballan e se reúnen, e que Samba utiliza ás veces para facer as súas entrevistas ou gravar escenas para as súas curtametraxes. 

Para a comunidade senegalesa a Agra do Orzán, un dos barrios con máis densidade de poboación de Europa, é a capital. “Somos perto de 1500 persoas de Senegal, a maioría viven arredor das rúas Barcelona e Entrepeñas. Pouco a pouco están indo tamén cara a outras áreas como a de Arteixo (Meicende, Pastoriza) e a vilas como Sada”, relata Sebor. Boa parte dos senegaleses que viven na zona traballan de mariñeiros, outros de obreiros en fábricas. As empresas do Grupo Caamaño, por exemplo, empregan moitos inmigrantes “e houbo unha temporada entre 2006 e 2010 na que en Ferralla Lois eramos 80 senegaleses ou máis”. 

As posibilidades laborais dos senegaleses na Coruña vanse diversificando e agora cada vez hai máis emprendedores que montan os seus negocios no barrio: salóns de peiteado, locutorios ou restaurantes como Mamá África, rexentado pola primeira muller senegalesa que veu á Coruña. “É unha muller traballadora e exemplar”, conta Samba, que engade que “cada vez gústame máis ver xente que veu de fóra, con nada, e acabou tendo o seu propio espazo, eu é algo que valoro moito. Agora vou empezar un programa no meu canal sobre estas persoas que teñen negocios, para combater o estereotipo dos migrantes que veñen roubar e que a xente saiba que somos xente activa, emprendedora, que busca a vida”. 

“A xente diche «eu respecto a todo o mundo» e de alí a un pouco dislles que non tomas cervexa ou non comes carne e dinche «Ti es parvo, tío, non sabes o que perdes». Daquela, onde está o respecto?"

E ponse de exemplo el mesmo: “Son unha persoa moi curiosa, son moi inquieto. No 98 deixei de estudar pero fixen formación de informática básica, porque me encanta a tecnoloxía, os móbiles, as cámaras. Cando cheguei aquí unha das primeiras cousas que tiven foi unha cámara. Lembro o bautizo da miña tía, no que estiven sacando fotos e aí empecei a gravar”. Descubriu que tiña un talento natural para iso e as fins de semana dedicábase a cubrir as vodas, bautizos e outras festas de senegaleses. ”Para a maioría deles ter este tipo de vídeos profesionais era caro, por iso ata agora sempre llelo ofrecía gratis. Pero a partir deste ano vou empezar a cobrar. Espero que agora entendan que o material me custou moito diñeiro e que teño que cobrarlles, sempre que sexa un evento privado ou un uso particular. Se é un evento relixioso ou para a comunidade seguireino a facer de balde”, asegura. 

A súa meta é crear o seu propio estudio para ofrecer estes servizos de xeito profesional e tamén seguir creando contido para Youtube. A maioría dos vídeos que o inspiraron á hora de facerse youtuber veñen do seu país. Conta que en Senegal hoxe en día hai moitísimos creadores de contido en internet. “É como era antes a televisión, todo agora pasa por Youtube. E ves xente moi preparada facendo series e programas como se fosen para TV, pero para internet, de xeito moi profesional. Vailles moi ben e gañan moito diñeiro. Falo de canles con moitos seguidores e centos de miles de visualizacións nos seus vídeos”.   

A Samba gustaríalle seguir ese camiño, mais non de calquera xeito. Confesa que “cando empecei a pensar en facer vídeos para Youtube na miña idea estaba facer o típico, pallasadas, bromas facer o parvo… pero xusto cando ía empezar algo se me encendeu por dentro. Non sei se foi madurez de repente. Pensei que tiña que facer algo produtivo, algo que achege cousas positivas á sociedade. E comecei coas preguntas incómodas sobre a migración, saíndo á rúa, preguntando tamén por outros temas como o feminismo, por exemplo, durante a manifestación do 8 de marzo". Un dos fitos importantes para a súa comunidade este ano foron as eleccións presidenciais de Senegal, das que Mbeuss Show fixo un seguimento especial. Organizou un debate con varios veciños da Coruña e tamén fixo unha reportaxe sobre a xornada electoral o 24 de febreiro, na oficina de voto para migrantes que se montou no pavillón de Riazor.   

Moitos dos seus primeiros vídeos estaban en wolof e ían dirixidos aos senegaleses de aquí e de alá. “Aos de alá interésame ensinarlles que seguimos a practicar a nosa cultura e a nosa relixión, que non esquecemos de onde vimos. E que vexan o que hai, que saímos adiante pero que o diñeiro non chove, cústanos moito esforzo poder vivir ben aquí”. Pero ultimamente trata de focalizar máis os contidos no público coruñés, porque “para os senegaleses xa hai moitas canles e moito contido. Eu quérome dirixir aos occidentais para que vexan outra cara da inmigración e, sobre todo, para que se vexan a si mesmos”.

Isto inflúe na escolla da lingua tamén. Segundo as métricas da súa canle, a maioría da xente que o ve está en Europa. Non só España senón tamén Francia ou Italia. Só coa localización da audiencia non pode saber se é xente nativa ou migrante, pero si ten comprobado que “cando subo un vídeo en castelán as reproducións soben moito máis rápido: ten que ser xente de aquí ou xente senegalesa que vive en España”.  En canto aos comentarios nos vídeos, recíbeos nos dous idiomas. E “a maioría das veces os comentarios en español non adoitan ser agradables”. Cando lle preguntei pola rúa á xente «Cres que España é un país racista?» había comentarios como «Se che parece que España é un país racista xa sabes onde está a porta».  Eu aquela vez contestei, literalmente, «a ver, listo, onde está esa porta»?  Pero case nunca paro a contestarlles, non paga a pena. Eu chámolle a esa xente francotiradores, están aí agachados buscando a quen disparar”.  

