Vinte en Silleda. O centro de Galicia está medrando

Situada no centro xeográfico do país, Silleda é para moitos un sitio ao que volver, e tamén un sitio de acollida. É o epicentro das oposicións e da Semana Verde, algo que o fai lugar de referencia no país pero tamén é o segundo centro neurálxico dunha gran comarca, a do Deza, co permiso de Lalín. Neste concello xúntase xente de 38 nacionalidades, o sector primario segue a dominar aínda que a industria crece, e o sector asistencial tamén xera moito emprego. Vai habendo traballo e hai considerable demanda para alugar vivenda. Pasa o noso futuro por vilas coma Silleda?

Pasear por Silleda dános unha pista de como é vivir por aquí. Impera a tranquilidade, as caras coñecidas, a xente parando a parolar de camiño ao traballo ou a facer recados. Moitos carteis de véndese (e poucos de alúgase). Unha vila barata para vivir, a tan só media hora de Santiago e cunha posición central dentro de Galicia que permite que nunca esteamos demasiado lonxe de nada. Silleda é o único concello da comarca do Deza que este ano aumentou poboación, algo raro no interior de Galicia, despois de anos de baixada. Aínda que a vila só ten pouco máis de 3.500 habitantes, no concello están empadroadas 8.861 persoas, e a dinámica que se dá non se entende sen fixarnos na conexión entre as parroquias rurais e a vila. Silleda é un referente gandeiro –por algo se construíron aquí as instalacións da Semana Verde–, mais cun sector secundario e terciario que parece estar en aumento. Coa pandemia moitas persoas reflexionaron sobre se a vida de cidade era para elas ou non, e algunhas decidiron marchar de volta ás vilas. Tamén podería ser o caso en Silleda. Mais todo isto son suposicións. Para entender ben esta vila, e o resto do concello, deberemos coñecer a súa veciñanza.

Fontes do Parque da Igrexa. CC-BY-SA Raquel Vázquez

Unha xeración marcada pola cultura

Coma noutros moitos concellos, en Silleda a música é un dos principais pegamentos sociais e culturais, especialmente para a xente nova. A día de hoxe é esencial o labor da Escola de Música municipal e da Asociación Cultural Vista Alegre, así como os festivais Esmorga Folk ou BandeiRock. Máis é certo que a vida cultural en Silleda xa non é a mesma que cando a dominaban Toño González e Lucía Ares.Tanto el, antigo promotor cultural, coma ela, extraballadora da Semana Verde, traballan agora en Coas Mans Artesanía, un obradoiro de cerámica, bisutería e vidro no que venden produtos artesáns con gran valor cultural. Parte da súa actividade cultural quedou atrás porque «agora temos dous fillos que teñen que estudar», mais iso non significa que que quedase esquecida. 

Eles foron os que puxeron en valor o castro de Toiriz. Durante catro anos, formaron parte do grupo que se dedicou a recuperar, limpar e señalizar este poblado castrexo situado xusto ao carón da vila. Tamén organizaron a Semana do Humor, un festival organizado durante a década do 2000 ao que acudían cómicos de todo o Estado. Mais unha das actividades das que máis cariño lle gardan é A Romería do Rapaz, na que estiveron involucrados ata o ano 2007. Naceu no ano 83 no bar que tiña Toño, onde proxectaba películas infantís para os nenos da vila, pois daquela non había moito máis que facer e «os rapaces aburríanse bastante». Foi entón cando se lle ocorreu que eles mesmos, os nenos, ideasen unha serie actividades para facer na rúa. Converteuse nalgo indispensable no concello e cada ano medraba máis. Situado no contorno do Santuario da Saleta, na parroquia de Siador, había talleres desde as 10 da mañá ata as 10 da noite durante 10 días, concertos, teatro de marionetas e un longo etcétera. Fala Lucía da “xeración romería”, un grupo de silledenses que agora teñen entre 35 e 40 anos e que eran crianzas daquela: «falas con eles e hai un un vínculo invisible que nos une a todos en torno a aquelas experiencias que vivimos xuntos e que nos marcaron. Son persoas que agora están traballando e nos din que lles valeu moitísimo esa experiencia de vida connosco. Era moito traballo e moito esforzo, pero era un ambiente precioso e irrepetible, historia pasada que construíu o presente». A Silleda actual non se pode explicar sen todas as experiencias que se viviron alí, tal como explican.

Lucía e Toño no seu taller. CC-BY-SA Raquel Vázquez

Están os que veñen...

