Cando os frikis xa non son tan raros: “Ata os pais ven anime en Netflix”

Ofrecido por

Baile de 'KPop Demon Hunters', na Lérez Up 2025 CC-BY-SA David Freire

En familia, con amigues, soa ou acompañado. A Lérez Up vén de pechar a súa cuarta edición consolidando as cifras de récord do ano pasado. Máis de 5.000 persoas pasaron pola feira máis friki de Pontevedra para xogar, descubrir, amosar, mercar, bailar, charlar, aprender... cunha oferta de lecer alternativo moi completa que medra cada ano. Cosplay, bailes K-Pop, moda lolita, coñecer videoxogos, botar unha partida ao Riftbound ou cos xogos de mesa máis “indies”; a música de Yell0, probar o kendo, aprender caligrafía xaponesa ou pintar unha figura de pokémon. Imposible aburrirse. 

 

“A feira pareceume que está moi ben organizada, sempre hai algo que facer, moitas actividades e para xente moi diversa”, indica Sara, Skullcaramel, procedente de Asturias, que exerceu como xurado profesional do Cosplay nesta edición da Lérez Up. O concurso do Cosplay adoita ser das citas máis atractivas da feira, ao igual que, desde o pasado ano, o concurso de baile do K-Pop. “Esta música une moito a xente, porque no momento que comezas a bailar coñeces moita persoas persoas coma ti, que comparten os teus intereses e iso nótase nos bailes randoms”, asegura Fadz, de Baiona, xusto despois de participar no concurso. 

A cosplayer Skullcaramel, na Lérez Up CC-BY-SA David Freire

 “Nós expresámonos así, é unha forma de divertirnos e facer amigos, é algo que une moito”, subliña Minji (Vigo), de 21 anos, que leva bailando desde os 15 este estilo de música procedente de Corea. 

“Cando eu comecei, con 14 anos, era algo máis de nicho, pero foise difundindo. Eu creo que o K-Pop ten tanto éxito porque é unha música moi pegadiza, onde cada canción ten os seus propios pasos, a súa coreo, algo que non pasa noutros xéneros e hai bailes para todos os niveis”, explica Fati (Vilanova de Arousa), de 22 anos, integrante do grupo Eunoiia , ao igual que Minji e Fadz.

O grupo Eunoiia, composto por mozas de entre 16 e 26 anos da zona de Vigo e o Val Miñor. CC-BY-SA David Freire

Nun paseo pola feira a atención divídese entre os diferentes postos con propostas de arte, as charlas, os obradoiros como o de pintura de personaxes de pokémon que fixo Pontelabs, ou os propios visitantes, moitos dos cales traen as súas mellores galas para se converter no seu personaxe favorito por unhas horas. Polo recinto feiral de Pontevedra pódese ver paseando ao sombreireiro de Alicia no país das marabillas, xunto coa propia Alicia e Beetlejuice; ou a un gran Guts, o mercenario protagonista da serie anime Berserk, acompañado de Wolf (Payday), Lady Dimitrescu (Resident Evil) e March 7th (Honkei Star Rail).

O sombreireiro, Beetlejuice e Alicia. CC-BY-SA David Freire

“Eu son friki desde pequena porque o meu irmán xogaba a videoxogos e acabei tamén enganchándome. Gustábanme moito os debuxos e acabei namorando de toda a cultura xaponesa”, comenta Antía López (March 7th). Ser diferente ou alternativa pode non gustar a todos pero afortunadamente a día de hoxe os frikis xa non son os raros. “Eu agora son máis friki de videoxogos que de anime. De pequena sufría bulling por ser friki, pero agora xa se normalizou máis”, destaca Helene Carouget (Lady Dimitrescu). “Agora os animes están en Netflix e se non consomes disto es ti o raro; é do máis normal, ata os pais están niso”, di Gabriel Bello (Wolf).

Guts, Wolf, Lady Dimintrescu e March 7th. CC-BY-SA David Freire

Nesta edición da Lérez Up tivo por primeira vez a súa presenza a asociación Alén das Avelaíñas, que presentaban a súa moda lolita. “Queremos que se nos coñeza, dar visibilidade á comunidade e que se una máis xente, claro”, explica Lucía Oliva, delegada da asociación, que gusta desta moda xaponesa dos anos 70, coa que se rebelan contra a “madurez forzada das mulleres”. En concreto, o estilo que seguen é o Elegant Gothic Lolita, coñecido polas iniciais EGL. “Adoitamos reunirnos, facer actividades de lecer como ver películas, pintura, cerámica e reconectamos coa nena que levamos dentro”, detallan desde a asociación.

