Enxurrada de festivais audiovisuais este setembro

Imaxe da última edición do Festival de Cans en 2020, xa en pandemia e en setembro. © Festival de Cans

Cada semana un festival. A pandemia obrigou a adiar por segundo ano consecutivo os festivais de audiovisual que se celebraban na primavera, como o de Cans, o Play-Doc de Tui ou o Carballo Interplay, e isto fai que se acumulen as citas de novo para este final do verán. 

 

Festival de Cans

Este mércores comeza o Festival de Cans, que fai a súa maioría de idade cunha edición que volverá estar limitada en canto a aforamento pola Covid-19 mais non escatima en programar con criterio e abundancia como fixo sempre. Entre as celebridades do cinema que pasarán estes días polo Torreiro das Estrelas están o director Jorge Coira, premio Pedigree 2021 e os actores Tamar Novas, quen recibirá o Chimpín de Prata, e César Bugallo, que presentará o seu libro de memorias. 

Tamén pasarán por Cans o cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho, autor de Dona Clara (Aquarius) ou Bucurau, a quen se lle dedicará unha retrospectiva exhibindo ademais das súas longas algunhas curtas que ata hoxe foi moi complicado ver en Galicia. Outra visita ilustre será a do hispanitas inglés Ian Gibson, que protagoniza o documental Onde acaba a memoria, primeira longametraxe do director galego Pablo Romero-Fresco, que este xoves se proxecta no Centro Cultural do Porriño. 

Ademais o festival estrea nova sección este ano. Chámase `Correspondencias´ e nace para amosar un diálogo en imaxes entre cineastas galegos con cineastas doutros países e fomentar un intercambio de ideas inéditas filmadas.  Os encargados de botar a andar esta sección serán o cineasta galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno, que mantiveron unha interesantísima correspondencia filmada que terá a súa estrea absoluta nesta edición do Festival de Cans.

Outas estreas absolutas que veremos en Cans pasan pola sección “Furacáns”, dedicada adicada ás curtametraxes de non ficción que asumen un maior risco narrativo. Entre elas están Persoa, pobo, paisaxe, unha fermosa curtametraxe realizada polo novísimo cineasta de Boiro Daniel Pérez Silva; Só as árbores coñecen o son das balas, na que Rebeca Lar explora de xeito arriscado no máis fondo dun macabro asasinato múltiple na Guerra Civil; ou O Intruso, a nova curtametraxe da cineasta e fotógrafa da Estrada Ariadna Silva.

Mais o mércores empeza o festival coa sección máis querida do festival por VINTE; “Novas Camadas”, da que daremos máis información. Nela preséntanse este ano os traballos de 8 autoras e autores novos, que poderemos ver en exclusiva en VINTE, proxectándose un cada día entre o 6 e o 16 de semtembro. Non faltará tampouco a música coas actuacións de Sés, Oh Ayatollah, Marco Maril ou Lar Legido.

Presentación da edición 2021 do Festival de Cans. CC-BY-SA Festival de Cans

 

Carballo Interplay

Na segunda semana colleremos rumbo norte pola AP-9 para asistir ao Carballo Interplay, festival de contidos dixitais que celebra a súa oitava edición, atendendo coma sempre a creación feminina, o humor, o activismo, o ámbito profesional e a creación para a rede en lingua galega. Ademais das webseries a competición, claro.

 Como estrelas convitadas estarán Carolina Iglesias e Victoria Martín, autoras dun dos podcasts máis populares en España, “Estirando el chicle”, que farán un show especial con outra cómica ilustre, Henar Álvarez. As entradas voaron pero tamén se poderán ver en streaming nas redes do festival. Tamén poderemos ver ao vivo outro podcast moi popular, “¿Puedo hablar? Con Perra de Satán e Esnórquel, que á súa vez protagonizará o Código Fonte Audiovisual este ano, coa proxección-charla “Maricón.mp4 – Miradas queer en 240p”. 

Outro dos temas importantes este ano será “Internet para mudar as cousas”, cun encontro entre Proyecto Una, Cuellilargo e Ontologías feministas, que falarán do activismo nos contidos dixitais, ou unha conversa entre as ilustradoras Monstruo Espagueti, La Prados e Roberta Vázquez, que falarán de humor e precariedade xeracional. 

