Tras dous anos de parada pola pandemia, o Resurrection Fest volveu facer de Viveiro unha das capitais europeas do rock, do hardcore e do metal. Fálase de 140.000 asistentes, que non está mal para unha vila de 15.000 habitantes, pero máis alá dos macronúmeros quixemos fixarnos nas microhistorias das persoas que foron como público, a actuar ou a traballar no festival, e tamén dos veciños que os acollen. Velaquí un retrato coral deste regreso á nova normalidade metaleira.
Josefina
«Ao principio de todo a xente maior queixábase —sobre todo polo ruído— pero agora están encantados. Está todo a tope, claro, que pasamos de ser 16.000 persoas a 140.000, pero todo o mundo é encantador. Vas pola zona onde están acampados e non hai ningún problema, aínda te saúdan ou che dan os bos días. Parece que teñen que vir os de fóra darnos exemplo de como comportarnos».
Manu, Hugo e Marc
Resu: Manu, Hugo e Marc
Manu: «Somos de Barcelona».
Marc: «Viñemos un pouco por Korn, pero acaban de cancelar, así que baixón».
Hugo: «Tamén por Bullet for My Valentine».
Marc: «E Judas Priest foi top. O tío está grandote, pero soaba da hostia. Mellor ca nos discos».
Manu: «Pero o mellor aquí é a xente».
Marc: «A xente de Galicia mola moito. É moi hospitalaria».
Manu: «E fácil pensar que nun festival deste calibre a peña vai estar moi tola, e que uns rapaces coma nós imos ser os‘caramelitos’ da zona, pero non é así. Podes ver a un tipo con pintas moteiro-rockeiro-chungas, pero falas con el e é súper agradable».
Marc: «Hai moi boa onda».
David
«Vin o último ano antes da pandemia e volvín este. Encántame o hardcore puro, os míticos ingleses: Lionheart, Raided Fist… pero tamén a onda máis clásica, tipo Dire Straits. E agora estoulle dando tamén ao rap estadounidense. A verdade é que non escoito sempre o mesmo, pero o metal sempre está aí.
O próximo ano volvo».
Daniela e Carla
Daniela: «O mellor deste festival é a xente».
Carla: «O ambiente, en xeral. Estar rodeado de peña que é coma ti».
Daniela: «Xente do teu rollo. Que podas vestir como imos hoxe e que ninguén te mire raro».
Carla: «E a música, claro».
Daniela: «E descubrir bandas novas».
Carla: «Si. Sentímonos como na casa».
Teresa
«Do cartel de este ano quería ver, sobre todo, a Judas Priest. Encántame. O que non sei é se é algo adecuado para a miña idade, pero, igualmente, non me importa. Teño sesenta e dous anos. Hai un anaco unhas rapazas comentábanme que quécor de pelo tan bonita teño, e eu pensaba que o único que lamento é non ter vinte anos coma elas para poder estar correndo por aí. E que non me guste a cervexa. (Risas). Iso tamén o lamento».
Iria e Raquel
Raquel: «Levamos dende o 2013 vindo. Primeiro polos carteis, polas bandas, e despois xa porque é o ‘Resu´».
Iria: «É que o ambiente é incrible».
Raquel: «E o sitio tamén: a comida, a xente… todo o mundo é moi riquiño».
Iria: «E no cámping sempre hai moi boa onda. O próximo ano volvemos, veña tocar quen veña».
Raquel: «Como se toca a miña nai». (Risas)
Sergio
«Son de Barcelona e, desde o 2017, todos os os anos collemos o coche varios amigos, conducimos toda a noite e plantamos tenda no ‘Resu’. O ambiente é incrible, moi diferente a outros festivais. En Barcelona, por exemplo, temos o Rock Fest, pero é todo como estéril, como un pouco frío. E ademais acaba o concerto e marchas para a casa. Aquí non. Aquí coñeces xente de todo o mundo e continuas de festa. Prefiro facer doce horas de coche para vir aquí que media hora de metro para ir a outro».
Raquel e Mejuto
Resu: Raquel e Mejuto
Mejuto: «O ano pasado trouxen a Raquel aquí enganada. Non había festival nin nada, pero díxenlle de vir pasar o día a Viveiro coa cadela».