Antonina Oslavska chegou a Silleda no ano 2000 desde Ucraína e é unha das 19 persoas desta nacionalidade que no 2021 viven no concello. A pesar de chegar sen saber nada de castelán nin de galego, conta que estivo ben integrada e cada ano lle foi mellor. Da vila que a acolleu só parece dicir cousas boas: «Gústame Silleda, hai traballo e xente boa, saúdaste con todo o mundo». Ela leva traballando desde que chegou e fixo un pouco de todo: «Traballei coidando unha señora, en diferentes restaurantes, en limpeza e coidando nenos. Antes non era complicado conseguir traballo, agora máis, pero ao levar tanto tempo xa coñezo a xente». Aínda que algunhas das persoas migrantes que coñeceu na vila marcharon ás cidades, ela quere quedar. «Eu medrei nunha vila e vir para aquí foi perfecto, non quero ir á cidade, cánsame», explica. Hai máis estranxeiros agora que nunca na vila, e lembra que cando chegou apenas eran uns poucos.

Antonina preto da súa casa. CC-BY-SA Raquel Vázquez

Outra experiencia é a de Carly Silva, que se mudou hai dous anos co seu marido e dúas fillas, procedentes de Venezuela. Silleda foi o primeiro sitio que visitou ao chegar a Galicia e lembra «pasear polas rúas; chamoume moito a atención ver a vida dos veciños nas prazas e gustábame». Ao decidir entre Lalín, onde quería vivir o seu home, e Silleda, finalmente quedaron na vila: «o piso que miráramos gustábanos máis que os de Lalín, era máis barato e mellor zona”. Ela provén dunha rexión en Venezuela que, conta, «é moi parecida a Galicia, con moita montaña e zona agrícola, lémbrame moito a aquí». Ao chegar comezou a traballar de limpadora e actualmente é colaboradora do concello. «É complicado atopar traballo en Silleda porque é pequeno, pero afortunadamente eu sempre conseguín algo». Carly, como Antonina, está contenta na vila e non quere marchar: «Non me mudaría a outro sitio. Aquí hai tranquilidade, teño unha nena de dez anos, vivo fronte a un parque e sei que está segura, aquí todos nos coñecemos. Tivemos a oportunidade de mudarnos a Pontevedra pero finalmente non o fixemos». A comunidade internacional, conta, parécelle moi grande para o tamaño da vila. Os grupos máis numerosos veñen de Portugal, de Marrocos e sobre todo de Romanía, mais en Silleda hai actualmente censadas 621 persoas de 38 países distintos.

Carly diante do colexio público de Silleda. CC-BY-SA Raquel Vázquez

…e os que volven

Os emigrantes retornados son tamén un grupo numeroso. Este é o caso de Xosé Filloy, silledense, e Fani Fernández, procedente de Redondela, que marcharon a Nova Zelandia no 2013 logo de viviren varios anos en Barcelona. Chegaron de novo á vila tan só tres semanas antes de que a pandemia estalase. A razón? Motivos familiares. Teñen dúas fillas pequenas e querían que medrasen preto da casa.

Son os donos de Mamasunción, unha tenda que busca «un cambio no modelo de consumo”, na que atopamos produtos ecolóxicos, orgánicos, a granel… Cando eles chegaron a Nova Zelandia viron que aquel non era o paraíso ecolóxico que se lles vendera, e o cambio a un estilo de vida máis sostible no país deuse moi rapidamente no período dun ano, ao cambiar o Goberno. Foi aí cando pensaron «por qué isto non pode pasar tamén en Galicia?» Cando abriron o negocio os amigos e familiares non se mostraban optimistas. «Todo o mundo nos dixo que estabamos mal da cabeza, que en Silleda non ía funcionar, a xente non recicla…», comenta Fani. De momento, eles parecen desmontar estas ideas preconcibidas. «Algo estamos facendo ben porque non temos cliente prototipo. Temos desde señoras maiores que veñen a comprar alimentos a granel ata xente noviña que estuda fóra e na cidade na que están non teñen produtos como os que aquí ofrecemos. Non sabería dicir que rango de idade vén máis», continúa Fani. 

Xosé e Fani na súa tenda. CC-BY-SA Raquel Vázquez

A esta tenda, ademais dos veciños do concello, vén xente de Lalín que traballa en Santiago e lle cadra de paso, opositores, xente que os coñece polas redes… Colleron o aprendido en Barcelona, nos antípodas e tamén noutros establecementos ecolóxicos de Galicia, para abrir unha tenda que chegase a todos. Non entenden que a comercios como o seu se lles asocie o concepto de “modernidade”, xa que para eles é «volver ao antigo, volver á ausencia de bolsas, ao granel, ao envase retornable», explica Xosé. E a veciñanza está participando activamente neste cambio de volta a un modo de vida máis sostible.

