Vinte agasallos para o Nadal 2022 que podes mercar no comercio online galego

VINTE

A modo co Black Friday. Garda os cartos e bótalle un ollo a estas ideas para agasallar que vos ofrecemos, mercando produtos galegos de proximidade no noso comercio electrónico, sen ter que ir a Amazon. Hai moita variedade: decoración, complementos, cosmética, roupa, calzado, arte, libros, xoguetes, instrumentos musicais e cousas ricas de comer e beber, todo made in Galicia

Co patrocinio de

A modo co Black Friday. Garda os cartos e bótalle un ollo a estas ideas para agasallar que vos ofrecemos, mercando produtos galegos de proximidade no noso comercio electrónico, sen ter que ir a Amazon. Hai moita variedade: decoración, complementos, cosmética, roupa, calzado, arte, libros, xoguetes, instrumentos musicais e cousas ricas de comer e beber, todo made in Galicia

  • 01

    Aceite de camelia

    11€-30€

    A cosmética artesá galega vai despuntando os poucos e aproveita a materia prima que temos por aquí, coma este aceite de camelia da marca pontevedresa Acemelia, que serve para coidar a pel e o cabelo grazas á súa alta concentracións de antioxidantes, con propiedades rexeneradoras e protectoras. Haino en varios tamaños e prezos e tamén produtos derivados coma o xampú, o bálsamo ou a crema facial. Comprar

  • 02

    Cartografía do Prestige

    51 €

    A tenda online Stoupa, especializada en arte e artesanía da Costa da Morte, presenta esta peza que conmemora o vixésimo aniversario do Prestige: unha cartografía coa deriva do barco durante eses 6 días ata que afundiu. Mercar

  • 03

    ‘Algo, nada, siempre’. Fotolibro de Vari Caramés

    45 €

    A editorial Fabulatorio sempre trae fotolibros dos que paga a pena ter e que son un regalazo. Máis aínda no caso desta edición retrospectiva da obra do fotógrafo ferrolán Vari Caramés, un dos grandes das nosas artes visuais. Algo, nada, siempre é o título deste libro, que é o catálogo da exposición homónima que estivo a comezos deste ano no Canal de Isabel II de Madrid. Mercar.

  • 04

    Bolso "Cela" de Jatafarta

    175 €

    A firma compostelá Jatafarta vén de lanzar a súa última creación, o bolso “Cela”, feito de pezas troqueladadas de coiro entrelazadas. Os módulos únense entre si sen costuras, configurando dous tamaños de bolso. O interior visible para a versión pequena é de PVC reciclable e para a versión grande de tecido 100% de algodón con acabado encerado. Unha marabilla. Mercar.

  • 05

    Vacaloura. Un xogo de mesa para aprender o galego

    48 €

    A tenda Ozoco presenta Vacaloura, un xogo co que podemos divertirnos e ademais practicar e mellorar o noso coñecemento sobre a lingua. Consta dun taboleiro, 6 peóns e 500 tarxetas-pregunta cun total de 2000 preguntas diferentes e miles de palabras dos máis variados significados, o que o converte nun xogo de mesa apto para todas as idades e niveis de coñecemento do idioma. Este xogo serve tanto para galegofalantes cuxo único obxectivo é o simple entretemento e desafío entre amigos, como para aquelas e aqueles que se estean achegando ao noso idioma como neofalantes, ou como estudantes autodidactas ou formando parte do ensino regrado. Mercar

  • 06

    Pandeireta decorada de Sanín

    69 €

    O gran ano das Tanxugueiras triunfando “coa pandeireta na man”, tamén foi o ano dourado para o taller Sanín de Compostela, autor das pandeiretas que as nosas grandes embaixadoras levaron ao Benidorm Fest, e que non dá abasto a vender os seus instrumentos, dos que hai un amplo catálogo na súa tenda dixital: diversos tamaños, cores, ornamentos e prezos. A nós gústanos esta decorada con estreliñas, pero hai onde escoller. Mercar

  • 07

    Kit de xoguetes tradicionais

    22 €

    Arce Workshop + Studio, con base na Coruña, vende na súa tenda online fermosos obxectos e mobles feitos con material reciclado. Nós destacamos, para os máis pequenos, este kit de xoguetes tradicionais que contén 1) unha buxaina feita a partir de táboas de monopatíns, 2) un helicóptero de madeira feito a man, e 3) un xogo tradicional de canastra e pelota. Mercar.

  • 08

    Bálsamo labial feito con flor de grelo

    8 €

    Máis cosmética con plantas galegas: a firma Muuhlloa de Monterroso presenta agora este bálsamo labial reparador feito con oleato de flor de grelo e mel cru de alta montaña de Sovoral. A unión destes ingredientes confírelle, disque, propiedades reparadoras, antibacterianas e antioxidantes. Trátase do primeiro cosmético formulado con flor de grelo. Mercar.

  • 09

    Chaveiro lura de Elena Ferro

    8 €

    Xa coñecemos os zocos, un agasallo estupendo e as súas derivacións en sandalias, bailarinas ou mesmo fanequeiras (adoramos estas do modelo Cangas). Pero o que nos namorou da web de Eferro foron estes chaveiros con forma de lura, un agasallo ben chulo, económico e especial, que levarás contigo a todas partes. Haino en varias cores. Mercar

  • 10

    Axenda Cartoné 2023

    18,90 €

    Outro clásico: a axenda das Irmás Cartoné, coñecidas editoras e tradutoras de impecable gusto, que desta vez ofrece un“compendio das bestas e criaturas avistadas durante o ano 2023”, con ilustracións e citas relativas á bichería e tamén con algunha novidade organizativa. Mercar.

