Música

"Mediocre". Chega de Vigo un pioneiro do urban-pop-punk chamado Filloas

A Regueifa Plataforma fainos chegar unha das súas descubertas en adianto exclusivo para VINTE: Filloas, cun primeiro single e videoclip gravado na Cidade da Cultura, parte do álbum 'Filloas', que estrea este mércores. E así nolo presenta: «O vigués Iago Galego debuta co seu proxecto en solitario, Filloas, mesturando sen prexuizo ingredientes que a priori non convidan á maridaxe pero que unha vez pasados pola pedra quente dan lugar a unha proposta inédita na música galega: melodías pop pegañentas, voces trapeiras enchoupadas de autotune, guitarras afiadas fillas do estoupido do 77 e ritmos urbanos acelerados que piden a berros pista de baile. 

 

Ao longo de once temas o de Coruxo desprega un sincretismo postmoderno absolutamente desacomplexado co que acada unha sinatura persoal máis que recoñecible, un estilo propio embebido por unhas letras introspectivas ("Cuncha emocional", "Mediocre" ou "A morte vai comigo") nas que tamén hai espazo para a cultura pop ("Robin" ou "Replicantes") e mesmo a reivindicación máis explícita ("Galicia", filla bastarda e trapeira do clásico "Galicia es una mierda" dos Ataque Escampe). 

 

Se puideramos trazar unha liña imaxinaria dende Radio Océano até Boyanka Kostova, pasando polo Caimán do Río Tea, Projecto Mourente e Verto, sen dúbida chegariamos a Filloas. O futuro da música galega era isto. E mola mil.»
 

Créditos

Escrito, dirixido e producido por "A Cova" (2022) 

 

Booking: contacto.filloas@gmail.com

 

Editado ao abeiro d'A Regueifa Plataforma 2.0

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.