Lisdexia publica 'Esclavos do baile'. «Sempre hai motivos para reivindicar»

Lisdeixia. De dereita a esquerda: Fran Trillo, Fran Lestón, Chema Caamaño, Anton Vara e Javier Fernández. CC-BY-SA Cedida

Son de Muros e cantan en galego, con gheada e seseo, tal e como falan. Son novos pero xa levan como banda máis dunha década, e tres traballos publicados, co seu estilo garage punk ben definido e mesturado por veces con outros, como pop, funk, tradi e mesmo cumbia. Lisdexia vén de publicar “Esclavos do baile”, un EP de seis cancións onde hai de todo, con algo máis de festa que protesta, pero disto último nunca falta. “Sempre hai motivos para reivindicar”, asegura Fran Trillo, cantante do grupo.

 

«É un disco que comeza na intro coa “Jungla”, que se che vai o ollo ao escoitala, pasas por “Esclavos do baile”, que é máis garaxe; “Ay, gallego”, que mestura o punk co noso tradi. “Borrachos Nazionalistas gallegos”, que ten un pouco de funky e mesmo disco”.  Fran Trillo, vocalista de Lisdexia resume así o novo traballo da banda muradá, Esclavos do baile, que tamén inclúe a canción “Arrincadeira” e "Espidifren", ambas sobre as resacas, aínda que esta última cunha factura pop moi lograda. “Este disco ten de todo e no anterior mesmo fixemos cumbia. Pasamos por todo por ver se podemos encaixar nalgún sitio”, chancea Trillo. 

A protesta, a reivindicación ou a crítica social están na cerna de Lisdexia, aínda que neste seu terceiro traballo non sería a parte principal, que aposta e moito, polo divertimento. «Neste último é un 60% de festa e pasalo ben pero non queriamos perder ese toque reivindicativo como en “Ay gallego”», di Trillo. «Todos os grupos en Galicia que cantan 100% en galego creo que pasaron por iso de que che pregunten: “Por qué no cantas en castellano que seguro que llegas más lejos”. E despois tamén quixemos criticar a xente que vai do que non é como na canción “Borrachos Nazioalistas Gayegos” para rirnos deles.»

Still do single "Esclavos do baile". CC-BY-SA Lisdexia

Fran Trillo lembra que cando comezaron a xuntarse, cuns 15 anos, tiñan unhas influencias moi claras en Nao, Kaótiko ou Desakato. «Eran todo influencias de reivindicarte, de protestas e despois, vas crecendo, van cambiando os teus gustos e ao final démoslle unha volta á movida e en 2022 sacamos Espabila as Mamadas, que foi o noso segundo disco, que si que era todo máis falar de festa e tal, aínda que nunca perdemos o toque reivindicativo. Sempre hai moitivos para reivindicar», explica.

«Todos os grupos en Galicia que cantan 100% en galego creo que pasaron por iso de que che pregunten: “Por qué no cantas en castellano que seguro que llegas más lejos

O propio feito de cantar en galego xa pode entenderse como unha forma de reivindicarse, a si mesmos e ao seu idioma. «Está de moda cantar en galego e é algo que me jode dalgúns grupos. Hai moitos grupos que comezaron cantando en castelán, pero viron que se podían subir ao carro e pasaron ao galego. Que está de puta madre que canten en galego e se o petan paréceme xenial», indica o vocalista de Lisdexia. O tradi tamén está de moda e nós sumámonos facendo unha muiñeira tamén en “Ay Gallego”. Espero que a moda de cantar en galego dure moitísimos anos, pero a ver. É como o dos festivais. Eu sempre o dixen é unha burbulla que algún día vai explotar»

Lisdexia cumpre dez anos como banda este 2025. CC-BY-SA Cedida

Trillo lamenta que os focos estean postos en apenas un feixe un de bandas cando hai moitas propostas de menor entidade que o están a facer moi ben, pero non teñen atención . «Eu coñezo moitísimos grupos máis pequeniños que non teñen esa oportunidade e se lla deran igual poderían chegar a petalo tamén. Non falo de nós, falo de Ulex, por exemplo, uns rapaces de Santiago que me encantan», detalla.

