Un dos postos da feira Vegana en Vigo © VeganaGal
O mesmo espazo no que hai uns meses agardábamos pola terceira dose da vacina da COVID-19 foi esta fin de semana o escenario de reunión de produtoras, artistas, artesás e distribuidoras concienciadas no respecto pola contorna e a biodiversidade. Isto é o que nos transmitiron que é o veganismo na segunda edición da Feira Vegana e Sostible de Galicia, que se celebrou en Vigo.
Hai seis meses, cando tivo lugar a primeira feira, a expectación desbordou os cálculos da organización. 12.000 persoas se achegaron ao Ifevi para ver de cerca as opcións veganas tanto no que se refire á alimentación, como ao ocio, o coidado do corpo ou o consumo de enerxía. A boa acollida promoveu esta pronta repetición da experiencia, esta vez con máis oferta e case de volta na normalidade en canto ás restricións pola pandemia. Curioso ver o primeiro sábado de xullo, solleiro desde primeira hora da mañá en Vigo, centos de persoas percorrendo os expositores da feira Vegana.

Tal vez a advertencia sexa absurda, pero no tempo que pasamos alí ninguén cuestionou as opcións distintas ao veganismo nin escoitamos discursos nos que se repartiran culpas. Todo o contrario, a xente que estaba detrás dos expositores tiña ganas de explicar procesos de produción, ingredientes, valores nutricionais, maneiras de cociñar...
Así, atopamos a Alejandro Tartaglione, que con 29 anos está detrás de Zumiño. Boísimo zume de mazá (e moitas máis froitas e vexetais) elaborado no Baixo Miño, cunhas mazás recollidas en árbores á beira do río e prensadas en frío. «Empecei coa agricultura porque sempre estivo aí, aínda non é o meu modo de vida pero este ten que ser o ano do despegue», contounos. A pandemia colleuno no comezo do proxecto, pero aínda así xa hai zumes de Zumiño á venda na contorna de Vigo, Lugo e A Coruña, así como no País Vasco, Madrid e Barcelona. Distribúe tanto en bares como en tendas ecolóxicas, «alí onde aposten por algo novo e natural, porque polo prezo só non se pode competir», engadiu.
Había moitos postos con produtos de cosmética fabricada lonxe das prácticas cruentas cos animais, de artistas que reciclan materiais ou empregan téxtiles fabricados de forma respectuosa co medio ambiente. Alí estaban os xogos de mesa en galego de Brazolinda, as camisolas de Acontravento, as xoias de Ana Freiría, había libros de segunda man, técnicas de masaxe, sesións de ioga, produtos de limpeza ecosostibles... E tempo para pensar na factura da luz no posto da sociedade cooperativa galega Nosa Enerxía, que segue reunindo socios e socias co obxectivo de deseñar e montar as súas propias placas solares nun futuro.
«O veganismo é un sector moi novo aínda, que aínda que está a crecer moito estes últimos anos, fáltalle madurar, asentarse e profesionalizarse. A feira é a contorna ideal para por unha banda establecer relacións comerciais entre os diferentes actores que forman parte (produtores, marcas, distribuidoras, retailers...) e conseguir sinerxías á vez que chegar a unha cantidade brutal de clientes potenciais que coñecen e proban os seus produtos», sinalou Tamara Posada, organizadora da feira Vegana xunto a Ana Gontad e Patricia Menéndez.
Foi unha mañá de descubertas, como a dos chourizos veganos que elaboran en Carral. «Na pandemia, co confinamento e despois coas restricións, os chourizos salváronnos. Comezaron a pedilos restaurantes e tendas de toda España», explicounos Anahí Varela, da Factoría Verde, unha tenda e restaurante vegana da Coruña, que tamén está detrás da marca Gudi Foods.
Pero non se pode ir a unha feira vegana hoxe e non falar da soia texturizada, presente en moitos dos preparados. Segundo nos explicaron na Factoría Verde, é importante distinguir primeiro a soia de produción europea, sometida a controis estritos e segura para o consumo. Coa proteína desta soia fan unha das novidades nesta empresa coruñesa, a súa versión do raxo. Tamén con esta soia texturizada atopamos as Sojalitas, directas desde Toledo, que se venden deshidratadas e teñen –dependendo de como as prepares– unha textura semellante á da carne de polo ou máis parecida a un aperitivo para picar.
Probamos tamén a Heura, que logra imitar a textura da carne a partir de proteínas vexetais da soia. As especias que se empreguen en cada receita marcan significativamente o resultado neste caso, pois tanto podía ser algo semellante ao polo como á carne picada que podes atopar nuns nachos con condimentos varios. E ollo aos queixos a base de tofu, soia e froitos secos. No posto de Nutty Artisan Foods tiñan un queixo curado con marmelo moi interesante. Tamén atopamos diferentes maneiras de cociñar as algas e moitas pastas a base de vexetais cunha produción sostible.
O certo é que marchamos da feira Vegana con moitas opcións para achegarnos a esta forma de estar no mundo que é o veganismo. Sen imposicións. Hai un debate no mundo sobre a produción e distribución de alimentos e hai decisións –todo suma– que están ao noso alcance como pequenos consumidores para cambiar as cousas. Como sinalaba o cociñeiro Javier Olleros no podcast Retrocorenta, podemos comezar por consumir os produtos de temporada.