Fan, fan. Amigas nas nosas cabezas: soñando con iconas pop

Como extensión ao segundo capítulo do podcast FANFAN dedicado aos soños, Cibrán compártenos aqui algún apuntamento máis sobre fantasías oníricas nas que aparecen figuras da cultura popular galegas e internacionais. 

 

A case todo o mundo lle gusta falar dos seus soños. Eu normalmente non me lembro con todo detalle e cando os conto vou enchendo os ocos co que me parece que ten sentido. Aínda así, nas últimas semanas fun tentando facer anotacións nunha nota do móbil e agora teño apuntes bastante inconexos. 

Algúns exemplos:

Manuel Fraga. Son o seu golfiño”

“Mundo Animal Crossing. Adrián Canoura. Falamos de Yosi de Los Suaves

“Na cima da montaña comemos patacas Bonilla

“Entrei en Youtube para escoitar o novo disco de Marcelo Criminal, que se chama La miss

“Falo con Adán de sindicalismo e atopámonos con Teo, que montou un bar cun patrocinio de Estrella, que lle obriga a poñer un cartel con faltas de ortografía”

“Gato chino xigante trepando”

Álex Charlón entra no escenario e pégalle a Marcelo Criminal”

“Apareceu Cameron de Halt and Catch Fire, mirámonos aos ollos e eu chorei un pouco, e abrazámonos como dándonos conta de que vivimos moitas cousas xuntos”

“Cartos para ir proxectar pelis a África e un libro sobre tricot para estar entretidos”

Moitas veces dou cunha explicación sobre por que soño as cousas que soño, pero aínda que poda intuír por que teño algunhas cousas no subconsciente hai algúns detalles que me preocupan. Un é soñar con marcas comerciais (aínda que Estrella sae claramente mal parada, tendo en conta que obrigar a cometer faltas de ortografía me parece terrible), e outro é soñar que miro o móbil ou un ordenador, como se non pasase tempo dabondo diante dunha pantalla ao longo do día. Con todo, estou contento de ter soñado ultimamente con iconas máis ou menos próximas, porque antes só lembro ter soñado unha vez que Bruce Springsteen me ensinaba unha canción (que non era moi boa) e outra cousa con Jonathan Richman que conto no podcast de Fan Fan sobre soños de fan que xa podedes escoitar.

Neste episodio aparecen amigas e amigos contando soños con ídolos e similares, e tamén cancións que falan de soñar con referentes e demais. En xeral o bonito é que, se os soños reflicten o noso inconsciente, tamén falan do lugar que xogan as iconas pop na nosa vida cubrindo certos desexos e necesidades, estimulando a nosa creatividade (por exemplo, Pepa Prieto Puy soñou tamén con Jonathan Richman e hai anos fixera un cómic ilustrando a súa canción “Affection”) ou simplemente estorbándonos na cabeza. Para complementar o podcast estiven botando un ollo en Twitter seguindo o método de VINTE de buscar “soñei que” e atopei distintas tendencias dentro deses desexos e necesidades. Ás veces aparecen como parellas románticas ou sexuais:

 

Claro que, nestes casos, a experiencia non ten que ser necesariamente satisfactoria:

 

Outras veces aparecen como amizades, colegas ou figuras paternas, cousa que non me estraña porque ao final compartimos con eles bastante tempo:

 

Noutros casos parece que só emerxe a nosa preocupación por que lles vaia ben aos nosos ídolos, que nos son xente querida:

 

Unha cousa menos común, pero que me encantaría experimentar, é a de soñar con ocupar a vida dalgunha diva:

 

E tamén, dentro da lóxica estraña dos soños hai cousas que non teñen moita explicación:

 

En calquera caso, en xeral teño a impresión de que soñamos máis con iconas da industria cultural internacional, ou da española, que coas máis próximas (xeograficamente) a nós. Eu mesmo penso nos meus soños e bueno, aínda que antes estaba contento porque aparecen Yosi e Manuel Fraga como figuras locais, son soños un pouco puretas. Sería máis normal soñar con eles nos 90. Soñei tamén con Álex Charlón, o cantante de Ataque Escampe, pero como tamén toco eu no grupo non sería xusto de todo contalo como icona galega… o que me queda para agarrarme un pouco é que soñei que Álex lle pegaba a Marcelo Criminal no Cachán Clube, e si que fun atopando uns cantos casos nos que a xente arrastra a figuras de fóra ao contexto galego:

 

Dentro diso, a verdade é que me prestaron moito os casos nos que se daban colaboracións de fantasía:

 

Fun tirando do fío e atopei que ía habendo casos de xente que soña con ídolos locais, e que van cubrindo igualmente todas as funcións: colaboracións de fantasía, amizades, amantes, tramas absurdas...

 

Se cadra é un pouco raro falar do mundo dos soños desde esta perspectiva, que parece que busca a normalización do plano astral. Quen quere soños normais? Probablemente ninguén, pero a min tranquilízame que o inconsciente non sexa igual en todo o mundo, supoño. Tamén é o bo que ten ser fan de alguén: os ídolos non teñen ningún control sobre o que a xente imaxina deles, así que cada quen é libre de usalos como lle pida o corpo.

 

Cibrán Tenreiro

Cibrán Tenreiro

Cibrán Tenreiro escribe (no blog Bolsa de Patacas), toca (en Esposa, Monstruo ou Zara), fala (na vida e, ás veces, na Radio Galega) e é Doutor en Comunicación pola USC.

Se non o escoitaches antes, escóitao agora

  • Vinte no patio Fan Fan

    FAN FAN: Soños

    FAN FAN é un podcast conducido por Cibrán Tenreiro arredor do fenómeno fan na música e as cousas que fai aparecer: novas obras, comunidades organizadas e emocións intensas. Neste segundo episodio para VINTE, Cibrán aborda a relación coas iconas pop a través dos soños, con xente que os relata e cancións inspiradas por eles. Como é lóxico, hai fantasía, romance, situacións absurdas, amizades bonitas e algo de incomodidade.

    Podcast

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.