Máis alá do sector agrogandeiro

A economía de Silleda está a vivir un momento de diversificación, aínda que o dominante continúa a ser o sector primario. Non podemos non falar da Fundación Semana Verde, unha institución sen ánimo de lucro fundada hai 30 anos que ten como obxectivo contribuír ao sector agrario galego mediante a organización de eventos como a anual Feria Internacional de Galicia. En 1978 a Semana Verde era un grupo de agricultores que se xuntaban nas rúas de Silleda para expoñer o que colleitaban. Despois creceu de tal maneira que as rúas e as infraestruturas da vila comezaron a quedar pequenas. Foi entón cando se abriu a Fundación e se construíron as inmensas instalacións que hoxe coñecemos. Tamén as coñecen ben os milleiros de opositores que se veñen examinar a Silleda: a Xunta elixiu este lugar para facer exames pola súa posición central no territorio galego.

Manuel Cuíña Fernández, alcalde de Silleda polo PsdG-PSOE desde o 2013, subliña que «o motor económico do concello sigue sendo o sector primario, con máis de 500 explotacións gandeiras», mais afirma que non se pode perder de vista a industria. Entre as empresas instaladas no concello destacan Disiclín, –que fabrica produtos de limpeza e cuxo mítico anuncio quedará fixado nas mentes dunha xeración enteira–, Autocares Lázara ou Nudesa, cun cento de empregados, dedicada á fabricación de piensos. «A industria cada vez ten mais peso, hai grandes empresas de lugares como Asturias que viñeron instalarse ao concello polas facilidades que estamos dando de, por exemplo, obter licenzas en tempo récord», explica Cuíña. En Silleda había 776 empresas activas no ano 2019, unha variación do 0,65% con respecto ao ano anterior. 

En canto ao turismo, estamos nun dos concellos da área de Santiago con máis prazas hoteleiras, unhas 500. A este sector pertence a veciña Vanesa González, que traballa de limpadora nun albergue da zona. A maioría dos seus coñecidos, conta, son autónomos ou traballan na axuda ao fogar e en residencias de maiores. Vese optimista con certos aspectos do futuro laboral da xente de Silleda. «Nudesa é a empresa máis grande de Silleda e vai abrir unha nova nave, o que penso que lle dará traballo a moita xente», mais polo resto pensa que vai seguir igual. «Non creo que o teletraballo vaia cambiar moitas cousas aquí», afirma. En Silleda había 365 persoas en paro en xuño do 2021, o que significa unha taxa de paro rexistrado dun 9,84%.Este dato contrasta co 13% de toda Galicia no primeiro trimestre do 2021.

Vanesa González na parroquia de Manduas. CC-BY-SA Raquel Vázquez

Os tempos das tres xeracións nunha mesa

Silleda foi unha desas vilas que durante primeiros anos da democracia sufriu un cambio na súa paisaxe urbanística que fixo que moitos dos seus novos edificios se unisen á lista do que hoxe moitos chaman feísmo. O antigo casco vello é algo que bota de menos Xosé Manuel Quinteiro, dono do bar Avenida, aberto polos seus pais no ano 1978. «Transformouse a vila. Gustaríame que non se tivese feito o de tirar coas casas históricas que había de pedra, non se respectou o casco antigo», explica. Silleda cambiou moito ao longo das décadas, e non só na paisaxe. Lembra Xosé Manuel con nostalxia a época de maior afluencia do bar: «A finais dos 70 e principios dos 80 había bonanza económica, movíase diñeiro, a xente tiña para consumir e consumía, era unha época distinta e bastante mellor. Sentaban nunha mesma mesa 3 xeracións e iso xa non pasa como antes», afirma. Tamén a dinámica é distinta. O de pechar ás 3 da mañá nos días entre semana xa forma parte das súas lembranzas, e agora, xa incluso nos anos previos á pandemia, «as 10 da noite pecho, sen excepción». 

Xosé Manuel Quinteiro no seu bar Avenida. CC-BY-SA Raquel Vázquez

Dos bares daquela quedan algúns abertos, como a Toxa ou o bar Lago, máis a maioría pecharon. E o tipo de clientela que os frecuentaba tamén cambiou: «No bar mesturábase todo todo tipo de xente, había obreiros, había labregos, maiores, nenos, xente nova, de todo. Agora xa non é así». Moitos daqueles que eran mozos na Transición a día de hoxe continúan frecuentando o bar, pois aínda que algúns marcharon ás cidades, «a maioría quedaron». Para Xosé Manuel, marcha máis a mocidade dos nosos días: «Eu teño dous fillos en Londres que marcharon porque aquí non tiñan nada. Se ten oportunidade de traballo, a xente volverá».

