O novo de Amoebo: evasión e baile sen reservas en “Lobishomes”
Amoebo vén de presentar o seu novo sinxelo cun vídeo musical entre a animación e a realidade. “Lobishomes” relata a necesidade de atopar unha vía de escape da nosa propia realidade cotiá. «Este lobo, este home, hai tempo que non come». Lonxe de converterse nun ser terrorífico, o lobishome goza da noite e convida a romper coa rutina e a bailar sen complexos. Esta experiencia reflicte a busca da liberdade e o desexo de fuxir das limitacións do día a día, celebrando o poder da música como refuxio de evasión.
O videoclip, rodado na sala coruñesa La Disfrutona del Orzán, conta coa dirección de Xaime Miranda a través da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Neste traballo, producido por David Fernández (Daiv), Amoebo mestura unha explosión de rock, pop e ritmos urbanos actuais. Cunha presencia moito maior de guitarras e distorsión, Amoebo aposta por un son máis agresivo e punzante, sen perder a frescura que o caracteriza desde os comezos.
“Lobishomes” é o primero sinxelo de Escándalo no escuro, un dobre álbum que verá a luz a comezos de 2025. O LP estará conformado por dúas caras. Na cara A predominarán os ritmos mais urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando de referente divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou BadGyal. A cara B estará tintada de sons máis rockeiros nas que se percibe un claro pasado metaleiro. Coas guitarras e os baixos como protagonistas absolutos, pero cun fondo urbano e actual, unha mestura enérxica, agresiva e festiva.
O próximo adianto do álbum será o sinxelo “Unha foto”, que estará disponible en plataformas dixitais en xaneiro de 2025.
Créditos
Dirixido por Xaime Miranda
Idea orixinal de Cristina Álvarez
Producido por Amoebo
Operadores de cámara: Héctor Gomez e Marta Rodríguez
Montaxe e cor por Xaime Miranda
Animación por Antón Miranda
Rodado en La Disfrutona del Orzán
Figuración: David, Antía, Celia, Lily, María, Isma, Óscar, Iago, Uxía, Patricia, David, Daniel, Mencía, Davy, Inma, Antía, Leti, Elena e Ana