  • 11

    Un colgante de prata e de acibeche

    34 €

    O taller compostelán Fink Orfebres moderniza a pratería e a acibechería, de tanta tradición na súa cidade, nunha colección de preciosos colgantes, aneis e pendentes. Unha aposta segura pode ser o colgante, que tedes rebaixado na tenda online da Xoiería Covelo do Porriño. Mercar

  • 12

    Unha lámina de Lara Lars

    40 €

    A ilustradora Lara Lars é unha das creadoras que entrevistamos máis recentemente en VINTE. A súa especialidade é o collage e a súa inspiración vén da súa orixe na comarca de Vigo: «veño de onde veño, desa zona industrial que relaciono coa ciencia ficción e das canteiras que me recordan ás construcións brutalistas, ou desas cores que tamén son cañeiras. O meu sentido do humor tamén se ve nas ilustracións». Na súa web vende unha morea de láminas en distintos tamaños asinadas por ela, da que destacamos esta e mais esta sobre a chegada dos ovnis a Vigo. Mercar.

  • 13

    Sombreiro sancosmeiro

    95 €

    O sancosmeiro estase poñendo de moda. O sombreiro de palla de centeo que usaban as nosas labregas desde hai séculos para protexerse tanto do sol como da choiva colleu este nome por ser típico da zona de San Cosme de Antes (Mazaricos).Segundo indica Stoupa na súa web, “agora só se coñece a existencia de sombreiros semellantes na Estrada e en Outes, dado que as súas formas e tamaños fóronse adaptando ás necesidades de cada unha das comarcas. Están feitos de palla trenzada e cosida a man, cunhas 40 horas de traballo. Mercar

  • 14

    Queimador de incenso triangular de Sargadelos

    42 €

    Unha peza de Sargadelos decorativa e accesible é este queimador de incenso, para ambientar a casa. Vén con 15 variñas de incenso Nag Champa, o aroma típico dos Ashrams ou mosteiros do norte da India e Nepal, onde se utiliza desde hai séculos para axudar ao recollemento e á meditación. O queimador, decorado coas cores clásicas da marca, baséase no triángulo, clave da xeometría e símbolo da harmonía, a divindade e a proporción. Mercar.

  • 15

    Pack aperitivo 'Mariñeiro'

    54,99 €

    Entre os moitos packs e cestas de Nadal que se poden adquirir na rede estas días, quedamos con este da tenda Galicia Exquisita, basicamente polo envoltorio, unha nasa auténtica á que lle podemos tirar moito partido decorativo na casa. No interior, vermú de La Fabulosa acompañado de mexillóns en conserva, patacas fritidas e galletas mariñeiras. Mercar.  

  • 16

    Xenebra Bravú

    21 €

    Non é a primeira xenebra local que aparece nestas listaxes pero si a primeira feita con auga de mar da Costa da Morte, extraída e tratada por unha empresa de Vimanzo chamada “Coído de Sabadelle”. Además leva amorodos para acompañar este gusto mariño cun sabor máis suave e afroitado. Mercar

  • 17

    Un menú para 2 persoas no Ceibe de Ourense

    150 €

    Ceibe, en Ourense, é un dos restaurantes galegos dos que máis se está a falar nos últimos tempos. Puxérono en marcha hai pouco máis de dous anos –en plena pandemia– Lydia del Olmo e Xosé Magalhães, dous discípulos de Pepe Solla e esta semana xa se fixo coa súa primeira estrela Michelín. Na súa web ofrecen bonos de regalo para quen queirades sorprender alguén especial cun dos seus menús degustación. Mercar

  • 18

    Calendario “Illas de Galicia” de Clara Cerviño

    22 €

    Da tenda online viguesa Vaidhe escollemos este ano o calendario “Illas de Galicia” da debuxante Clara Cerviño, a quen coñecemos polas súas láminas de faros que podemos atopar desde hai tempo en varias tendas. Este almanaque de 2023 dános a posibilidade de perdernos cada mes en Sálvora, na Lobeira, en Ons… o ano é moi longo. Mercar.

  • 19

    Entradas para ir ver ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’

    20 €

    E por que non regalar unhas entradas para o teatro?  Logo do éxito de Fariña, o espectáculo teatral, Nacho Carreterovolve unir forzas con Tito Asorey, José L. Prieto e Xosé A. Touriñán neste espectáculo sobre o mundo do fútbol e todo o que o rodea. Un paseo lúdico, crítico e musical sobre o espectáculo futbolístico que percorre a súa cara máis radiante sen esquecer a máis sombría. Na aliñación temos a Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas,  Sergio Zearreta e Isabel Garrido, a quen entrevistamos hai pouco en VINTE. Na web podedes coller entradas para as próximas funcións en varias vilas e cidades galegas. Mercar.

  • 20

    Os nosos libros recomendados

    Entre 12 e 26 €

    Regalar libros é sempre ben, e tamén se poden pillar online se non tedes librarías a man ou non vos cadra de ir polo Culturgal esta finde. Por non escoller un escollemos media ducia, de xéneros variados e para distintas idades, que todo o mundo debería ter na casa este ano. De poesía, Lixeiro, de Ismael Ramos, Premio Nacional de poesía nova. De narrativa, Ninguén queda, de Brais Lamela, auténtica revelación deste ano con só 25 anos (e colaborador de VINTE). De ensaio, Nos días encantados de agosto, unha biografía de José Gil, pioneiro do cinema galego, escrita por Manolo González. Tradución: Vencellos feroces, de Vivian Gornick, un imprescindible da narrativa de autoficción contemporánea. Infantil e xuvenil: A patrulla espectacular, de Marga Varela e Ramón L. Ríos, con ilustracións de Pepa Prieto Puy. Tradución infantil: 45 contos dos irmáns Grimm para nenos e para a familia. No enlace de cada título podédelos mercar.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.