Vivenda asequible para todas as idades

Hai moita xente que está a buscar vivenda para alugar en Silleda, tanto que a demanda excede moi por riba a oferta, segundo os datos que nos achega María, traballadora na axencia inmobiliaria Inmosilleda. «Un piso de 3 habitacións custa a partir de 300€», un prezo moi por debaixo do que se oferta en cidades como Santiago ou A Coruña. Adquirila en propiedade xa é outra historia: «É un lugar barato para mercar, pero oscilan moito os prezos. Acabamos de vender un piso de 3 habitacións por 82.000€». 

Ademais de persoas mozas, outro dos mercados que teñen son «persoas maiores das parroquias, que xa non poden conducir e precisan acceder aos servizos que ofrece a vila, por iso buscan alugar un piso».

Normalmente quen vén buscando un piso é xente moza para primeira vivenda. «Para alugar tivemos parellas de clientes nas que ela traballaba en Santiago e el en Lugo, e decidiron vivir en Silleda como un punto intermedio, ou outro caso no que ela traballaba en Pontevedra e el en Melide». Onde si hai oferta é en baixos comerciais: «sempre tiveron pouca saída e coa pandemia xa non é tan necesario ter un local». En Silleda non notaron que a xente comezase a preferir casas fronte a pisos nos últimos tempos, pero si ven «detalles como que teñan terraza ou sexa exterior, son cousas que se miran máis agora». Ademais de persoas mozas, outro dos mercados que teñen son «persoas maiores das parroquias, que xa non poden conducir e precisan acceder aos servizos que ofrece a vila, por iso buscan alugar un piso».

Carteis de "Véndese" nas rúas da vila. CC-BY-SA Raquel Vázquez

De nenos a maiores

O grupo de idade máis numeroso en Silleda son aqueles que teñen entre 35 e 39 anos, con 741 persoas nese rango empadroadas. Unha diferencia moi grande se os comparamos cos adolescentes: hai pouco máis de 400 de 15 a 19 anos. En Silleda, ademais da conexión urbana-rural que xa está presente diariamente, a propia veciñanza intenta potenciar a relación entre diferentes xeracións. Flavia Payno, estudante de Dereito na USC, e Paula Rivelo forman parte da Fundación Baiuca Verdescente, unha entidade sen ánimo de lucro que actúa en Silleda e en Canarias. Un dos seus proxectos é A miña horta é a túa, que recolle excedentes das hortas de diferentes veciños para repartilos entre unhas 300 familias. Sobre esta experiencia destacan a conexión interxeracional: «nós imos as hortas e ademais de darche os excedentes tamén che contan un conto, afianzamos un tipo de relación que ao mellor non teriamos a posibilidade de ter doutra maneira». 

Paula e Flavia fronte ao Restaurante Nós. CC-BY-SA Raquel Vázquez

Algo parecido sucede no Proxecto Dorotea, no que cada domingo as persoas usuarias, todas maiores, e as voluntarias, veciñas do concello reúnense para facer todo tipo de actividades como ver cinema ou pintura. Entre os seguintes proxectos, teñen en mans a idea de pór en marcha Xóvenes Talentos, unha rede de networking para conectar a mocidade que queira traballar en Silleda con empresas da zona. A mocidade que marchara ás cidades parece estar volvendo trala pandemia, afirma Flavia, que xa sabe de cinco casos así: «Estou vendo un rexurdir da xente nova en Silleda, teño moitas amigas que estan estudando fora e sempre dicían que querían marchar pero agora xa empezan a valorar máis a súa vila».

«Silleda é unha burbulla» 

Non todo o mundo ve ese rexurdir da mocidade que comentaba Flavia. A situación é diferente na contorna de Andrea Otero, de 21 anos e estudante de xornalismo na USC. «Teño amigas que estudan en diferentes cidades e non creo que elas queden traballando en Silleda», afirma. Ao reflexionar sobre o seu futuro laboral, explica que si ve posibilidades de quedarse a traballar do seu na comarca do Deza: «Ao mellor nun futuro sí, pero non me gustaría xa asentarme xa… Silleda é unha burbulla,  eu estou moi cómoda pero non quero acomodarme demasiado aínda». 

