Celebramos o #DíadeRosalía un #23F, a data correcta do seu nacemento segundo nova documentación coñecida, por primeira vez. A poeta, convertida en icona pop, está presente na rede da mesma maneira que segue viva no noso imaxinario colectivo. Desde a Casa de Rosalía de Castro, en Padrón, chega un recendo a Caldo de Gloria así que imos ver o que se conta mentres non está listo.
Rosalía de Castro naceu un 23 de febreiro de 1837 en Santiago de Compostela, nunha casa do Camiño Novo (que hoxe leva o seu nome) e que daquela pertencía ao Concello de Conxo. 185 anos despois, a poeta mantén a súa vixencia porque a súa obra nos segue a interpelar.
A primeira homenaxe é unha alborada, que como lembra Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, «está vinculada á gaita, símbolo nacional desde os inicios do Rexurdimento, e destinada á interpretación unicamente instrumental nas mañás de festa».
Non é preciso saber tocar un instrumento, sempre podes seguir os versos da poeta. Mais a Asociación de Gaiteirxs Galegxs e a Fundación Rosalía de Castro comparten as partituras para quen se anime a botar unha #AlboradaParaRosalía.
Aida Tarrío, das Tanxugueiras, xa se animou o ano pasado a facer a súa interpretación desta canción de festa polo aniversario de Rosalía. E na escola de baile Galicia en Danza ensínannos como seguir o ritmo bailando.
Falando de interpretar e reinterpretar, no Colexio Montesol de Vigo achegáronse á obra de Rosalía e a converton en pictogramas.
No día do seu aniversario é bo lembrar que Rosalía estaba nos billetes cando había pesetas, como recorda a escritora Ledicia Costas, e que agora o seu legado aparece mesmo nas tellas ou se imprime en 3D.
Co lema “Somos Rosalías. Coa forza da lingua”, os concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño (que comparten Servizo de Normalización Lingüística) tamén promoven que Rosalía estea presente nas redes cunha iniciativa para que nos caractericemos como a autora. Como dirían as Tanxugueiras, coa pandeireta na man!
O traballo con Rosalía nos centros de ensino déixanos fermosas achegas como este collage de pensamentos do CEIP de Laredo, en Chapela (Redondela), e os diferentes retratos da poeta do alumando do CEIP Plurilingüe de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa.
O concurso #ESTIQUECANTAS, enfocado a mocidade de entre 12 e 18 anos, desenvólvese desde hoxe en Instagram e Tik Tok para que a xeración z faga a súa a obra de Rosalía. Trátase de pendurar nesas redes un vídeo de non máis dun minuto no que cabe todo o que che inspiren as palabras da poeta.
'Es ti que cantas' é un proxecto máis amplo que vos contamos en Praza.gal no que podemos escoitar os primeiros audiolibros de Cantares Gallegos e Follas Novas, e mais asomarnos ás fiestras que habitou Rosalía.
Rosalía de Castro é poeta universal, tanto que ten unha estrela co seu nome. Desde a Agrupación Ío agasállannos con este cartaz para compartir nas redes e na Casa das Ciencias da Coruña sitúannos as constelacións para descifrar o que vemos no ceo polas noites.
No poema “Miña casiña, meu lar” a poeta explica como facer un caldo humilde ao que se refire como Caldo de Gloria, e que este ano chegará a centos de comedores escolares e restaurantes por todo o país.
Non hai excusa para non probar o Caldo de Gloria ao que se refire Rosalía nos seus poemas. O cociñeiro Xoanqui Ameixeiras é o encargado de preparar a súa versión do caldo este ano desde a mesma cociña da Casa de Rosalía en Padrón.
Ollo porque hoxe os versos de Rosalía non só nos permiten inventar receitas de caldo, tamén serven para enviar mensaxes máis alá do Padornelo.
E podemos reivindicala como icona do cuqui...
Desde a biblioteca pública Ánxel Casal de Compostela convídanos a un roteiro dixital seguindo os pasos da poeta pola cidade baseado no libro de Mercedes Espiño.
E comparten a banda sonora para este #DíadeRosalía.