Chega 'Dragon Ball Z Kai'. Son Goku volve falar galego (e vai ao cinema)

Os fans Son Goku tiñan marcado este día no calendario: este xoves chegan a oito cinemas de Galicia (e moitos máis de todo o Estado) as aventuras de Dragon Ball Z Kai e por primeira vez poderase escoitar en galego.

A empresa catalá Selectavisión adquiriu os dereitos de distribución para España da serie de anime Dragon Ball Z Kai, que estrea en cinemas, este 20 de xuño, os catro primeiros episodios (81 minutos) con dobraxe en castelán, catalán, galego e éuscaro.

 

En Galicia, segundo puidemos comprobar, pode verse en versión galego en seis das oito das salas que estrean os capítulos: Multicines Compostela (Santiago), Cinesa As Cancelas (Santiago), Cinesa Marineda (A Coruña), Cines Ponte Vella (Ourense), Cinexpo (Pontevedra) e no Tamberlick de Vigo. Os cines de Vialia (Vigo) e As Termas (en Lugo) optaron pola versión en español. 

Póster Dragon Ball Z Kai, versión en galego. CC-BY-SA Selectavisión

Segundo informan desde a distribuidora, o acordo entre coa produtora Toei Animation supó que os fans de toda España poderán gozar de Dragon Ball Z Kai ao completo en todas as linguas oficiais. A adaptación do manga creado polo finado Akira Toriyama, chegará á plataforma AnimeBox nas próximas semans unha vez conclúa a exhibición en cinemas. 

A distribuidora tamén anunciou a publicación, este ano de Dragon Ball Z Kai en DVD e Blu-ray, para que todos os fans poidan gozar tamén da calidade do formato físico.

Este xoves chegan ao cinema os catro primeiros episodios (81 minutos) con dobraxe en castelán, catalán, galego e éuscaro

Dragon Ball Kai é un remake da serie Dragon Ball Z, producida en conmemoración do seu 20 aniversario. Comezou a emitirse en abril de 2009. En total ten 167 episodios. 

Conta con animación mellorada, soporte para imaxe en alta definición, novos efectos especiais e todas as voces foron regravadas polos actores de dobraxe orixinais. A pesar de que segue a mesma historia que Dragon Ball Z, reduciuse a metraxe drasticamente coa intención de achegala máis ao narrado no manga.

SINOPSE

Unha antiga lenda di: «Reúne as Sete Bolas do Dragón e Shenron o Dragón aparecerá para facer realidade un desexo». Con semellante poder, as Bolas de Dragón son moi cobizadas, especialmente polos máis malvados viláns. Mais coa axuda dos seus amigos e familiares, Son Goku está disposto a loitar contra os seus inimigos para protexer os seu amigos, a súa familia e salvar o Mundo.

CRÉDITOS

TÍTULO ORIXINAL: DRAGON BALL Z KAI

DIRECTOR: Yasuhiro Nowatari y Naohiro Terazaki

AUTOR: Akira Toriyama

XÉNERO: Anime Aventuras

AUDIO: Castelán, Catalán, éuscaro, galego

SUBTÍTULOS :Castelán

VERSIÓN ORIXINAL: Xaponés

AÑO DE PRODUCIÓN: 2009

PAÍS DE PRODUCIÓN:  Xapón

DURACIÓN: 81 min.

TIPO DE PRODUTO: Animación xaponesa.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • A despedida galega por Akira Toriyama, creador de Son Goku e Arale

    Este vernes, 8 de marzo, a rapazada dos anos 90 está de loito xa que se deu a coñecer a morte do creador dos primeiros ídolos da infancia: Son Goku e Arale. 

    En realidade o debuxante Akira Toriyama finou o pasado 1 de marzo, debido a un derrame cerebral con 68 anos, mais non foi ata este Día Mundial da Muller Traballadora que coñecemos a noiticia. E as mostras de pésame entre as galegas e os galegos non se fixeron esperar a través das redes sociais.

    VINTE na rede

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.