Ademais este ano o CIP acolle o  primeiro Encontro Transversal da Creación Galega Online, que xuntará creadores que veñen de diferentes plataformas. No primeiro panel estarán os encargados de representar a YouTube e o mundo dos podcast, entre os que se atopan Olaxonmario, Nee, Podgalego, MBAmal ou Café Derby 21. No segundo panel, estarán aqueles relacionados con Twitter, TikTok e Twitch, como Malva, Leti da Taberna, Jon Amil ou Agos Reigosa de Twitch en Galego. Ese mesmo día, xoves 9, poderemos ver as webseries galegas que compiten no festival, asistir ao pitching de proxectos de webserie en galego, ou ver en primicia o proxecto gañador do ano pasado, a serie de animación Cacola, de David Fidalgo Omil.

© CIP

FICBueu

O seguinte é o FICBueu, que terá lugar do 11 ao 19 de setembro. Centrado, coma o de Cans, na proxección de curtas, será unha mostra heteroxénea de máis de 100 filmes. , complementada con diferentes actividades como o ciclo musical Mergullade ou obradoiros centrados na creación cinematográfica. Haberá xornadas de Iniciación e Desenvolvemento do Guión con AGAC, un obradoiro de Planificación da Rodaxe con CREA ou unha palestra de Stop Motion con Sonia Iglesias.

As seccións competitivas son Escolas, Experimental, Galicia R, España e Internacional. Desta última haberá varias curtas que serán estreadas en primicia no festival, entre as cales destacan La Traversée, da canadense Ève Saint Louis; Every Day’s Like This, tamén de Canadá e dirixida por por Lev Lewis, The Cloud is Still Here, dirixida por Mickey Lai de Malaisa e Ned & Me, do Reino Unido e dirixida por Lorna Nickson Brown

Play-Doc

Na cuarta semana, do 22 ao 26 temos cita en Tui para asistir ao Play-Doc, festival internacional de cinema documental.. Como novidade, presentará un roteiro cinematográfico nocturno polas rúas de Tui, chamado Cine Recorridos II: Visións Nocturnas no que participarán o artista audiovisual Juanjo Fernández Rivero, o director de artes visuais João Beira, o artista multimedia e deseñador gráfico Juanma Lodo, a escenógrafa especializada nos campos lumínico e espaciais Montse Piñeiro e Ángel Rueda e Ana Domínguez, directores do (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña.

Tamén estará presente o cineasta norteamericano Manfred Kirchheimer presentando a súa retrospectiva internacional así como a tamén norteamericana Bette Gordon nun repaso polos seus traballos feitos entre o 1974 e o 1983.

OUFF

O último festival do mes será o OUFF, o Ourense Film Festival, que comezará o 24 de setembro e rematará o 2 de outubro, que aínda non presentou programa nin sección oficial pero xa anunciou algúns dos seus premios de honra: desde figuras clave do cinema español como Gonzalo Suárez (quen fixo a primeira adaptación cinematográfica d’A Esmorga de Blanco Amor en 1977) ou o distribuidor Enrique Cerezo, ata dous produtores clave no audiovisual galego actual: Beli Martínez, de Filmika Galaika (Arraianos, Longa noite, Vikingland, Sicorax), e Alfonso Blanco de Portocabo, responsable de éxitos como a serie Hierro ou o filme Cuñados, rodado en Ourense.. 

Este ano existe una nova sección: a de Documental dentro do apartado de OUFF en Curto, que premia ás mellores curtametraxes. O presidente do xurado será Simone Saibene, cineasta e produtor, fundador da produtora ourensá Noveolas. Ademais, tamén formarán parte deste a actriz Aida Cobas e o técnico audiovisual José Aragunde.

 

Mais en outubro non remata a enxurrada de festivais, porque do 2 ao 11 celebrarase unha nova edición de Curtocircuito en Santiago de Compostela, que dará paso en novembro a Cineuropa, logo virán Novos Cinemas en Pontevedra… á axenda festivaleira tocoulle este ano concentrarse nesta rentreé, confiando en eu que no 2022 a nova normalidade restableza o calendario e todos estes eventos queden máis repartidos no tempo. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.