Raquel: «Cando entramos na cidade este comezou a emocionarse, e eu en plan, “A ver tío, que estamos entrando en Viveiro, que che pasa?” (Risas) E el en plan, “Nada, nada, non me pasa nada. Imos dar unha volta por onde están as letras do Resurrection”.
Mejuto: «Chegamos aquí e xusto había un xardineiro recollendo follas, e o tipo non daba pirado. Eu daba voltas e voltas coa cadela, paseando, nervioso, dun lado para outro. De súpeto o xardineiro xa non estaba, marchara. Vin que Raquel estaba despistada, cravei o xeonllo no chan, saquei o anel e…»
Raquel: «E dixeches: “E se casamos?”»
Mejuto: «A ver…»
Raquel: «A ver, nada. Foi así, tal cal, “E se casamos?” (Risas). Paréceche normal?»
Mejuto: «Pero a sorpresa funcionou, non?»
Raquel: «Vaia se funcionou. Ata dixen que si». (Risas).
Mejuto: «Levamos dende o 2015 vindo xuntos ao festival: primeiro como amigos, despois como parella e, dende outubro, xa como casados».
Raquel: «Son sorpresas que che dá a vida». (Risas).
Montse, Jose, Alicia e Mael
Montse: «É a nosa primeira vez en familia, e estamos contentos, aínda que botamos en falta cousas básicas para os pequenos, como sitios onde poder coller auga, por exemplo. O demais ben».
Jose: «Este ano o cartel era un pelín frouxo, e pensamos que era o mellor momento para traer os nenos».
Montse: «Aínda van aguantando, pero sobre as nove ou as dez temos que recoller o campamento, porque xa va cansos. Outra cousa que estaría ben sería unha zona para os nenos, para que puideran quedar alí atendidos mentres os pais ven os concertos».
Cristina e Lucía
Lucía: «Este ano queriamos ver a Judas Priest, sobre todo, pero vimos todos os anos».
Cristina: «Vimos en familia sempre, cos nosos pais».
Kelly e Javi
Kelly: «Viñemos ao ‘Resu’ a traballar. Estamos nas barras».
Javi: «Agora estamos bebendo, así que vannos matar se nos ven. Pero pagamos cada un a súa birra, eh?». (Risas)
Kelly: «A ver… tamén queremos gozar un pouco do festival».
Javi: «Hoxe levamos dende as nove da mañá currando e estamos ata o peche. Para nosoutros o equipo é o primeiro, pero tamén queremos pasalo ben. Vacilamos o festival e gañamos pasta. Esa é a idea».
Rubén
«Eu son moi metaleiro, e o metal que me gusta —o que desfruto de verdade— está aquí. Hai tremendos grupazos.
O que si que lle notei foi a subida de prezos. Imaxino que sería pola parada de dous anos, porque terían que recuperarse un pouco, así que o entendo. Se estás disposto a vir, supoño que tes que estar disposto a aceptar cousas coma esa».
Pierre e Fontamille
Pierre: «Vimos desde Francia. Encántanos. Xa é a nosa sexta vez aquí».
Kiko
«Vin ver a unha banda que se chama Kaleikia, que son os meus colegas. Encantáronme, pero con todo o tema da cancelación de Korn ao final tocaron ás 14:40h, e iso é unha faena. Un grupo desta calidade e tocando a estas horas… En fin. Tiña moita ilusión por que os descubrise a xente. A ver para outro ano».
Kaleikia: Manu, Pablo, Manuel e Pilar
Pablo: «Somos Kaleikia e acabamos de tocar aquí, neste escenario».
Pilar: «E foi unha experiencia incrible. Nunca soaramos tan ben como hoxe. Foi unha pasada».
Pablo: «É que estábamos con moitísima ilusión, tamén. Levabamos tres anos esperando para este concerto, desde antes da pandemia, cando nos confirmaran que iamos tocar no festi».
Pablo: «Ata compuxeramos un tema especial para o ‘Resu’ e hoxe, por fin, puidémolo estrear».
Fito e Damián
Fito: «Gústame gozar da música e do ambiente, e apoiar as cousas que se fan na nosa terra, pero ao que lle gusta de verdade o metal é ao meu marido».