Andrea no Parque da Igrexa. CC-BY-SA Raquel Vázquez

En canto á oferta de lecer,  Andrea bota en falta, especialmente, un cine e un teatro. «Desde o concello si que escoitan peticións pero a mocidade non as fai, acostúmaste a vivir de certa maneira e se queres ir ao cine ou a calquera actividade que non haxa en Silleda directamente tiras para Santiago», conta. Na vila a xente nova xúntase en bares como o Cuppedia ou o Refuxio.  En verán os plans tenden a expandirse e a mocidade diríxese á praia fluvial da Carixa, situada dentro dunha área recreativa con bar, restaurante e piscinas no concello veciño de Vila de Cruces. Con todo, Andrea ten unha boa imaxe do sitio no que se criou: «É un bo sitio para medrar, hai un ambiente bastante san entre a  xente da nosa idade, eu teño lembranzas boas e malas pero ao final sempre vai ser a miña casa».

A mocidade que marchara ás cidades parece estar volvendo trala pandemia, afirma Flavia, que xa sabe de cinco casos así: «Estou vendo un rexurdir da xente nova en Silleda, teño moitas amigas que estan estudando fora e sempre dicían que querían marchar pero agora xa empezan a valorar máis a súa vila».

Alioune Diaw é un modelo de 22 anos que chegou a Silleda con 10 anos desde Senegal. Coincide con Andrea en que no verán hai máis que facer, a el gústalle ir ao río e ir correr ao Parque das Pedrosas, mais recoñece que en canto a plans de ocio «non hai moita cousa». Estalle moi agradecido ao concello: grazas a traballadoras dos servizos sociais e á exalcaldesa Paula Fernández recibiu a axuda económica necesaria para poder ir á Madrid Fashion Week en setembro do 2020. A veciñanza estaba moi orgullosa del, conta que «os primeiros días sempre me preguntaban se eu era o rapaz que desfilara. En Silleda estamos todos pendentes das cousas que pasan». A el gustaríalle continuar dedicándonse á modelaxe e grazas á súa experiencia en Madrid entrou nunha axencia barcelonesa. Máis Alioune non quere quedar só niso e actualmente estuda en Silleda un ciclo superior de comercio e marketing. «Creo que os estudos son moi importantes e non quero dedicarme só a ser modelo porque é complicado, especialmente sendo negro», explica.         

Alioune diante da Casa da Cultura. CC-BY-SA Raquel Vázquez

 

Unha vila con futuro

En Silleda hai cultura, aínda que diferente á de antes, e parece haber oportunidades para quen busque un traballo e un estilo de vida sinxelo e asequible. A mocidade está dividida, hai quen queren marchar e quenes non, pero semella que a maioria volven. E é que a casa tira moito. E aínda que unha persoa non nacera aquí, a veciñanza de Silleda fai moi fácil que calquera se sinta coma na casa. 

Raquel Vázquez

Raquel Vázquez

Teño 19 anos e vivo en Betanzos. Atopo na arte a forma de expresión que me fai sentir máis cómoda. Levo seis anos facendo fotografías e cada día a miña paixón crece. Podes atoparme en IG: @raquelitavazquez e ver o portfolio na miña web.  

Iria Curros

Iria Curros

Estudante de Xornalismo na USC. Sempre buscando algunha historia que contar. Agora aprendendo en VINTE.

Vinte noutros lugares

  • Vinte en Ordes. Moito máis que unha vila de paso

    Para a maioría da xente Ordes é unha vila de paso a medio camiño entre Santiago e A Coruña. Para todo o mundo rural que hai arredor é a referencia urbana, a vila. E para toda unha xeración foi o lugar de festa nocturna que recordarán sempre. Pero, no ano 2018, que é Ordes?

    Lugares
  • Touro. O rural no que pasaban cousas nos noventa

    Crónica dun mundo rural "bastante diferente ao que nos contaron á maior parte de nós. Incluso aos que nos criamos nel". Trata sobre unha historia pouco e mal contada, a da cultura xuvenil nas vilas desde os oitenta ata os dousmiles. Un mundo netamente rural e completo, non unha versión da vida urbana capada, folclórica e empobrecida. Outro rural foi posible e só facían falta cartos e traballo. Por Juan Esturao. 

    Lugares
  • A fábrica. Como o aluminio alimentou unha xeración na Mariña

    Corenta anos despois da súa inauguración, a factoría de aluminio de San Cibrao sofre a ameaza do seu peche por parte da multinacional Alcoa. Un milleiro de postos de traballo directo dependen deste complexo que marcou a vida de toda unha comarca e tamén a súa memoria: a que agora rescatan para VINTE dous fillos da primeira xeración que medrou ao abeiro da fábrica. 

    Lugares

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.