As novas camadas aumentan: 8 curtas para ver en Cans e en exclusiva en VINTE

VINTE

Arrancou a 18 edición do Festival de Cans cunha das seccións que máis se está a consolidar e a atraer novo público: “Novas Camadas”. Este ano son 8 as curtametraxes de novos talentos saídos de escolas e facultades de audiovisuais que compiten polo premio Deleite, e poderemos velas en VINTE do 13 ao 25 de setembro. Así que estade atentos. Aquí volas presentamos. 

Co patrocinio de

Arrancou a 18 edición do Festival de Cans cunha das seccións que máis se está a consolidar e a atraer novo público: “Novas Camadas”. Este ano son 8 as curtametraxes de novos talentos saídos de escolas e facultades de audiovisuais que compiten polo premio Deleite, e poderemos velas en VINTE do 13 ao 25 de setembro. Así que estade atentos. Aquí volas presentamos. 

  • 01

    Dores

    Esta curta documental dirixida por Coral Piñeiro e con guión e montaxe da súa irmá Laura Piñeiro, é unha das revelacións deste ano, desde que foi seleccionada no festival Docs Barcelona a pasada primavera. Trátase dun traballo sobre a memoria histórica que provoca o reencontro de catro persoas que foron testemuñas das consecuencias da represión franquista en Galicia. Feito por alumnas de Comunicación Audiovisual da USC, Dores leva todo o verán exhibíndose por distintas localidades e poderemos velo tamén en VINTE.

  • 02

    Bombas de palenque

    Saída da última fornada da factoría da Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo, esta peza de Martín Arufe conta a historia de Hugo, un adolescente con moitas ganas de entrar no grupo de amigos do seu irmán maior. Cando este lle pregunta se quere ir de festa con eles, Hugo ten dúbidas e rexeita o ofrecemento. Entón, unha inesperada visitante aparece na habitación de Hugo e tenta convencelo para que si vaia á festa. 

  • 03

    Hollín

    Feita na Escola de Imaxe e Son de Vigo, esta curtametraxe experimental de suspense con guión e dirección de Óscar Silva conta a historia de Castor, un home que foxe do seu pasado conducindo por estradas inhóspitas. No medio do camiño atopa, estrelado, un coche idéntico ao seu. Cando para a ver que ocorreu, tres homes ameázano e obrígano a levalos con el. Aterrorizado, Castor deberá decidir se obedecelos ou enfrontarse aos seus medos e loitar por sobrevivir.

  • 04

    Night Keeper

    Tamén da EISV, neste caso do ciclo de animación en 3D, chega esta curta creada por Cynthia González e Daiana Tito que foi finalista nos últimos premios Mestre Mateo. Conta a historia de dous gardiáns da noite vagan polo bosque. Mentres brincan entre as árbores, un pérdese. A súa misión será atoparse outra vez.

  • 05

    Polonio 210

    Á fronte da dirección e da montaxe desta curta están Iria Friedrich e Paula Blanco, da Universidade de Vigo, que traballan con actores profesionais como Alfonso Agra ou Ledicia Sola. O actor vigués encarna a Víctor Guzmán, un home de avanzada idade afeccionado ao coleccionismo de antigüidades que tenta superar a morte da súa nai: a muller da súa vida… ata agora.

  • 06

    Aqueles días de agosto

    O director de Mos Anxo Rojo rodou esta curta na ECAM de Madrid, onde estuda. Nela conta a historia de Juan, que se reencontra co seu mellor amigo da infancia, quen volve á vila logo dunha temporada no Vaticano. Juan espera que a volta do seu amigo sexa para recuperar a especial relación que tiveran, mais os motivos do regreso son outros.

  • 07

    Aleteado

    Esta peza de Yuri Salgado naceu nun obradoiro no festival Novos Cinemas, co director Eloy Domínguez Serén como mentor. Transcorre no día de Nadal de 2020. Un mozo adorna a árbore  xunto a súa familia mentres lembra os anguriosos acontecementos que lles tocou vivir durante a pandemia da Covid-19. 

  • 08

    One Gardenind Day

    A outra curta de animación nestas Novas Camadas é esta que dirixiu Aarón Pérez Pardiñas e que escribiu canda Laura Pérez Zaera segundo unha idea orixinal de Angy García. Nun mundo no que as plantas ocuparon o lugar dos humanos e viceversa, Jeffrey esperta unha mañá de domingo coa intención de traballar no cuberto do seu xardín. Pero un pequeno inconveniente converterá o seu día nun desastre. 

Tamén che interesa

  • Enxurrada de festivais audiovisuais este setembro

    Cada semana un festival. A pandemia obrigou a adiar por segundo ano consecutivo os festivais de audiovisual que se celebraban na primavera, como o de Cans, o Play-Doc de Tui ou o Carballo Interplay, e isto fai que se acumulen as citas de novo para este final do verán. 

    Festivais
  • VINTE almorzando en Cans con CREUSeCARRASCO

    Os arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco levaron este ano o Chimpín de Prata do Festival de Cans pola investigación que levan anos facendo sobre a arquitectura popular desta aldea do Porriño, que os levará tamén o vindeiro ano á Bienal de Arquitectura de Venecia. Almorzamos con eles e con Deleite durante a pasada edición do festival.

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.