“A xente que ve os migrantes só pola rúa pensa que son pobres, pero se cadra viven mellor ca eles. Gústanos ter a nosa casa ben arranxada, o noso sofá coa pantallaza de televisión, comer ben, vestir ben, ter un coche decente. O de calquera persoa, vaia, pero a xente branca non o ve así”.

Tamén empezou a facer ficción, cun proxecto de serie chamado Yoon Wi - El camino, do que podemos ver o trailer e algúns episodios na canle, pero que fixo máis que nada para probar e rodarse co equipo e cos actores, case todos xente senegalesa que nunca se puxera diante dunha cámara. “Fixemos os primeiros episodios pero parei porque vin que nos faltaba moita preparación. Vía os vídeos, atopaba moitos fallos e eu son moi perfeccionista e autocrítico, así que preferín parar, dedicar máis tempo a escribir os guións e agardar a ter un equipo un pouco máis preparado. Afortunadamente xa o atopei, teño un grupo de xente que son actores e técnios e ofrecéronse a axudarme. Xa teño todo escrito e axiña gravaremos”. 

A serie El camino protagonízana dúas parellas: unha parella moderna moi adaptada á vida occidental e outra que non perde os seus costumes e segue vivindo como se estivese alá. Eses dous grandes tipos son os que existen na realidade que quere mostrar Samba con esta comedia de ficción feita a partir de situacións reais sobre o que pasa na vida dos migrantes. A xente branca e os seus prexuízos tampouco se libran da parodia. 

Vendo os pilotos desta webserie reparamos nalgo que non é moi habitual ver nos nosos medios: xente senegalesa falando entre eles dentro dos seus pisos, facendo vida normal no salón da súa casa, contando como lles foi o día ao chegar de traballar. Algo que tamén pode axudar a que os propietarios de vivendas perdan o medo a alugárllelas a estranxeiros. “A xente que ve os inmigrantes só pola rúa pensa que son pobres, pero se cadra viven mellor ca eles. Gústanos ter a nosa casa ben arranxada, o noso sofá coa pantallaza de televisión, comer ben, vestir ben, ter un coche decente. O de calquera persoa, vaia, pero a xente branca non o ve así”, comenta o director. 

Asimilar inmigración con pobreza é para Samba un estereotipo interesado: “Ti ves pola rúa un coche escangallado e pensas que ou é dun negro ou dun xitano. E quizais antes fose certo, houbo un tipo de inmigrantes moito maiores que viñan de aldeas e non tiñan apenas recursos nin se sabían desenvolver na vida. Agora hai unha xeración de xente máis nova, moito máis preparada, con estudos… o que pasa é que á xente non lle interesa descubrir iso. Á prensa interésalle vender, e que é o que vende?  Pois a idea do pobre inmigrante. Prefiren entrevistar o pobre do caiuco que sufriu moito para vir aquí, que achegarse ao barrio e ver cal é o noso día a día”. 

Isto Samba ilústrao cunha anécdota de cando se apuntou ao casting de Masterchef coa súa parella. “Pasamos todas as probas case ata o final. Tiven que ir alí a que probasen os meus pratos. Había outro inmigrante e tiven claro que pasaría un dos dous, porque sempre buscan dúas persoas para un mesmo perfil. E eu fun alí cociñar e sendo eu mesmo, como fago sempre diante da cámara. Intentaron que lles contase historias dramáticas de inmigrante, pero eu non vou contar iso na televisión, se as teño gárdoas para min. O outro viña cunha historia moito máis dramática e traía posto un mandil que tiña escrito Gracias España. Adiviña a quen colleron. Eu ía alí a cociñar, non quería darlles drama pero era iso o que buscaban nunha persoa coma min", relata.

Por este motivo Samba Sebor reafírmase na necesidade da súa canle e na oportunidade que lles dá Youtube aos senegaleses para que proxecten a súa propia imaxe sen intermediarios, tanto para os de alá como para os de aquí. Os seus proxectos a curto prazo son iniciar a serie de reportaxes sobre emprendedores, retomar El camino e tamén probar a facer algún vídeo na nosa lingua. El fala habitualmente en castelán (como na maior parte desta entrevista), pero “se me poño tamén falo galego, sobre todo se teño con quen practicar. Traballei en Arteixo nunha empresa onde había moita xente de Carballo, Paiosaco… e falan galego moi ‘pechado’, queiras ou non acabas falando coma eles”. Samba estivo presente no encontro Youtubeiras en conexión que se celebrou o pasado 8 de xuño na Coruña e non descarta empezar a formar parte da comunidade de youtubeiros en galego.

Polo de agora Mbeuss Show, en castelán, en wolof e tamén un chisco en francés, é unha xanela á vida da comunidade senegalesa da Coruña, que estes días celebra a súa gran semana cultural, e tamén un espello no que recoñecer prexuízos e hipocresía dunha sociedade na que ninguén é racista, todos os pais e nais están encantados de que haxa diversidade cultural nas aulas dos seus fillos e a toda a xente lle gustaría ser tratada como se trata as persoas negras neste país.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.