Anastasia Sysoeva, Raquel Vidal, Lucía Oliva, Dana Nicola e Anaís Fernández, da asociación Alén das Avelaíñas, no seu photocall da Lérez Up. CC-BY-SA David Freire

Outra das novidades nesta edición da Lérez Up foi posibilidade de probar o kendo, grazas ao Club Kendo Vigo. “O kendo é a tradición deportiva da esgrima tradicional”, relata Guillermo Briones, adestrador autonómico deste deporte no que prima a habilidade máis que a forza polo que está ao alcance de todo tipo de persoas. A iniciativa, a técnica correcta e a atención (espírito alerta), son claves para o éxito nun combate, que adoita durar cinco minutos e que se practica co Shinai (que se pode traducir como “espada sen alma”), un pau formado por catro láminas de bambú.

Os máis frikis das cartas TCG tiveron a oportunidade de probar o Riftbound, novo xogo de cartas de League of Legends, que se lanzará oficialmente o 29 de outubro. “Está moi ben, ten outro ritmo de xogo distinto do Magic; é moi entretido porque tes que interactuar máis coas persoas que xogas”, explica Iván del Río, mentres bota unha partida do xogo de Riotgames.

“O sábado foi apoteósico, con máis de 3.000 persoas e nos dous días superamos as 5.000, como o ano pasado”, salienta Rocío Fernández, do equipo de comunicación da Gaming Troop. Desde a organización da Lérez Up, salón do videoxogo e a cultura friki, non poden agochar a satisfacción polo resultado desta cuarta edición, que organizan en colaboración con Concello de Pontevedra.

“Nós non somos unha empresa especializada en eventos, somos unha asociación e facémolo con moito cariño, poñendo todo o noso traballo para que haxa actividades para todos”, explica Fernández, que pon o foco na “gran cantidade” de comentarios positivos recibidos tanto a través das redes como en persoa. “Sempre estamos buscando que os asistentes estean cómodos e moitos artistas agradecen ese bo trato especialmente”, detalla. Rocío Fernández salienta que todos os stands na feira contaron cunha mesa grande, enchufe, papeleira e voluntarios asignados para coidar dos posto no caso dunha ausencia puntual da persoa responsable. Unha atención que é posible grazas ao traballo dos Ocionautas da Estrada, que mobilizaron 30 voluntarios en Pontevedra e foron tamén os responsables da zona Offline, co seu gaming feito á man para todas as idades.

Panorámica da Lérez Up 2025, no domingo pola tarde. CC-BY-SA David Freire
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Do Magic ao Catán: Na Lérez Up a diversión tamén está sobre a mesa

    Frikis, K-Pop, cosplay, videoxogos, arte, moda… e tamén xogos de mesa e de cartas, pero de cartas coleccionables e intercambiables como é o Magic, Pokémon ou Riftbound, o novo xogo baseado no League of Legends que sairá ao mercado en outubro, pero que xa terá a súa presentación en Pontevedra. Na Lérez Up, que chega esta fin de semana, haberá moita diversión sobre a mesa grazas a Percalandia, que coordina a Card Games, e á asociación Rotting Pizza, que organiza a zona de Xogos de Mesa, onde tamén haberá espazo para os novos creadores, que explicarán e xogarán alí mesmo co público asistente.

    Ofrecido por

  • Lérez Up 2025. “O K-POP é máis que música: hai estética, cultura e valores”

    Igual que Son Goku nos achegou a cultura xaponesa, o K-POP está a popularizar a cultura coreana, a súa estética , gastronomía e mesmo cosmética. O furor pola música que vén de Corea do Sur levou a incorporar unha zona específica na Lérez Up na súa edición de 2024 e este ano a área medra, cun gran concurso de baile ateigado de participantes e premios e moitas propostas de lecer alternativo esta fin de semana no recinto feiral de Pontevedra.

    Ofrecido por

  • A Lérez Up medra con máis xogos, moda 'lolita' e ata vodas frikis en Pontevedra

    A feira máis friki de Pontevedra, a Lérez UP, chega moi forte á súa cuarta edición con récord de participación para os torneos de videoxogos ou para o concurso de baile K-POP e novas propostas como unha zona dedicada á moda Lolita; un taller de creación web impartido por Wordpress, a posibilidade de probar a disciplina do kendo ou mesmo casar con quen ou co que queiras na túa “voda friki”. Xogos de mesa, cartas, videoxogos, obradoiros do máis variado, charlas didácticas, música, baile e distintas expresións artísticas terán o seu punto de encontro o 13 e 14 de setembro en Pontevedra.

    Ofrecido por

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.