A Regueifa Plaforma 2.0 inicia unha colección de libros de fotografía en papel co debut de Adolfo Fernández Piñeiro, que recompila en Passing Place os retratos que fixo nunha viaxe polas Highlands escocesas.
Como lle explicas a alguén que topas calor nun lugar tan frío. O fotógrafo Adolfo Fernández Piñeiro (Celanova, 1997) realiza en Passing Place unha crónica visual e poética da súa travesía polas terras altas de Escocia, as Highlands. Na Regueifa Plaforma 2.0, que lle dá acubillo a este libro, din que o autor, «coma un Manoel Antonio contemporáneo, fai unha viaxe física da que abrolla irremediablemente outra singradura máis espiritual, de coñecemento interior».
Con esta publicación, da que é posible consultar as primeiras páxinas online, bota andar a colección de libros de fotografia da Regueifa Plaforma 2.0, que axiña presentará outra «colección irmá» de libros de poesía, tamén en formato físico.
«Passing Place é a crónica dunha viaxe. Máis ben, e como se desprende da poesía do propio libro, esta é unha crónica de varias viaxes nunha. As viaxes foron físicas, percorrendo diferentes localizacións próximas ao pobo pesqueiro de Kinlochverbie, no noroeste de Escocia. Sen embargo, as viaxes máis relevantes dentro desta ocorren noutro plano máis espiritual e metafísico, o cal demandaba ao seu autor o uso dunha linguaxe singular», explica Alejandro Arzolar no prólogo do libro.
Arzolar describe como «as imaxes e a poesía en Passing Place fan xustiza coa beleza desa parte da costa escocesa e co místico que hai nos seus cumios, ademáis de plasmar dunha maneira maravillosa a relación fraternal que se fraguou entre os habitantes dunha casa do pobo de Oldshoremore. Este lugar mira ao mar e ás rochas, á vez que mira cara a unha forma sensible e avanzada de entender e vivir a vida».
Ao frio e ao vento. Foron os primeiros aos que sentín. Eran cariñosos pero serenos. Gardaban as distancias mentres eu sentia que me daban a benvida. As fotografías están acompañadas de pequenos textos en galego, castelán e inglés nos que Adolfo Fernández Piñeiro introduce as súas sensacións e experiencias sobre o terreo.
No prólogo, Alejandro Arzolar avanza que «sería posible relatar unha viaxe cara ao amor; cara á fraternidade; cara ao sublime da natureza; ou cara ao coñecemento dun mesmo e o crecemento persoal, nun relato narrativo ou descritivo. Pola contra, necesítase unha linguaxe metafórica e visual, como da que se serve Adolfo nesta obra espléndida, para acadar unha estética da sensibilidade á vez íntima e deslumbrante, que caracteriza este traballo».
«As fotos deixan entrever o magnetismo que desprende a exuberante natureza do lugar, que parece conversar de forma directa co espírito das persoas, desnudándoo ata quedar igual que as maxestuosas cadeas montañosas que se erguen impoñentes», conta Alejandro Arzolar.
Esta é a crónica de varias viaxes que ocorren nunha soa, que é a vida do seu autor, Adolfo Fernández Piñeiro. Desde A Regueifa Plaforma 2.0 apostan pola autoxestión das creadoras e creadores e, neste senso, recomendan contactar co autor directamente mandándolle un email para facerse co libro.