«Hai grupos punkis que antes tiñan a oportunidade de tocar en festivais máis autoxestionados pero eses festivais foron desaparecendo pola falta de axuda»

«E logo hai grupos máis punkis que antes tiñan a oportunidade de tocar en festivais máis autoxestionados pero eses festivais foron desaparecendo pola falta de axuda. O que me gustaría é que os grandes festivais apostaran máis por grupos en galego. O tradi está pegando forte, pero tamén outros estilos. Agora mesmo en grupos en galego tes para escoller o que queiras», conclúe Fran Trillo. 

Cartel do concerto de presentación de 'Esclavos do baile" , o 9 de maio en Compostela. CC-BY-SA Lisdexia

Neste Esclavos do baile hai unha clara evolución na banda. O traballo de produción de Chuko, e detalles ben coidados como o deseño de Emma de la Fuente ou o videoclip e fotografías de Anxo Beiro e Antón Vidal, suman para acadar unha proposta atractiva que convida a velos en directo. A primeira oportunidade para coñecer a posta en escena do seu novo traballo será na sala Sónar de Compostela o vindeiro 9 de maio.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Lontras debuta con “Peixe no millo” e move os marcos da canción alternativa

    O trío galego Lontras presenta "Peixe non millo", a primeira canción da súa carreira e o primeiro adianto do que será o seu álbum de debut. 

    Segundo detallan desde Raso Estudio, en Lontras danse a man o jazz, a indietrónica, a canción ibérica e o pop alternativo máis maduro, “serpenteando nun código sonoro no que se respiran ecos que van desde Mozo Buarque a Rodrigo Amarante, de Wilco a Boards of Canada”, indican.

    "Peixe non millo" conta, ademais, cun videoclip dirixido por Miguel Méndez e Marta Méndez e protagonizado polo tres membros de Lontras.

    Música
  • Entrevista | Filloas: «A miña música é máis xeracional do que eu pensaba»

    De rapaz Iago Galego (Coruxo – Vigo-, 1996) era punki. Como vigués creceu escoitando a Siniestro e vendo o Xabarín na televisión. A música sempre formou parte da súa vida: estivo na banda de música de Coruxo, estudou no Conservatorio e con 15 anos xa quixo montar o seu grupo de punk, na contorna de Coruxo, con rapaces da zona. Estudou Enxeñería Informática en Santiago, e tras dez anos vivindo alí, considérase xa máis de Compostela ca de Vigo.

    Temas como a saúde mental ou a precariedade laboral que vive a súa xeración marcan unha proposta musical moi recoñecible, pensada para escoitar mais tamén para bailar. Filloas vén de gañar o premio de Novos Talentos do Festigal –onde actuará o 24 de xullo- e este martes tocará no escenario do Atlantic Pride, na Coruña.

    Música
  • Entrevista | De Ninghures: «A nosa música axuda a que a xente diga "que guapa é a miña cultura"»

    Apoteósico, unha pasada, brillante, unha feira, pero no bo sentido da expresión, claro. Hai case un mes que De Ninghures presentou o segundo disco, Feira, cunha gran festa chea de amigos na Sala Capitol de Compostela. Aínda coa doce resaca daquel momento falamos con Aldara Palmeiro (violín e voz), Manuel Fernández Cataqui (percusión, frautas e voz) e Hadrián García (clarinete e duduk) do seu disco máis desinhibido ou do gran momento da música galega en galego.

     «A xente hoxe en día non sabe moi ben nin de onde ben e de súpeto coñece música de aquí e decátase de que é o seu. É un tipo de música que te engancha dun xeito especial. Séntela como propia, ademais de bailar duramente», conta Cataqui. 

    Música
  • Chicharrón presenta o EP 'Vitoria', música posible para o amor prohibido

    Un son luminoso para os tempos escuros. Para os que vivimos na actualidade e para os da ditadura franquista, época en que transcorre a historia de amor real de dúas mulleres que inspirou o novo EP de Chicharrón, Vitoria.

    A banda de Carballo explica que cada unha das catro cancións que compoñen o seu novo traballo é unha posibilidade distinta para esta relación.

    O EP, publicado con Acuarela, foi gravado por Matías Unruh nos Estudios Monogram de Carballo e por Arturo Vaquero e Marco Maril nos Estudios Abrigueiro de Friol.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.