Damián: «Encántame a música, si, pero tamén o ambientazo que hai. Nótase un rollo súper san».
Suar
Resu: Suar
«Vin ao ‘Resu’ mil veces. Por que? Pois pola música e polos colegas, claro. Mmm… desculpa, pero estame dando un pouco de pau este tema da entrevista… é como un pouco raro, non? Ademais, xusto ía cara aos baños. Impórtache?».(Risas)
Lucía e Cristian
Lucía : «Somos de Alicante».
Cristian: «Este é o noso primeiro ‘Resu’ e estamos moi contentos. Xenial a viaxe, e xenial a xente e o ambiente».
Lucía: «É que a peña é moi amable aquí. Moi respectuosa».
Cristian: «E mira que imos moito de festivais, pero… non sei, este é distinto».
Gárgola
«Este é o meu primeiro ‘Resu’, e o segundo festival no que traballo nesta food truck, e a verdade é que súper ben. O tema é que tratamos de coidarnos moito entre nós: falamos das nosas necesidades como persoas e tamén de temas de traballo, que son cousas que van da man. Iso fai que teñamos moi bo ambiente entre nosoutres. Este festi mola moito: os comensais son xeniais. E logo ves a peña súper metalera, pero que si os tratas xa ves que son un amor. De aquí imos ao BBK e xa teño ganas. É un traballo duro, pero bonito».
Silvia e Suso
Suso: «Levamos toda a vida xuntos, dende os dezaseis anos, e eu levo indo de concertos desde os quince, pero Silvia nunca me acompañou».
Silvia: «E hoxe estiven a piques de quedar no hotel. (Risas). Veño cun pouco de medo, a verdade, así que a ver se son quen de soportalo… digo… de divertirme. (Risas). E que é todo moi intenso».
Suso: «A min encántame que veña, porque xa compartimos todo o demais, e isto é unha parte importante da miña vida. Temos dous fillos e co maior xa vou a concertos. De feito, anda por aquí».
Silvia: «Eu estou aprendendo agora a gozar da música, porque é algo que nunca me interesou. Debe de ser que teño medo de perder a xuventude». (Risas)
Andrea e Claudia
Claudia: «Non iamos vir, por traballo, pero o final eu estaba de día libre e dixemos, “veña”. Por sorte Korn dábamos igual(*)”. (Risas).
(*) Korn eran a banda principal dese día e cancelaron o concerto no último momento.
Diego e Patri
Patri: «Tiñamos moitas ganas de vir despois de todo o tema da pandemia. O cartel non é que nos encantase, pero…».
Diego: «Sempre é unha escusa para descubrir cousas novas, igualmente. Sobre todo este escenario, o Dessert. Onte tocou aquí un grupo que se chama Ritual, por exemplo, e que non coñecíamos. Meten bases tipo 8-bit, en plan Stranger Things,e molounos moito».
Patri: «Ao final tanto Diego coma min escoitamos de todo, desde metal extremo ata hiphop, e este é un bo sitio para descubrir grupos novos».
Diego: «A música en directo mola sempre».
Berto e Miguel
Berto: «Estamos currando en carga e descarga dos grupos: movemos cousas e baleiramos camións. É un traballo duro, porque hai grupos que traen moitísimas cousas, como Judas Priest, que foi unha pasada. Os equipos técnicos das bandas son moi agradables, iso si, e iso fainos o traballo moito máis levadeiro».
Trish Delish
«Voei desde o Reino Unido para ver tocar un amigo coa súa banda, Deadly Apples, e estouno a pasar de marabilla. É o meu primeiro festival dende que empezou a covid».
Leticia, Raúl e Xabier
Raúl: «Este é o noso primeiro festival dende 2020. Tiñamos moitas ganas de música en directo, e as entradas mercadas desde hai tempo, pero tivemos un bebé hai nove días, así que non sabíamos se poderiamos vir».
Leticia: «Está cos meus pais agora, porque eu son de aquí, de Viveiro. Estamos pendentes do teléfono, para cando chamen porque ten fame saír correndo a darlle a teta».
Raúl: «Así é a cousa». (Risas).