O Benidorm Fest devolveu o hype á preselección para Eurovisión a este lado da Península, mais en Portugal teñen ben asentado o seu Festival da Canção, que este ano escolle as sucesoras ou sucesores de The Black Mamba. A gran final é o sábado, 12 de marzo, e nela compiten as dez finalistas que chegaron –cun sistema de votación similar ao do BFest, pero sen a parte do xurado demoscópico– despois de dúas semifinais e máis de 600 candidaturas presentadas pola vía aberta aos músicos residentes ou de nacionalidade portuguesa.
Da Tuna de Medicina da Universidade de Coimbra a ser candidato a Eurovisión. Tiago Nogueira naceu en Coimbra, onde estudou Medicina e coñeceu a Pedro Figueiredo e Ricardo Almeida. Os tres médicos forman a banda Os Quatro e Meia xunto a outros dous amigos enxeñeiros informáticos, Rui Marques e Mário Ferreira, e un profesor, João Rodrigues. Os seis compaxinan os seus traballos co grupo, que xa ten dous discos publicados con temas propios, en 2017 e 2020, e preparan o terceiro para este ano, no que tamén queren representar a Portugal en Eurovisión con “Amanhã".
Aurea é unha artista recoñecida dentro e fóra de Portugal. Natural de Santiago do Cacém, foi nun curso de teatro da Universidade de Évora onde destacou como cantante. Co seu primeiro álbum, editado en 2010, acadou un dobre disco de platino e, desde aquela, ten conquistado premios internacionais tanto como actriz como cantante. Participa como mentora no concurso The Voice Portugal e publicou o seu último largo en 2018. Agora quere conquistar tamén o escenario de Eurovisión en Turín coa canción “Why?”.
Fernando João Duarte do Carmo Abrantes Fernandes emprega FF como nome artístico. Natural de Lisboa, gañou un concurso da televisión portuguesa cun fado sendo moi novo, o que o levou a estudar música profesional, así como a diferentes castings para pequenos papeis en series da televisión dos primeiros 2000. Dunha desas series, "Morangos com Açúcar", sae o proxecto de FF co que ten gravados varios discos e participa en espectáculos musicais en vivo por todo o país. Como curiosidade, a súa é a voz portuguesa do xogo Monopoly. Cunha carreira xa asentada, FF presenta o tema “Como é bom esperar algém” para sumar o de Eurovisión aos seus escenarios.
Diana Castro está a preparar o seu primeiro disco. O ano pasado publicou o EP, A espera, despois dun primeiro single “Volta para trás”. Formouse na Escola de Música de Cascais e na Escola de Jazz do Hot Clube Portugal. Conta que non vai abandonar as súas influencias do jazz, soul e pop, mais está aberta a outros ritmos, sen deixar de cantar en portugués. Coñecida por participar no concurso "The Voice Portugal” en 2018, colaborou recentemente coa artista Carolina Deslandes. En “Ginger Ale”, canción composta e escrita por Joana Espadinha, fala da liberación das expectativas da sociedade sobre as mulleres e rexeita ser unha “super nai”.
Mariana Secca é MARO. Con menos de trinta anos esta artista portuguesa xa ten colaborado con Eric Clapton nunha versión do mítico “Tears in Heaven”. Comezou tocando o piano desde ben cativa e fíxose un oco na rede coas súas versións en Youtube. Formouse na Berklee School of Music e ficou en Los Ángeles, desde onde se autoproduciu seis discos. Alí entrou en contacto co músico británico Jacob Collier, co que colaborou na escrita de varias cancións e nunha xira internacional antes da pandemia. Afirma que ten influencias desde Elis Regina, Esperanza Spalding, Rajery a Justin Bieber. “Saudade, saudade” é a canción coa que quere involucrarse na aventura eurovisiva.
Carolina Milhanas atopou no fado a inspiración para compoñer. Con 21 anos, escolle Fausto como a súa principal influencia musical porque o seu pai foi produtor e cantautor nesta obra. Aínda que ela compón –tamén para outros artistas– nesta ocasión participa na selección portuguesa para Eurovisión cun tema de Agir, coñecido músico e veterano no Festival da Canção. “Corpo de Mulher” fala sobre o que significa ser muller aínda hoxe. Milhanas estudou violín, técnica vocal, teatro musical e participou nun coro gospel.
SYRO é un habitual das radiofórmulas de Portugal. Con 26 anos, Diogo Lopes editou en 2021 o seu primeiro álbum de pop/alt-pop, Genesis. Baterista desde os 12 anos, formou parte da bande de pop rock Caelum e é autor da banda sonora de varios programas televisivos portugueses. Co single "Perto de Mim" acadou o éxito de público con 10 millóns de visualizacións en Youtube e máis de catro millóns de escoitas en Spotify. Presentouse ao Festival da Canção co tema “Ainda nos temos”.
Inês Homem de Melo leva cinco anos traballando como médica na área de Psiquiatría no Hospital de São João do Porto. Pero é que ademais de pasar pola Faculdade de Medicina da Universidade do Porto formouse en canto lírico e jazz no Conservatório de Música da cidade. Asegura que lle gustan as músicas do mundo e fala inglés, francés, español e italiano. “Fome de Viagem”, a canción coa que quere representar a RTP en Eurovisión, está composto por Pedro Marques con letra de Galileu Granito, e foi un dos catro selecionados entre as mais de 600 propostas do concurso que se presentaron pola vía libre aberta ao público. Esta artista é habitual dos concertos ao vivo e conta cun álbum de fado.
Pongo e Tristany participan coa canción “DÉGRÁ.DÊ”, de DJ Marfox. Pongo é presentada como a “diva do kuduro”. Nacida en 1992 en Angola, coñece os ritmos tradicionais angolanos e brasileiros desde nena. Pero foi en Portugal, onde a súa familia se instalou fuxindo da guerra civil no seu país, onde se consolidou na danza e na música. Colaborou co grupo Buraka Som Sistema e lanzouse en solitario en 2019 co disco Baia. O ano pasado marcou un novo camiño co single “Bruxos” onde mesturou kuduro, afrobeats, favelafunk e afrofunk. Pola súa banda, Tristany creceu e vive na Linha de Sintra, na periferia de Lisboa. Rapeiro, músico e artista visual, emprega diferentes ritmos e estímulos visuais que representan as culturas coas que se sente relacionado. Formou parte dos Monte Real e sacou o seu disco en solitario en 2020, MEIA RIBA KALXA.
Os trinta-teen-agers do mundo poden identificarse cos Pepperoni Passion e a letra dunha canción que fala dos problemas desta xeración, como a estabilidade laboral ou o acceso á vivenda. Tres amigos que se xuntaron para facer cancións entre tutoriais e partidas online. Na procura do seu estilo, van do hip hop ao pop con mestura da música latina e algo de rock. Levan menos dun ano producindo a súa música e presentaron este “Código 30” ao concurso pola vía aberta aos grupos, sen pasar pola recomendación de ningún xurado.
A segunda semifinal do Festival da Canção coincidiu coa celebración dos 65 anos da televisión pública portuguesa, a RTP. E contou con actuacións sorpresa como o inicio da xira internacional da representante de RTVE en Eurovisión 2022, Chanel, que lle presentou o seu “SloMo” aos portugueses.